Outra fotografía:

Tipo de ben: Ponte,
Concello: Ourense
Parroquia: Ourense
Lugar: O Ribeiriño
Outra denominación do ben: Ponte Ribeiriño
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:

Ponte construída en perfecto perpiaño de granito moi uniforme, de un só oco, que serviu para que a liña de ferrocarril Vigo-Ourense salvara a valgada entre o Ribeiriño e a Chavasqueira.
Máis parece unha muralla polo sobrio acabado, case libre de decoración, e os seus tupidos muros, lixeiramente en talude, que continúan a forma do terraplen. Atópase nas proximidades da primeira das tres estacions con que contou a cidade.

A relación do ferrocarril ca cidade de Ourense tivo distintas etapas, todas elas localizadas en Ponte Canedo.

A primeira desas etapas foi a da liña Ourense-Vigo inaugurada no ano 1881. No ano de 1855 promulgárase a “Ley General de Ferrocarriles” e como resultas desa lei fóranse constituíndo as principais compañías de ferrocarrís, empresas privadas que obtiñan a concesión dun recorrido, encargábanse da súa construción e, logo, da explotación. Unha desas compañías, a concesionaria do ferrocarril de Medina del Campo a Zamora, consegue tamén (en 1861) a concesión do tramo Ourense a Vigo e, con ese motivo, pasa a chamarse “Compañía de los FF.CC. de Medina del Campo a Zamora y de Orense a Vigo”, abreviando “Cía. M.Z.O.V.”.

Os proxectos, trámites, preparativos e obras foron de vagar e os 131 quilómetros do trazado tardaron nada menos que vinte anos en materializarse. As obras máis dificultosas foron o túnel de Os Valos (de 1.600 metros de lonxitude) e un viaduto de ferro (de 411 metros de longo) “sobrevoando” Redondela.

O primeiro tren deste primeiro percorrido chegou a Ourense, sendo motivo de gran festa, o 31 de Marzo do ano 1881, comezando a explotación comercial o 9 de Xullo do mesmo ano. A estación terminal estaba no Ribeiriño, onde aínda hoxe as casas amosan unha aliñación curva, en forma de arco, froito da reserva de espazo que requiría a estación.

Esta estación era provisional e pouco se sabe dela. Debía de ter unhas instalacións moi sinxelas, o mínimo imprescindible: dúas ou tres vías, unha placa xiratoria para virar as locomotoras e pouco máis. Ata é posible que nin tivese edificacións fixas. Estivo en servizo pouco máis de catro anos, o tempo preciso para rematar a nova estación uns centos de metros máis arriba, á beira da nova estrada de Santiago, nun espazo moito máis amplo. Esta estación estivo en funcionamento dende o 9 de xullo de 1881 ata o 13 de maio de 1885, data en que se inaugura a “nova”.

Para salvar a gran valgada que había (e que aí sigue estando) entre o Ribeiriño e a Chavasqueira, unha bocarribeira que rompe a fisionomía uniforme do resto da zona, tiveron que construír un terraplén e unha ponte xusto antes da estación, obra de nivelación que despois de máis de 125 anos segue prestando o seu servizo a coches e peóns. Recentemente a ponte foi reforzada (cun contraforte de pedras) e ancheada cuns voadizos para beirarrúas, pero polo demais, durante todo ese tempo, mantívose exactamente igual, sen outro cambio que o do asfalto no lugar das vías.

Información: www.canedo.eu/canedo


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Infraestrutura
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Dato descoñecido
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://www.vigoempresa.com/html/es/cronicas.php?id=111654
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2006/06/08/4843881.shtml
http://www.canedo.eu/canedo/ferrocarril.html


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.3464803098
Lonxitude: -7.87253022194
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84