Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa, Paisaxe histórica/cultural, Paisaxe natural,
Concello: Muxía
Parroquia: Muxía
Lugar: Muxía
Outra denominación do ben: Nosa Señora da Barca, Pedra de Abalar, Pedra dos Cadrís, Pedra do Temón
Cronoloxía: Descoñecida,
Descrición:

O pagán e o sagrado mestúranse nesta punta da Costa da Morte.
As primeiras noticias sobre o santuario datan do século XV, pero a adoración a estas pedras debe vir de moito antes.
Unha lenda ancestral cristianizada como tantas outras. A tradición conta que a Virxe chegou a estas costas para confortar a Santiago na súa predicación. Disque chegou navegando nunha barca de pedra gobernada por dous anxos, e alí na beiramar quedaron ata hoxe.
Mais esta non é a única barca de pedra na que chegan santos. Santiago o de Compostela ou San Andrés o de Teixido tamén arribaron en estrañas embarcacións pétreas. Pero mesmo en Irlanda, Cornualles, Bretaña, Gales ou Escocia en tódalas fisterras atlánticas os santos viaxan en barcos de pedra.

Así o conta Xosé Luis Laredo Verdejo:
“Como noutros moitos outros lugares, tamén en Muxía é doado adiviñar a cristianización dun culto antigo. A situación do santuario nun cabo orientado a poñente, nun dos moitos posibles Fins do mundo de Galicia, e o grande protagonismo acadado aquí por un barco de pedra, pódenos levar a deducir antigas crenzas relacionadas coa viaxe á illa do Paraíso, con ese Máis Alá de onde veñen os santos que navegan sobre pedras sucando o Atlántico.”

Ata este punto chegan peregrinos, romeiros e devotos para cumprir coas tradicións das tres pedras, que contarei no apartado de tradición oral. Aquí limitareime a describilas, para que saiba o que as visite cal é cada unha.

– PEDRA DE ABALAR:
É unha grande laxe de granito de só 30 cm de grosor e uns 9 m de longo por 7 m de ancho. Trátase dunha pedra oscilante con propiedades adivinatorias, como tantas como había por Galicia (case medio cento).

– PEDRA DOS CADRÍS
Sería a vela da barca. Trátase dunha pedra cunha forma bastante singular que está furada cun oco.

– PEDRA DO TEMÓN
Esta pedra atópase actualmente fendida. Semella un temón de espadiña, os utilizados nas antigas embarcacións nórdicas. Como di Laredo, “Este detalle pódenos permitir datar a orixe do culto como anterior ó século XIII, época na que se xeneralizou o temón de codaste.”

Finalmente, respecto ó santuario; os primeiros escritos datan dos séculos XIV e XV, concretamente do 1544, onde nos falan dunha pequena capela dedicada á Virxe da Barca. No século XVII, debido ós misteriosos milagres que lles contaban os devotos, o templo logrou o seu máximo apoxeo. Por iso, no 1719 construíuse a actual igrexa, gracias ás donacións dos Duques de Maceda, señores das Torres de Cereixo. O santuario é de pranta de cruz latina, dunha soa nave, de estilo barroco. Uns arcos faixóns sosteñen a bóveda que cobre a parte da nave. Na parte central, cúbrese con bóvedas de arestas. As torres da fachada son posteriores, do século pasado, no 1958.
No interior, atopamos a imaxe gótica da Virxe da Barca, e un retablo barroco, onde se representan ós doce apóstolos rodeando á Virxe que se atopa na barca que segundo a lenda a trouxo ó lugar.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: InfraestruturaOutros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
  • PEDRA DA BARCA (A DE ABALAR)

A barca propiamente dita, ten propiedades adiviñatorias. Se abala soa é presaxio de naufraxios ou desgracias. Tamén ten propiedades propiciatorias, porque se os romeiros conseguen movela é sinal de boa disposición da Virxe. Incluso se un é puro de corazón conseguirá abalala el só. Finalmente, posúe propiedades fecundativas, pois o romeiro que quixera ter fillos debería bailar ó seu redor para pregar pola descendencia.

  • PEDRA DA VELA (A DOS CADRÍS)

Chamada a pedra dos cadrís, porque hai que anicarse para pasar por baixo dela e porque che cura a dor de cadrís, a dor renal.  O ritual consiste en pasar polo oco natural que hai debaixo da pedra. O número de veces son sete, o número máxico. Como di Laredo Verdejo:  “Coma noutras pedras de culto, estamos diante dun rito de paso, dun renacemento espiritual e físico que se logra ó atravesar esas portas simbólicas.”


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

LAREDO VERDEJO, X.L. Galicia Enteira 1. Costa da Morte e Fisterra. Xerais, Vigo


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.11194902577619
Lonxitude: -9.220200777053833
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84