Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Cambados
Parroquia: Cambados (Santa Mariña)
Lugar: Av. Pastora
Outra denominación do ben: Ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

As ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo son os restos que quedan dunha igrexa gótica construída no século XV. Érguese na base do monte da Pastora, nas inmediacións dun antigo castro, sobre unha edificación románica do século XII. É de estilo gótico mariñeiro con influencias renacentistas.

A igrexa mantivo o culto ata mediados do século XIX. En 1838, ante a ameaza de ruína, trasladouse provisionalmente o culto á igrexa do convento de San Francisco, extinguido en 1835. Sacouse o teito da igrexa, de madeira e a dúas augas, pero a restauración paralizouse e non se fixo máis nada, polo que a ruína foi cada vez a máis: derrubouse a fachada, perdéndose o rosetón; retablos e altares foron trasladados ou, simplemente, desapareceron, e o uso como cemiterio deixou de ser unicamente nobiliario para pasar ó común da parroquia.

Consérvase a planta da nave, catro arcos transversais, de medio punto, a ábsida e mais cinco capelas laterais, ademais da que cumpría funcións de sancristía. Tiña unha soa nave, cunhas dimensións de 24 por 11,4 metros, sendo os tres primeiros tramos da nave máis anchos cós restantes. Na decoración dos arcos e das capelas destacan os relevos da Encarnación, Cristo e os doce apóstolos, a Expulsión do Paraíso e as imaxes dos sete Pecados capitais. Na clave dun dos arcos vémo-lo relevo da Preguiza, representada por un home que, coa cabeza entre as pernas, aliméntase dos seus propios excrementos.

A ábsida, de planta cadrada, ábrese cun arco apuntado e posúe bóveda de crucería, formando unha estrela de catro puntas, e cun sol na clave, que representa a Cristo. Quedan aínda algúns restos, moi deteriorados, das pinturas murais do século XVI que recubrían as paredes ata a liña da imposta.

Existen restos de pinturas muraís do século XVI moi deteriorados no mesmo abside e na sacristía, asi coma nunha capela no muro norte da nave.

Na sancristía, no lado da epístola da capela maior, houbo un Calvario nunha fornela. Esta sancristía, o mesmo cás cinco capelas laterais, foron construídas con posterioridade ó corpo principal da igrexa, encaixándoas entre os contrafortes. As dúas primeiras, unha a cada lado contando desde o pé da igrexa, so teñen uns 2 metros de profundidade e fan pensar nun uso meramente funerario; nunha delas exponse unha imaxe típica dos petos de ánimas e dúas tampas de sartegos xa inexistentes. As capelas poden datarse no segundo terzo do século XVI e existe documentación de 1549 que avala a existencia de, canto menos, unha capela, a de Alonso Fariña, veciño de Pontevedra, para a que se encarga nesa data a construción dun retablo. Unha última capela foi construída cara 1600.

A capela da Encarnación, no lado Norte, é a que aparece datada en 1590, se ben contén pezas decorativas anteriores. Chámase así porque o arco de acceso está decorado por relevos que representan este momento e que lembran a mesma imaxe nos baldaquinos galegos. Na clave do arco, unha imaxe de Deus en maxestade, bendicindo ós fieis. Fronte a esta capela hai outra na que destacan as figuras de Cristo e os doce apóstolos ó longo do arco de acceso.

Na fachada existía un rosetón, desaparecido a principios do século XX. Consérvase tamén unha das torres da fachada, semiderruída.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM) Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

● Julio González Montañés: “La iglesia de Santa Mariña Dozo”. Pontenova. Revista de investigación xove, nº 0, 1993.
● Julio I. González Montañés: “‘Parvulus puer in Annuntiatione Virginis’: los relieves de Santa Mariña Dozo”. Archivo español de arte, ISSN 0004-0428, Tomo 67, Nº 266, 1994, p. 173-175.
● N.S.P 20/07/1994 Concello de Cambados. Fichas A1-C2. p. 38.
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/CAMBADOS/documents/0734CA002.pdf

Relación de Bens de Interese Cultural de Galicia
http://cultura.xunta.es/imxd/programa/doc/1350635148121004BICGALICIA.pdf
http://gl.wikipedia.org/wiki/Igrexa_de_Santa_Mari%C3%B1a_Dozo
http://tejiendoelmundo.wordpress.com/2010/10/03/cementerio-de-santa-marina-de-dozo-cambados/


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.511909319788174
Lonxitude: -8.807510733604431
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84