Outra fotografía:

Tipo de ben: Castelo,
Concello: A Barcala (comarca) / Negreira
Parroquia: San Martiño de Broño
Lugar: San Martiño de Broño
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Descoñecida,
Descrición:

O PXOM do concello Negreira do ano 2000 non recolle este lugar como restos de Castelo ou fortaleza nin como castro, aínda que si podemos ver catalogado o Castelo de Broño, o cal aparece na documentación como pertencente aos Martiño de Lobeira no territorio dos Trastámara e que os irmandiños remataron por tombar. Tampouco Agrafoxo o menciona no libro “ O habitat castrexo no Val de Barcala, Amaia, e o Val do Dubra”.
O asentamento que vemos aquí está localizado nun outeiro que domina un pequeno val na marxe dereita do río Barcala, moi cerca da aldea de San Martiño de Broño, onde está situada a igrexa parroquial, e entre as aldeas de Rioseco e Redemuíños. Os veciños coñéceno co nome “o monte do castelo” e afirman que aí se tiña atopado gran cantidade de tella e outros tipos de cerámica. Ten unha estrutura parecida as motas, coa súa configuración con elevación de forma de tronco de cono e cun foso ao seu redor, moi visible e ben conservado pola parte norte. A elevación central de fortes pendente mide uns 50 metros de diámetro, e adivíñanse movementos de terra que reforzarían as característica naturais do terreo. Na topografía dos montes próximos parece deducirse a existencia doutras defensas máis exteriores. No cume pódense ver uns pequenos muros moi esborrallados de cachotaría que conforman unha estancia cadrada duns 6 metros de lado e que presentan un fondo buraco, froito dunha escavación. A pouca distancia está unha importante vía de comunicación ou camiño real, que conserva o topónimo na aldea que está a 700 m., Camiño Real, e pola cal pasa aínda hoxe o camiño xacobeo a Fisterra. Non tería unha gran visión do entorno e a falta de outra información, podería estar no contexto histórico do veciño Castelo de Broño e ser utilizado como complemento desta fortaleza ou pertencer a outro momento que se nos perdería no tempo, como outro tipo de motas ou fortificacións que existen no noso territorio. Se imos un pouco máis alá no contexto que ocupa, o Castro de Guimaráns, de parecida estrutura, pero máis grande e que está catalogado como castro no límite dos concellos de Negreira e A Baña, o Castelo de Broño e este Monte do Castelo de San Martiño de Broño, trazarían unha liña recta entre os tres asentamentos de 2,5 Km., e dirección noroeste a sueste. Podémolos ver na montaxe da foto secundaria. O Monte do Castelo de Broño é o da dereita da foto.

Nota de actualización: A partires do mes agosto do ano 2018 aparece este lugar catalogado como “O Castelo da Torre”, con codigo GA15056063 no visor do Plan Básico Autonómico, na selección de capas de Afeccións – Patrimonio Cultural.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta: GA15056063
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.9227747629
Lonxitude: -8.78077983856
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84