Outra fotografía:

Tipo de ben: Castelo,
Concello: Soutomaior
Parroquia: Soutomaior (San Salvador)
Lugar: A Peneda
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

A Fortaleza de Castrizán foi construída entre agosto e setembro do ano 1477 polo arcebispo compostelán Alonso de Fonseca II co obxectivo de vixiar o acceso dende o sur, reforzar o entorno da Pontesampaio e ser freo para a fortaleza de Soutomaior, casa principal do conde de Camiña, Pedro Álvarez de Soutomaior.

Construída con pedra do monte do Viso, trátase dunha fortaleza adaptada perfectamente á súa función. En primeiro lugar polo emprazamento, de vista privilexiada e dominio das vías de comunicación e da contorna; e, en segundo lugar, pola súa morfoloxía, con sistemas defensivos coma unha recia muralla, almeas, unha barbacá –aínda por localizar- para protección do acceso principal e a torre da homenaxe non incardinada nun muro senón exenta e no centro do recinto –normal, xa que non había ningunha esquina libre dun ataque. Tiña tamén dous accesos e estruturas intramuros. Na contorna localizáronse tamén os vestixios da antiga torre ou bara de casa, no centro do enclave, baixo a igrexa, ocupando unha posición preeminente.

A fortaleza foi derrubada polo conde de Caminha quen, logo da súa estadía en prisión castelá, remata con Castrizán, en 1478/9, con don Álvaro de Varcea, veterano aliado do arcebispo compostelán, defendendo a fortaleza e atrincheirándose na torre da homenaxe ata que, atacada esta nun dos seu ángulos, comezou a abanear, véndose obrigados a renderse..

Parte da pedra alimentou construcións do Viso e de Redondela, e outra reutilizouse na construción da ermida de Nosa Señora de As Neves da Peneda, xa en época moderna,e baixo a cal os vestixios de Castrizán son aínda visibles.

A historia conta que dende que fora liberado da súa prisión en Castela, Pedro Álvarez de Soutomaior atopouse cun novo inimigo fronte a el: o castelo de Castrizán, edificado aproveitando a súa ausencia no verán de 1477. Tras varios intentos de tomar a fortaleza e algún tempo de vixilancia, escaramuzas, berros e voces de Castrizán a Soutomaior e viceversa, as hostes do conde de Caminha, probablemente cara á segunda metade de 1478, parten do castelo de Soutomaior, guiadas polo propio conde e por Fernández de Aldao, meiriño da fortaleza nomeado por don Pedro. Tras un breve traxecto cercan sen maior dificultade Castrizán, onde se fortificaban os homes do arcebispo, acaudillados polo meiriño da fortaleza, don Álvaro de Varcea, cabaleiro membro dunha liñaxe xa veterana no servizo ao arcebispado compostelán dende os anos 30.

Polo acceso norte chega, a través do camiño que levaba a Soutomaior, un exército de varios centos de homes perfectamente armados, con lanzas e espadas, espingardas e ballestas, co propio conde de Caminha á fronte. Sen máis dilación escomenza unha longa batalla, sitiando o enclave. Ao mesmo tempo, e nunha estratéxica manobra, o conde asegura con tropas a Pontesampaio, de maneira que non se puidese abastecer de reforzos a Castrizán; un movemento que resultou clave por non permitir a renovación de tropas no bando do arcebispo.

Tras un feroz asedio no que, entre outros, perde a vida Pero Pedreiro, escudeiro de Gregorio Valladares, e comprobando que a defensa era imposible, don Álvaro, cuns vinte homes que lle quedaban, refúxiase na torre da homenaxe, forte e recia, mentres os homes do conde e Fernández de Aldao rompen o recinto fortificado e cercan a torre. Sendo así, e unha vez rebasado o primeiro recinto defensivo, foi só cuestión de tempo que a fortaleza caese.
Os homes do conde rodean a torre con todo tipo de armas e materiais para evitar fugas e comezan a minar a súa estabilidade, atacando unha das esquinas da base. Don Pedro Álvarez supervisa toda a operación, consciente de que non tardará en derrubarse, vendo por fin vencido, con triunfal rostro, o castelo que dende máis preto o ameazaba.

O cerco mantense ata o mencer, en que, cercados por catrocentos homes de armas do conde, coa torre estremecéndose pola ofensiva aos cimentos e sendo imposible a resistencia, don Álvaro de Varcea, canso, rende o enclave a cambio da súa vida e a dos seus homes. Cando chega o arcebispo, a fortaleza fora xa derrubada por completo e non debían de quedar dela máis ca cinzas, pedras derrubadas e muros inservibles.


Fotogrametría:

Propiedade: PúblicaComunal
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta: GA36053001
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

BIBLIOGRAFÍA:
SÁNCHEZ SÁNCHEZ, X.M. “Castrizán: A fortaleza vixiante do sur. 1477-1478/9″. Seminario de Estudios Redondeláns (SEREN). Boletín nº 2. Redondela, 2005.

ENLACES WEB:
http://www.pxomsoutomaior.com/documentacion/TOMO%20V_%20CATALOGO%20DE%20BENS%20A%20PROTEXER_Vol3.pdf (Ficha 1)
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/REDONDELA/documents/0906CA001.pdf (p. 2)


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.326942901
Lonxitude: -8.59011769295
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84