Outra fotografía:

Tipo de ben: Castro / Outros xacementos da Idade do Ferro,
Concello: Redondela
Parroquia: Negros (Santo Estevo)
Lugar:
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade do Bronce, Idade do Ferro,
Descrición:

Este castro atópase situado nunha elevación estratéxica e defendida pola propia orografía a uns 335 metros sobre o nivel do mar. Segundo a tese de Xulio Carballo, o castro é de finais da idade do Bronce, e a súa ocupación continúa ata época romana.
A entrada ao castro vai bordeando a muralla pola zona sur ata chegar ao cumio da coroa no sureste.
Por toda a parte superior e ladeira meridional do coto hai unha gran cantidade de pedras soltas que puideran ser as evidencias de murallas agora desmanteladas.
A croa, de aproximadamente 75 x 50 m., está chea de penedos graníticos, ao igual que o resto do monte.
No interior do recinto castrexo, a pesar das graves alteracións que sufriu, aínda son perceptíbeis os restos pétreos dalgunha vivenda.

Tamén destacan os petróglifos que existen tanto no interior como no exterior da fortificación, hoxe tapados pola vexetación:

* No interior do recinto castrexo existe uns petroglifos nunha rocha a rás de chan, que consiste en numerosas cazoletas e liñas que nalgúns casos aparecen asociadas.
* No exterior do recinto castrexo existen dous grupos de petroglifos. O primeiro, ao pé da elevación ao Oeste a uns 20 metros do parapeto exterior, consiste nun gran número de cazoletas e sucos xunto cun círculo simple con cazoleta central. O segundo grupo, na aba Sur en rochas sobresalintes do terreo, dous grupos de cazoletas.


Fotogrametría:

Propiedade: Comunal
Uso actual: Sen usoOutros
Código no Catálogo da Xunta: RI.000034218
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

No camiño occidental apareceron numerosos fragmentos de cerámica (común, ánfora, tégula, …).


Tradición oral:

A moura-serpe do castro de Negros

No castro de Negros, a moura vive dentro da montaña, baixo a aldea castrexa, no interior dunha cavidade chamada a “Igrexa da Preta”. Nas distintas versións hai referencias a que era a raíña da fortaleza da montaña, que alí facía grandes xantares con cabaleiros que viñan a cabalo para visitala.  Noutras versións esta moura sae todas as mañás a recibir o sol nacente  (a cavidade está orientada ao leste) e fai rezos e invocacións ao astro solar. Polas noites sae da cavidade en forma de serpe e sobe ata o curuto do castro.  No curuto atópase a Cadeira da Moura, unha rocha ao bordo do precipicio que está orientada directamente cara á ría. Nesta cadeira ela senta,  xa transformada novamente en muller moi fermosa, e peitea o seu cabelo cun peite de ouro baixo a luarada da noite. Neste lugar é onde ten os seus encontros cos mozos que a pretenden. Unha das crenzas é que se trata dunha moza enfeitizada entre esta vida e o ultramundo,  gardando un gran tesouro,  e aquel que sexa capaz de romper o feitizo poderá casar con ela e levar consigo todos os tesouros. Existe a lenda do rito do desencantamento, no que o mozo debe agardar sobre a cadeira da moura a media noite a chegada da moura, ao bordo do precipicio. Unha proba só para ser superada polos máis afoutos e valentes. A moura chega ata alí en forma de serpe, reptando polo chan, e porta na boca un caravel vermello. A moura-serpe, ao que chega á súa “cadeira”, ocupada polo mozo que a agarda, comeza a enroscarse no seu corpo subindo por el arriba, cada vez estruchándoo con máis forza a medida que o vai envolvendo, ata que a cabeza da serpe queda á altura da cabeza do pretendente heroe. Nese momento, a becha abre a súa enorme boca e amosa o caravel que leva entre as súas fauces. O mozo só ten que achegar a súa boca á boca da serpe e tomar do seu interior a flor cos seus beizos. Prodúcese entón un forcexo por zafarse daquela becha opresora, e na loita que se desenvolve o mozo cae ao precipicio e morre esfragado entre as rochas. Nunha das versións recollidas fálase de dous mozos que apareceron en distintas ocasións mortos pola mañá entre os penedos.   Existe outra lenda que fala da Cama de Pedra e da Cama dos Nenos. A lenda da Cama de Pedra  conta que a moura deitábase nesta cama cos mozos que ela desexaba. Esta cama foi esnaquizada case na súa totalidade polos operarios que colocaron a torre de alta tensión. Só se conserva a cabeceira. A lenda da Cama dos Nenos conta que a esta pedra tráense as criaturas para as que non se atopa remedio. Nas noites de lúa chea déitanas nesta pedra para que a luarada da forza coa que move as augas do mundo facendo subir e baixar os mares, reequilibre todos os líquidos internos da crianza, volvendo todo ao seu sitio e propicie a súa curación. Esta cama, ao carón da desaparecida Cama de Pedra, ten un tamaño e unha concavidade que a asemella a un berce de pedra, cunha cunca insculpida na cabeceira.

A última  lenda recollido sobre o Castro de Negros fala dun río subterráneo que vai dende o castro, atravesando toda a montaña en dirección á illa de San Simón. Nalgunhas versións cóntase que ten unha saída nunha mina da Portela, noutras versións cóntase que este río subterráneo ten a súa saída diante da punta da praia de Cesantes,  fronte a illa,  nun pozo moi fondo que alí existe no mar,  e que o choque das augas deste río subterráneo coas augas do mar provoca os continuos remuíños que se dan nese punto estreito entre a punta da praia e a illa.


Historia recente do ben:

No ano 2020 durante unhas tarefas de control arqueolóxico o arqueólogo Eduardo Velázquez atopou un menhir-betilo, obxecto relixioso de orixe púnico datado no S. IV ou V a.C.


Referencias bibliográficas:

PÁXINAS WEB:
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/REDONDELA/documents/0906CA001.pdf (Páxina 3)
http://inventariopatrimoniocultural.xunta.es/
http://montepenide.wordpress.com/category/castro-de-negros/
http://montepenideprehistorico.com/062.html
http://www.montepenideprehistorico.com/fpdf/GA36045062_gal.pdf
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html
http://www.vtelevision.es/programas/lendasvivas/2011/11/13/0031_63_108139.htm?utm_source=buscador&utm_medium=buscador
http://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/castros-de-galizagalicia-provincia-de_9.html

https://asturiense.blogspot.com/2019/04/a-igrexa-da-preta.html

BIBLIOGRAFÍA:
COSTAS GOBERNA, Fernando Javier. “Petroglifos del Litoral Sur de la Ría de Vigo”. Publicaciones del Museo Municipal “Quiñones de León”, nº 8. Vigo. 1985.
COUÑAGO RIBEIRA, Xosé. (2021). Parroquias de Redondela: Negros. Ed: Servizo de Normalización Lingüística – Concello de Redondela (en liña: http://redondela.gal/album/NORMALIZACI%C3%93N/Libros%20parroquias%202022/negros.pdf)


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

A croa atópase moi alterada pola instalación dunha torre de alta tensión e unha antena de navegación aérea. A isto lle podemos engadir o destrozo na parte final do camiño de entrada ao recinto, no que foron chantadas unha serie de mesas de pedra para lecer da xente, e a muralla aberta en canal cunha escavadora para levar unha condución de auga ata o interior do castro, onde se dispuxo unha fonte de auga. A mesma escavadora foi abrindo unha gabia polo interior do castro ata a disposición final da fonte.

A abundancia de penedos favoreceu a existencia de numerosas canteiras por todo o monte, o que perxudicou gravemente ao castro.


Onde está localizado

Latitude: 42.2645150024
Lonxitude: -8.62535119057
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84