Outra fotografía:

Tipo de ben: Paisaxe natural,
Concello: Valdoviño
Parroquia: Valdoviño (Santa Eulalia)
Lugar: Valdoviño
Outra denominación do ben: Lagoa de Valdoviño
Cronoloxía: Descoñecida,
Descrición:

A lagoa da Frouxeira é unha das xoias naturais de Valdoviño. Ten forma case rectangular, cunhas medidas de aproximadamente 1.700 metros de lonxitude por 500 de anchura. O seu eixo maior é perpendicular á praia da Frouxeira, que limita polo norte. Ao leste unha pista de terra e o paseo bordéana en toda a súa lonxitude. Polo sur a C-646 marca o límite, mentres que no oeste está a parte máis recollida, coa protección dun piñeiral-eucaliptal.
Trátase dun humidal de gran valor medioambiental, cunha interacción regular co océano, e no que se xuntan unha flora e fauna moi interesantes. Boa parte da relevancia da lagoa débese á gran cantidade de aves que viven nela, ben de xeito permanente ou durante a invernada e pasos migratorios. Esa importancia da Frouxeira reflíctese na declaración da “Lagoa e areal de Valdoviño” coma zona Ramsar (Humidal de Importancia Internacional), Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC Costa Ártabra), ou coa súa inclusión no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia.
A orixe da lagoa parece remontarse a épocas con clima seco e árido, como os períodos interglaciares, nas que a formación dunha barra areosa tería separado do mar a superficie da actual lagoa. A protección do sistema dunar e a transición a climas máis mornos terían favorecido a colonización progresiva da lagoa e das propias dunas pola vexetación. A lagoa recibe as augas fluviais dos regos do Vilar e Castro, ademais das aportacións pluviais, e desemboca no mar a través dunha canle que se abre debido ao nivel das augas e a acción das mareas. A maior ou menor interacción co océano fai que a súa salinidade sexa variable segundo as épocas.
A profundidade media non sobrepasa o metro e medio, aínda que hai zonas máis profundas, como a chamada Pozo do cura ou certas canles na marisma. O periódico aumento da cota hídrica segundo as tempadas do ano chega a inundar os terreos agrícolas máis próximos á lagoa. Tradicionalmente os veciños adiantaban a apertura natural, e procedían a abrir eles mesmos a canle, co obxectivo de evitar o asolagamento deses terreos. Actualmente a apertura mecánica da lagoa está en fase de estudo e, provisionalmente, prohibida pola administración.
En canto ás dunas, a maior parte son móbiles e permanecen activas, aínda que hai casos nos que están fixadas pola vexetación. Outras desapareceron nos anos sesenta e setenta debido á extracción indiscriminada de area.
Os peixes son visitantes asiduos da lagoa en certos momentos do seu ciclo vital. Peixes planos como o rodaballo visitan a lagoa cando peóns para engordar grazas á abundancia de plancton.
Os anfibios están ben representados nas marxes da Frouxeira, onde abundan os ambientes húmidos que precisan. As ras estroza, vermella e verde son abundantes e serven de alimento a predadores moi diversos. Tamén a píntiga e o sapo son frecuentes.
Entre os reptís, as cobras de colar e os escánceres son frecuentes nos ambientes máis húmidos, mentres que esgonzos, lagartixas e lagartos prefiren lugares máis secos e soleados. A víbora de Seoane pódese atopar tanto en dunas como na proximidade das charcas.
Ademais da lontra, mustélido perfectamente adaptada ao medio acuático, varias especies de micrótidos son numerosos no ecosistema de marisma-lagoa, como por exemplo a rata de auga ou as trilladeiras dos prados. Especies como o raposo ou o xabarín establécense nos montes, aínda que este último acode tamén frecuentemente ás xunqueiras para alimentarse, algo que está a afectar severamente á poboación reprodutora de aves acuáticas.
Sen embargo, o maior interese da Frouxeira vén marcado polas aves. Entre as moitas especies que se poden ver na lagoa atópanse galiñolas negras, patos frisados, gaivotas choronas, pilros comúns, pilros tridáctilos, píllaras reais, mazaricos rabinegros, cercetas comúns, azulóns, corvos mariños, garzas imperiais ou falcóns.
Hainas sedentarias, que pasan aquí todo o ano, e migradoras, que paran a descansar na lagoa durante unhas semanas, nunha viaxe que as leva dende a costa occidental de África ou o sur da Península Ibérica ata os seus lugares de cría, no norte de Europa. Segundo os cálculos feitos pola Sociedade Galega de Historia Natural, en ocasións fixeron a súa parada na Frouxeira ata 5.000 aves, todo un espectáculo da natureza, producido principalmente entre finais de abril e finais de maio.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://www.concellodevaldovino.com/?q=gl/node/27


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.6046969289
Lonxitude: -8.15764904022
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84