Outra fotografía:

Tipo de ben: Mosteiro/Abadía/Cenobio/Priorado,
Concello: Santiago de Compostela
Parroquia: Santiago de Compostela
Lugar: Praza da Inmaculada
Outra denominación do ben: Seminario Maior
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

No mosteiro de San Martiño Pinario, a igrexa é o punto de partida do conxunto. Mateo López, no ano 1590, dou unhas trazas na nova igrexa que xa se estaba a traballar e que condicionarán o labor a desenvolver xa que a súa morte no 1606 non debeu supor unha alteración grave do proxecto.
A igrexa contaba cunha planta de cruz latina inscrita nun rectángulo. A orixe portuguesa do seu autor definiu o gran desenvolvemento da súa cabeceira rectangular, flanqueado por dous espazos tamén rectangulares e a cuberta con bóveda de canón con falsos casetóns, o mesmo que a nave central. A esta abríanse tres capelas comunicadas entre si por pequenos arcos de medio punto. A bóveda de canón casetonada repetirase nestes espazos e nos brazos do cruceiro. A súa articulación prodúcese a través de pilastras xónicas dobres sobre as que se voltean os arcos de medio punto que dan acceso ás capelas. Curiosamente ningunha delas alcanza o friso que corre baixo a bóveda.
A cúpula para o cerre do cruceiro actúa como centro focal articulador do espazo interior. Esta levántase sobre catro pendentes lisas formadas polo arco toral da nave central e os arcos existentes sobre o cruceiro e a cabeceira. A diferencia no nivel dos seus abovedamentos esixe que sobre eles se eleve un muro para poder alcanza-la altura necesaria; dito lenzo mural termina por crear unha caixa cerrada por tres dos seus lados nos cales ábrense triples ventás organizadas por un arco de medio punto central e dous laterais rectangulares. A través desas pendentes conséguese a transición da base cadrada ó anel cupular voado sostido por ménsulas sobre as que se cargan os nervos da media laranxa constituíndo a súa armazón estructural. Entre eles, na base da cúpula, corren doce ventás tamén de medio punto.
A planta desta nova igrexa viuse fortemente alterada durante o século XVIII debido a realización de tres obras de singular interese: a nova sancristía, o novo coro alto e a ampliación da Capela da Nosa Señora do Socorro.
Á medida que se remataba a igrexa íase traballando nas dependencias monásticas. Dous claustros, o claustro Procesional e o das Oficinas. O primeiro, en altura, presenta dúas alturas unidas por columnas emparelladas de orde toscana xigante que arrancan dunha elevada base, a modo de plinto, lixeiramente afundida. A primeira está organizada por seis arcos de medio punto moldurados. A separación entre o primeiro e o segundo piso está marcada por unha liña de imposta que discorre tanxente ás claves dos arcos, decoradas con ménsulas; sobre ela ábrense outras tantas ventás enmarcadas por pilastras pseudodóricas con bólas como acroterios entre as que se sitúan uns óculos ovalados.
O outro claustro, coñecido como das Oficinas, a primeira planta, dividida en dous pisos, está articulada por dobres pilastras toscanas de fuste estriado que descansan sobre un pequeno zócalo. A sinxeleza e pureza de liñas preside todo o conxunto que está animado polas partes afundidas presentes nas enxoitas e as molduras dos arcos. A segunda planta, datada no 1677 e separado por un friso liso, mantén o mesmo ritmo que a anterior, seis tramos nos lados maiores e catro nos menores do rectángulo que forman a súa planta.
Polo que se refire á fachada da igrexa, esta contou con tres intervencións diferentes: a levada a cabo por Mateo López, autor da súa fachada-retablo; a ampliación das torres, abordado por Peña de Toro; e a escaleira de acceso ó templo feita por Frei Manuel de los Mártires no ano 1771.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM) Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

-BONET CORREA, A.: “La arquitectura en Galicia durante el siglo XVII”. Madrid, 1966.
-FILGUEIRA VALVERDE, J.: “Guía de Santiago”. Madrid, 1932.
-FILGUEIRA VALVERDE, J.: “Santiago de Compostela. Guía de sus monumentos e itineraarios”. Santiago, 1950.
-SORALUCE BLOND, J.R.; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, X.: “Arquitecturas da provincia da Coruña, Santiago de Compostela”, Vol. XI. Deputación Provincial da Coruña, 1997.
-VIGO TRASANCOS, A.: “Sobre el arquitecto portugués Mateo López, la iglesia monástica de san Martín Pinario y el Clasicismo en Compostela”. Nas actas do X Congreso de CEHA: Los Clasicismos en el Arte Español”. Madrid,1994.


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.8819706804
Lonxitude: -8.54454159737
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84