Outra fotografía:
Tipo de ben: Pazo / Casa Grande,
Concello: Marín
Parroquia: Piñeiro (Santomé)
Lugar: O Cadro
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:
As primeiras referencias á existencia deste pazo datan do século XV, pero é a finais do XVI, en 1590, cando o Mosteiro de Oseira afora a torre a Vasco de Romay, permanecendo a casa ligada a esta familia durante trescentos anos. A finais do século XVIII, o pazo pasou á familia Cea, tras o matrimonio de Juana Añel Romay, Señora de Cadro, con José de Cea, dono do Pazo de Cea, en Nigrán. Máis tarde, a propiedade pasou a mans do Concello, que o deixou arruinar para finalmente vendelo nos anos 60. A súa propietaria, a escritora e xornalista sueca Cristina Lilliestierna, restaurou a casa con agarimo, pero tras a súa morte, no 2000, os seus herdeiros liquidaron o mobiliario (entre o que destacaba a colección de cerámicas e de alfombras persas) e venderon o pazo, sen que o concello tentara poxar por el. Mercado por un particular, non se puido evitar que a casa fose obxecto dun sistemático saqueo de todo o que quedaba. Hoxe, as portas están tapiadas, as fiestras rotas, e a altivez fidalga da vella torre e pazo foi sustituída polo desleixo.
A parte máis antiga do Pazo é a torre, con pranta terrea máis dous andares, e remate ameado, que cabería datar no século XV. A ela engadiuse un corpo residencial, no que destaca, pola parte traseira, un elegante balcón corrido, asentado sobre canzorros, e unha ampla solaina a nivel de terra rodeada de balaustres, dominando o val de Esperela. A data desta edificación, na súa traza actual, pódese datar en 1710, segundo consta nunha inscrición onde Juan de Romay fai constar a realización de diversas obras de acondicionamento.
O último corpo é a capela, adosada ao Pazo, fermoso exemplo de traza barroca-clasicista. Accédese a ela por unha porta lateral con escalinata, independente do pazo. Sobre a porta, hai un pequeno rosetón calado, quizais aproveitado dunha construción anterior, e un nicho coa imaxe de Santa Bárbara, advocación do templo. A nave está cuberta por unha elegante cúpula sobre pendentes, decoradas con diversos blasóns familiares, e rematada por unha airosa lanterna, mentres que o presbiterio cúbrese cunha bóveda de canón. A capela, erguida xunto co resto do pazo, arruinouse e foi posteriormente reconstruída a principios do século XIX, sendo dono do pazo D. José Cea Añel e Romay, xunto a outros elementos do conxunto, segundo consta en inscricións no portalón de entrada, e na parede da capela.
Decorando as fachadas hai varias pedras armeiras, dúas na residencia, outra no pincho da capela, e outra no portalón, ademais das indicadas no interior da capela. Nelas pódense distinguir os blasóns dos Romay ou dos Soutomaior.
Outros elementos cos que conta o Pazo son un hórreo, na eira diante da fachada, sobre cinco pares de pés, e un pombal. Engadidos posteriormente, hai unha casa para os caseiros, e dúas piscinas.
Fotogrametría:
Propiedade: Privada
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
Lilliestierna, Christina. Vivir no fin do mundo. Ed. Xerais Galicia. Vigo, 1983. 216 p. ISBN: 84-7507-105-8.
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:
O pazo está nun lamentable abandono, tras o saqueo ao que foi obxecto tras a morte da súa anterior propietaria.
Onde está localizado
Latitude: 42.3598084206Lonxitude: -8.7002491951
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
4 comentarios
adela suma says:
Set 4, 2011
As Normas Complementarias e Subsidiarias de planeamento de Pontevedra recollen no seu inventario de patrimonio histórico-artístico este pazo:
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/GALICIA/documents/PONPA003.pdf
Estevo says:
Nov 5, 2013
Artigo sobre o pazo na Galipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Pazo_de_Cadro
Oscar Franco says:
Feb 11, 2016
O Pazo de Cadro na prensa escrita do 11 de febreiro de 2016:
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/marin/2016/02/11/tragedia-pazo-cadro/0003_201602P11C6994.htm
Oscar Franco says:
Mar 25, 2021
O Pazo de cadro na prensa dixital do 22 de marzo de 2021:
https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/joya-patrimonial-olvidada-marin/202103221226471132865.html