Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Rubiá
Parroquia: Pardollán (San Estevo)
Lugar:
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

Ten a súa orixe no século XII, e foi igrexa parroquial até mediados do século XX, cando se construíu o templo actual, dependente da diocese se Astorga. Foi abandonada, perdendo o tellado de lousa e sendo cuberta pola maleza e erosionada pola choiva. En 2011 o adro foi acondicionado pola asociación en defensa do patrimonio medieval galego O Sorriso de Daniel coa colaboración da asociación de veciños Santo Estevo, sendo o primeiro paso cara á conservación da capela.
O templo ten planta basilical dunha única nave, cunha ábsida cuadrangular tanto ao interior coma ao exterior. A sancristía tamén é cuadrangular, aberta á nave no lado norte e comunicada co presbiterio a través unha porta.
No exterior da ábsida aprécianse dúas etapas construtivas, as dúas con cachotería de pedra, habendo un recrecido posterior sobre a cabeceira orixinal da época da edificación do resto da igrexa. Este recrecido ten un acceso dende o exterior a modo de xanela cuadrangular sobre o arco triunfal da igrexa. As testemuñas orais indican que puido funcionar coma un pombal. Noutro tempo estivo cuberta por unha cuberta branca.
Na portada sur consérvanse restos dun pórtico ou cabildo. Unha cuberta sinxela descansaba en tres pilares levantados no muro perimetral. Esta porta ten trazado de medio punto, moi sinxela, con tímpano liso e como é frecuente no románico rural, ambas as dúas mochetas conteñen figuración de bóvidos, de moi boa labra.
Na nave os canzorros non son figurados e están feitos en pedra calcaria moi deteriorada. Na ábsida os canzorros representan figuración de animais propios da zona (serpe, bovinos, donicelas, osos?), ou ben formas xeométricas (bolas ou modillóns de rolos, típicos da arquitectura mozárabe do século X).
A fachada principal está configurada cun arco de medio punto, cunha dovelaxe de traza e labra excepcional, realizado en conglomerado de arenisca ou “pedra de Pardollán”, como se lle coñece na zona, recoñecible pola súa cor ferrosa. A xanela seteira que se abre sobre a porta está feita coa mesma pedra, reservada para as zonas máis nobres. Toda a portada está coroada por unha gran espadana de dobre arco, hoxe sen campás. A esta espadana accédese por unha escaleira situada no lateral norte, de construción posterior e moi mal conservado. As dúas campás desapareceron e sobre os dous óculos ábrese un terceiro máis pequeno sen función aparente.
A cuberta, actualmente caída, era de dúas augas ao xeito tradicional da zona, cunha trama de madeira recuberto por grandes lousas. A cubrición da ábsida realízase cunha bóveda de canón apuntada
O interior está articulado en dous tramos marcados por sendas fiestras sinxelas de medio punto. Aprécianse restos dun pequeno coro aos pés da igrexa. O arco triunfal, que da acceso á ábsida, é lixeiramente apuntado, levantado sobre capiteis piares cuadrangulares, sen decoración.. Consérvanse restos de policromía no zócalo e no arco. O chan está enlousado. A igrexa con usos de parroquial ata mediados do XX está rodeada polo vello camposanto, todo de tumbas feitas na terra, algunhas con cruces de ferro e sen lápidas. No muro este ten anexado un panteón familiar erguido no século XX que impide ver a traza orixinal da igrexa.


Fotogrametría:

Propiedade: Comunal
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Dato descoñecido
Elementos mobles:

No interior hai dúas pías feitas tamén en pedra de Pardollán, a da porta sur con probable uso de pía benditeira e a da porta occidental con uso de pía bautismal. Esta repousa sobre un pé labrado en mármore dunha canteira da mesma zona.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

(1)http://gl.wikipedia.org/wiki/Pardoll%C3%A1n,_Rubi%C3%A1#cite_note-0
http://osorrisodedaniel.blogspot.com/2011/07/santo-estevo-de-pardollan-borrar-ruina.html
http://niquelarte.blogspot.com/2011/07/de-ambulatorio-en-pardollan.html


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

A perda da cuberta deixou o interior a intemperie, as cabeceiras dos muros filtran a humidade e enraízan plantas e ata arbores. A argamasa perdida ou areizada deixa os cachotes e algún canzorro no aire. Os encalados, que aínda conservan policromía, desplacanse. O retablo atacado por xilófagos desfaise, ademaís da falta de molduras por posibles roubos.
Estruturalmente os muros teñen unha lixeira perda da chumbada e pandeo, e algunha fenda ¿quen sabe se activa?
O seu maior perigo e o esquecemento e abandono, agora voltou a vida grazas as asociacións O Sorriso de Daniel e Santo Estevo mais sen axuda por parte da adiministracion pra sua conservación, posta en valor e mantenemento o seu futuro e incerto.


Onde está localizado

Latitude: 42.4557540972673
Lonxitude: -6.833190321922302
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84