Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Mos
Parroquia: Cela (San Pedro)
Lugar: Pardellas
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:

A igrexa de Cela foi construída no ano 1832, como así o indica a inscrición no pé da balaustrada da torre, aínda que a igrexa primitiva foi a dun Mosteiro fundado por S. Fructuoso, datado a comezos do VII.

A fachada principal posúe a base da torre no lateral sudoeste, quedando adosada a ela como unha prolongación da mesma. Encádrase con pilastras extremas que apoian no zócalo que a percorre. Remátanse con grandes capiteis que sustentan touros nos que apoia a cornixa voada sobre unha moldura plana, e que continúa separando o primeiro corpo da torre.
A porta central está moi traballada. Na parte exterior aparecen varias molduras que fan que se abucinen as xambas e o lintel, e remátase nos extremos deste con fondas orelleiras cadradas. Enmárcase con dúas pilastras que sosteñen a cornixa de apoio da fornela central. O fuste das mesmas é baleirado e sobre os capiteis manteñen os touros como nas extremas. Entre a cornixa e a moldura da porta adórnase no centro cun modillón.
Sobre a cornixa hai unha fornela, fonda e traballada, con venera, pilastras de apoio para o remate voado e dornos laterais. Acolle unha imaxe pétrea do patrón que sostén na man dereita as dúas chaves, e na esquerda colle unha serpe. Baixo o brazo ten o libro. Mesmo enriba dela ten un ollo de boi recercado, que dá luz no coro. No lado norte, sobre unha base en prisma, remátase cun pináculo de floreiro, semellante aos que hai na torre. E no ángulo central da cornixa, está a cruz de remate cos extremos resarcelados.
A torre, de base cadrada, sitúase no lado sur da fachada, e está apilastrada polos catro lados. No corpo inferior, na parte do oeste, ten a entrada cunha porta sinxela, adintelada e con molduras rectas e pequena orelleira na parte superior. No segundo corpo, polo leste, ten dúas pequenas fiestras de derrame externo para dar luz ao interior. A base do corpo de campás ábrese cunha potente cornixa que sustenta a balaustrada de pedra. Os balaústres centrais de cada unha das caras e os dos extremos teñen adornos xeométricos.
O campanario, de base cadrada, abre aos catro ventos arcos de medio punto para acoller cada un a súa campá, con apilastramento nos esquinais.
Sobre a cornixa voada que o pecha, hai outro corpo para campás, esta vez con base octogonal, e tamén con catro arcos de medio punto. Estes están ocupados polas bucinas de amplificación. Nos esquinais están os pináculos de floreiro, que se distinguen do da portada en que non teñen a base de prisma, senón que se apoian directamente na cornixa. Péchase o conxunto cunha cúpula tamén octogonal e agallonada que remata con outro pináculo parecido pero máis estilizado onde se sitúa un catavento en forma de galo.
Os paramentos norte e sur da nave teñen tres contrafortes como apoio dos arcos interiores. No lado sur só se aprecia un deles, pois os outros dous están cubertos por unha construción moderna que acolle uns servizos aproveitando o ángulo formado coa base da torre. É máis baixa que a nave e con teitume a unha soa auga. Neste paramento hai só unha fiestra, de dobre derrame. Está moldurada e con pequenos orellóns, pero o do lado leste está cuberto polo contraforte. No paramento norte da nave pódense contemplar os tres contrafortes. Tamén ten unha soa fiestra, similar a anterior e enfrontada con ela, pero esta conserva toda a moldura circundante. Debaixo dela hai unha porta de entrada sen ningún adorno que probablemente foi aberta con posterioridade á construción inicial da nave.
O teitume é a dúas augas e apoia nunha cornixa que segue a liña marcada polo primeiro corpo da torre. Contra a capela maior cóbrese con capías. A cuberta foi rehabilitada no ano 1999 na súa totalidade.
A capela maior é cadrada. Preséntase lisa e con adornos de modillóns a modo de borlas nas esquinas de cada un dos paramentos. Ten máis altura que a nave, con teitumellado a catro augas, catavento de remate e, nos ángulos, pináculos de bola sobre unha base en prisma. Ten dúas fiestras simétricas no lado norte e sur con dobre derrame. E no paramento norte, máis centrada ten outra maior que as anteriores. No lado sur engadíuselle a sacristía máis baixa, e con tellado a dúas augas e capías no extremo.
O adro foi transformado no ano 1997, empedrando a parte dianteira e axardinando o espazo. Tamén se recuperou un antigo camiño no que aínda se conservan restos da antiga escaleira que formaba parte da senda.


Fotogrametría:

Propiedade: PúblicaPrivada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

No interior destaca unha imaxe articulada do Cristo morto na Cruz. Tamén aparecen as imaxes dos Santos Críspulo e Restituto, que a tradición di que sufriron martirio na parroquia, no lugar de San Colmado.
Outras imaxes son as da Virxe do Rosarío e a Virxe do Carme. Éstas, xunto coas imaxes da Dolorosa e do Nazareno foron restauradas no ano 2005.
Tamén foron resturados os altares de San Pedro.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

ftp://pxom.mos.es/7.-20TOMO%20VII_CATALOGO%20DE%20BENS%20E%20ELEMENTOS%20A%20PROTEXER/CATALOGO%20DE%20BENS%20E%20ELEMENTOS%20PROTEXIDOS.pdf (Ficha A_055)
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/MOS/documents/0836CA001.pdf (Páxina 1)
http://www.diocesetuivigo.org/diocese/cela.pdf
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/01/30/3417785.shtml
http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2009/06/30/0003_7817931.htm


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.1616315885
Lonxitude: -8.66597056389
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84