Óscar Franco

Óscar Franco

Docente, músico e intrépido aventureiro de fin de semana. Así é Óscar Franco, un dos máis activos catalogadores de patrimoniogalego.net


“Traballo polo patrimonio e a cultura do país”

Óscar Franco (Vigo, 1978) herdou o alcume de Escolante. Facéndolle honra á súa familia, é profesor de música. Impártelles clases aos seus alumnos da ESO e de Bacharelato no colexio vigués Miralba. Ademais, toca o saxofón e aproveita as excursións de fin de semana para catalogar centos de bens.

Franco móvese, principalmente, nos arredores da súa cidade e das Rías Baixas en xeral. No medio de toda esta actividade, aínda ten tempo para concedernos unha entrevista e falarnos da súa experiencia como colaborador deste proxecto cando xa se aproxima a un volume de 5 mil fichas.

Comecemos pola túa historia. Cóntanos por que decidiches entrar a formar parte deste proxecto de maneira tan activa.

A paixón polo noso patrimonio xa me vén de cando neno. Na miña nenez xa facía moitas rutas; adoitaban levarme a visitar mosteiros antigos. Logo, empecei a collerlles gusto ás árbores xenealóxicas. Meu tío, o escritor Xosé Luís Franco, fixo a súa entrada na Real Academia Galega coa lectura da árbore xenealóxica do seu pai, o que me tirou moito para decidirme a facer a árbore xenealóxica da miña avoa paterna. Máis tarde, cando empecei a gañarme a vida, atopei a Carlos Solla, un etnógrafo que traballa na zona de Cerdedo e que fixo un labor moi importante no monte do Seixo, e comecei a acompañalo nas visitas ao monte. Cando descubrín a web de Manuel Gago, Capítulo 0, tamén empecei a querer ir aos lugares referenciados na súa páxina. Finalmente, veu patrimoniogalego.net, e aí xurdiu para min unha oportunidade de ir facendo un traballo a prol do patrimonio e a cultura do país.

En canto á ampla área que abrangues, como valoras o estado no que se atopan a maior parte dos bens?

A zona caracterízase por ter unha cantidade de patrimonio inmensa. Ultimamente estamos a traballar nas Neves, e a verdade é que só con ese concello non dás feito. E no tocante ao conxunto do territorio que abrangue a provincia de Pontevedra, xa non che conto. Tes de todo e, en xeral, utilizando a terminoloxía que se emprega nas fichas de patrimoniogalego.net, definiría o estado de conservación deses bens entre regular e bo.

Catalogar preto dun milleiro de bens, como ocorre no teu caso, debe de levar moito tempo e requerir esforzo abondo. Cales foron os que che deron máis traballo?

Leva o seu tempo, efectivamente. Antes, cando ía ir a tal zona, buscaba información. Que hai aí para ver?, pois isto. Logo chegas alí e o sitio xa no está. Se dá traballo? Pois si. O que máis me custou localizar foi o petróglifo do río Vilar, en Oia. Está á beira mesmo do río e ten forma como de barco. Para dar con el, fun cinco ou seis veces e non o daba atopado. Tras moito buscar, e xusto antes de desistir, a miña parella, Clara, topouse de casualidade con el. Repartimos o traballo entre os dous, sobre todo á hora de buscar.

De todos os bens que catalogaches, cal recomendarías visitar?

Son uns cantos. Por exemplo, o devandito petróglifo do río Vilar. Gardo tamén un moi bo recordo do mosteiro de Palmés, preto de Ourense, a onde me dirixira logo de atopar una referencia publicada en Capítulo 0. Ese sitio é moi chulo, polo que merece a pena visitalo.

Imaxinamos que durante este tempo de catalogación vivirías algunha que outra anécdota. Cóntanos algunha delas.

Así a dedo, quedaría cos momentos nos que tes que falar coa xente que vas atopando cando indagas na procura dalgún ben. Hai xente moi amable, que che conta sen problema ningún cando lle preguntas por calquera cousa, pero logo hai xente que te mira realmente mal. Mesmo nos preguntan se somos da contribución ou do Concello. Ti chegas alí cunha cámara e vente sacando fotos e mais cun bolígrafo e cunha libreta para tomar notas e desconfían. A xente desconfiada diría que é a anécdota que máis se repite. Cando chegas alí, hai xente que che abre e que che deixa ver o que sexa, pero logo hai outra xente moi desconfiada. Como urbanita que son, e isto pode semellar un cliché, resulta que é algo que non deixa de chamarme poderosamente a atención.

Como usuario avanzado do catálogo, que suxerencias farías para mellorar no futuro o funcionamento ou as utilidades de patrimoniogalego.net?

O que vexo ultimamente é pouca información nos medios de comunicación sobre o catálogo, especialmente na prensa escrita. Dá a impresión de que está a cousa un pouco parada, de que hai un escaso fluxo de novas que dean conta da existencia ou dos logros deste catálogo social. Un pouco máis de promoción víñalle ben, na miña opinión. Doutra banda, na interface de patrimoniogalego.net houbo unha serie de cambios recentemente. Agora déixache ver que é o máis comentado ou o máis visto, o cal me parece moi ben, pero boto en falta a opción que che permitía ollar “os últimos comentarios” sen teres que andar a buscalos. Antes, podías ver o último comentario en calquera ficha, mentres que agora non, co cal non podo saber doadamente se alguén comentou algo. Neste senso, agradecería que se puidesen ver ao momento os últimos comentarios á parte de coñecer “o máis comentado”. Polo demais, a miña valoración do proxecto non poder ser máis positiva. Entrei a formar parte del digamos que por gusto polo descoñecido, e agora estou encantado co resultado.