Outra fotografía:

Tipo de ben: Necrópole,
Concello: Redondela
Parroquia: Redondela (Santiago)
Lugar: Redondela - Rúa Campo das Redes
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:

A idea de facer este cemiterio xurde nos anos 20 do século XIX. O lugar elixido foi un enclave situado no Campo das Redes, ao Nordeste da igrexa parroquial de Santiago Apóstolo, nos extramuros da vila de Redondela, nos terreos anexos ao hospital de pobres e peregrinos. No inventario municipal de 1923 figura cunha superficie de 1733’75 metros cadrados, aínda que a súa extensión real é de 1862’60 metros cadrados. O seu perímetro é rectangular, circundado por amplos muros de cantería de perpiaño, cunha altura media de 2’40 metros, e unha única entrada con marcos de cantería e portalón de reixas.
Fronte á entrada discorre unha rúa principal, atravesada en perpendicular por outra, de maneira que describe catro zonas, circundadas por unha vía perimetral ao longo de todo o cemiterio delimitada por sebes de buxo.
Co paso dos anos vai tomando gradualmente a súa forma actual coa instalación de panteóns e sepulturas por todo o perímetro, adosados ao muro de peche, a excepción de algún mausoleo, como o dedicado ao alcalde de Redondela, Ramón Pardo Ferro, situado no centro dunha das catro zonas internas.
Non se conserva planimetría, proxecto nin documentación que fale do inicio da construción de dito cemiterio. No ano 1833, un cruce de “oficios” entre o concello de Redondela e a “Subdelegación de Propios y Arbitrios de la Provincia de Galicia” e a “Contaduría General de Madrid” fala da financiación da súa construción:
“El coste del Cementerio que acaba de construirse no puede pagarse de un fondo que no existe, ni se le conoce a la iglesia parroquial…”, 11 de julio de 1833.
O Estado consideraba que o novo cemiterio debería de ser financiado pola igrexa, pero xustificando dificultades económicas non se fará cargo do coste que ascendía a 680 reais, sendo o concello de Redondela quen soporte a financiación e pasa a ser de titularidade municipal, independente das parroquias, e que vai ser coñecido popularmente como “Cemiterio dos Eidos”.
Aínda que non se atopou a planimetría nos arquivos municipais, sábese que existiu baixo o título “Plano Parcelario del Cementerio de Redondela”, e que foi proxectado por Antonio Arines.
Case 100 anos despois da súa construción, o 14 de maio de 1927, nunha sesión da xunta municipal de sanidade, proponse a construción dun novo cemiterio lonxe da vila. Pero este proxecto non chega a consolidarse, polo que o concello autoriza a construción de novos panteóns e mausoleos no Cemiterio dos Eidos, orixinando o corredor principal no centro da estancia, tal e como se observa hoxe. Completaríase o conxunto dunha maneira gradual con outras pezas funerarias que darían orixe á vía transversal, xerando as catro zonas que hoxe se aprecian.
No camposanto o poder burgués se expresou en vistosos panteóns e mausoleos que competían en monumentalidade. O cemiterio tamén reflexa a importancia que alcanzou en Galicia a emigración, destacados indianos que regresan enriquecidos constrúen suntuosas residencias, e no cemiterio levantan panteóns ou mausoleos.
Un recordo memorable se garda en Redondela dos 42 represaliados da Guerra Civil que foron soterrados no Cemiterio dos Eidos, e se conmemora a súa entrega en defensa da República nun monumento situado nun dos espazos interiores do cemiterio, datado o 14 de abril de 2001.


Fotogrametría:

Propiedade: PúblicaComunal
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

BIBLIOGRAFÍA:

ORGE QUINTEIRO, José Antonio: “Os Eidos: a vila dos mortos”. Seminario de Estudios Redondeláns (SEREN), Boletín nº 3, 2006.

ENLACES WEB:
https://anecdotarioredondelan.jimdo.com/atractivos-tur%C3%ADsticos-e-patrimonio/cemiterios-antigos/
http://www.redondela-server.net/miniwebs/redo_inventario/urbanas/datos/202.pdf
http://galego.farodevigo.es/comarcas/2018/01/21/eidos-aspira-declarado-cementerio-singular/1823385.html


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

O mantemento do cemiterio é mínimo. Non estaría mal a limpeza da pedra de algúns pateóns e o empedrado do chan que segue a ser de terra. Outra opción, levada á práctica noutras vilas, sería o traslado das tumbas menos interesantes, históricamente falando, e convertir o recinto nun parque temático no que poder contemplar a arquitectura fúnebre e dar a coñecer a historia da vila.


Onde está localizado

Latitude: 42.2837245299
Lonxitude: -8.60638797283
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84