
Outra fotografía:

Tipo de ben: Vila romana, Necrópole,
Concello: Terra de Soneira (comarca) / Vimianzo
Parroquia: Tines
Lugar: Tines
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Romana, Época Altomedieval,
Descrición:
O adro da igrexa de Tines (Vimianzo) garda unha importantísima necrópole romano-sueva con enterramentos que van dende o século I ó VIII d.C. Ademais, tamén se descubriron restos que indican que houbo unha vila romana.
VILA ROMANA
Os enterramentos foron descubertos casualmente cando se construían uns novos panteóns e se trasladou a chamada Ermida Vella ó templo parroquial. O arqueólogo Manuel Chamoso Lamas foi o encargado de realizar a única e parcial escavación da necrópole de Tines no ano 1951. Chamoso puido comprobar que ademais da necrópole, houbo no lugar unha vila romana con catro salas, pórtico e hipocausto. Así é que se atopou: unha base dunha columna, restos de material construtivo, terra sigilata, etc.
ENTERRAMENTOS ROMANO-SUEVOS
Ademais, nos enterramentos de Tines atopouse o que se considera o primeiro testemuño cristián en Galicia: a chamada estela funeraria de Victorino, de época tardorromana, na cal se pode distinguir un rostro humano toscamente gravado, cunhas simples incisións que representan as cellas, os ollos e o nariz. Na parte inferior da estela pódese ler:
“VICTORI/ NVS/ IN PACE/ ANNORV/ MCXX” (VICTORINO (MORRE) EN PAZ (ÓS) 70 ANOS)
A fórmula “en paz” indica que o defunto era cristián, por iso é a primeira mostra epigráfica cristiá de Galicia, datable a finais do século IV ou principios do V. Hoxe (coma todo) a estela de Victorino marchou para A Coruña e está exposta no Museo Arqueolóxico de San Antón.
O que podemos visitar en Tines son dous sartegos de pedra e un muíño de man ó seu carón (se é que ninguén o levou). As tampas dos sartegos foron aproveitadas para construír a espadana da igrexa (fixádevos na parte posterior), nunha parede exterior da caseta de fábrica e no valado do cemiterio.
Os enterramentos romanos son os feitos de tégula. Os da época bárbara son os sarcófagos pétreos, que presentan dúas formas: os máis primitivos son ovais (posiblemente dos primeiros tempos de dominación sueva); os outros están máis coidadosamente labrados con forma humana. A maior parte dos sartegos destruídos antes das escavacións do 51 eran antropoides.
No ano 1984, na leira do lado descubríronse restos de tumbas feitas con tegulas e outras pétreas antropoides –unha delas aínda cun esqueleto no interior.
Fotogrametría:
Propiedade: Pública
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
LEMA SUÁREZ, Xªmª e VVAA (2010),Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte. Xerais, Vigo
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Ningún estudioso dubida da importancia do descubrimento da necrópole de Tines, pero o certo é que os restos encontrados durante as escavacións dos anos 50 quedaron completamente abandonados dende aquela no propio adro da igrexa, sen ningunha clase de protección por parte das autoridades. Sería de grande interese facer unha escavación con xeito no lugar, que axudase a saber un pouco máis da Galicia da primeira Idade Media en Galicia, tan descoñecida.
Onde está localizado
Latitude: 43.11141251345231Lonxitude: -8.970385193824768
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
3 comentarios
adela suma says:
Set 9, 2011
Coma información complementaria, enlazar o inventario das N.S.P. (1994) vixentes en Vimianzo:
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/VIMIANZO/documents/0404CA003.pdf
adela suma says:
Set 9, 2011
E o plano de ordenación onde aparece grafado co seu ámbito de protección:
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/VIMIANZO/documents/0404PB008.jpg
Oscar Franco says:
Xan 21, 2019
https://historiadegalicia.gal/2019/01/asi-e-o-esquecido-lugar-onde-se-atopou-a-primeira-mencion-epigrafica-o-cristianismo-en-galicia/