Outra fotografía:

Tipo de ben: Monumento megalítico (túmulo, dolmen, pedrafita...),
Concello: Dumbría
Parroquia: Salgueiros (San Mamede)
Lugar: Rebordelo
Outra denominación do ben: Mámoa de Pedra do Boi 3
Cronoloxía: Descoñecida,
Descrición:

A mámoa de Rebordelo é coñecida polos arqueólogos de patrimonio como Mámoa de Pedra do Boi 3.
“A escavación deste túmulo puxo ao descuberto unha ampla reiteración na utilización prehistórica do espazo sobre o que se construíu. No momento da súa construción Pedra do Boi 3 era un túmulo cunhas dimensións bastante modestas: 10 m de diámetro e 1 m de altura; superpóndose a unha zona empregada anteriormente como posible pedreira. Descoñecemos cal podería ter sido o seu uso, aínda que como hipótese de traballo barallamos a posibilidade de que servise de lugar de aprovisionamento de materia prima para a construción dalgún dos túmulos próximos. Deste túmulo primixenio, Pedra do Boi 3 antigo, descoñecemos a tipoloxía da súa estrutura central así como do seu corredor de acceso, xa que nalgún momento posterior a/s súa/s primeira/s utilización/s,
e que polo momento nos é imposible encadrar cronoloxicamente, sufriu unha importante remodelación que afectou significativamente estas estruturas.
Pedra do Boi 3 recente acada unhas dimensións maiores: 15 m de diámetro e 1,2 m de altura, conseguidas co acrecentamento do túmulo cara ao SE.Esta modificación construtiva supón un cambio importante nas características estruturais do xacemento. Na zona central constrúese unha estrutura circular, de 3,5 m de diámetro e formada por pedras de mediano tamaño, que serve de límite a unha pequena “cámara” formada por catro pedras de maior tamaño, dispostas de
xeito descontinuo e que delimitan un espazo rectangular de 2,5 m de longo e 1 m de ancho. Así mesmo, coa ampliación do volume da masa tumularia cara ao SE, realízase unha fonda transformación do corredor intratumulario de acceso, procedéndose a unha ocultación consciente do corredor do túmulo antigo e aumentando significativamente en lonxitude o do túmulo recente, ata chegar ao bordo do novo túmulo. Outra diferenza importante entre os dous túmulos é o
tratamento que se lle dá á superficie exterior de cada un deles. Segundo os datos dispoñibles neste momento, o túmulo antigo está delimitado por un anel peristáltico, e a coiraza redúcese a unha pequena coroa de pedras presente na parte superior do túmulo; pola contra, o túmulo recente ten un acabado moito máis coidado, xa que se procedeu a cubrilo por completo cunha coiraza de pedras de mediano tamaño.
Nun momento posterior á última utilización coñecida do monumento, e posterior á súa clausura, construíuse un pequeno murete pétreo que bordea o túmulo desde o oeste, onde se atopa a menos de 1 m de distancia, ata o sur, onde presenta unha maior separación.
Na construción deste murete empregouse como materia prima parte da coiraza de recubrimento da zona oeste do túmulo. A construción deste murete supón a creación dun pequeno recinto que posiblemente chegue a abranguer a mámoa de Pedra do Boi 4, situada a 10 m cara ao leste de Pedra do Boi 3. O material arqueolóxico recuperado non é moi numeroso; pese a todo debe destacarse a presenza dunha punta de frecha de cuarcita e base triangular que forma parte do selado do corredor intratumulario; un ídolo antropomorfo de granito no interior da estrutura central; 22 ídolos-coio depositados no inicio do corredor
intratumulario; preto de 50 fragmentos cerámicos pertencentes a un mesmo cacharro liso, roto diante do corredor intratumulario; e unha lámina de sílex depositada sobre a coiraza de recubrimento.
Afortunadamente, unha vez rematada a intervención arqueolóxica proxectada, tendo en conta os resultados acadados, oxxacemento logrou salvarse da súa inminente destrución, realizándose unha modificación puntual do trazado da nova estrada”.(Este texto integro pertence o Atlas arqueolóxico de Galicia. Comarca de Fisterra).


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta: GA15034050
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

-Atlas arqueolóxico de Galicia. Comarca de Fisterra. Xunta de Galicia, 2009
-TROIANO CARRIL, X.: «Camariñas, Corazón da Costa da Morte», Libro inédito inscrito no Rexistro da Propiedade Intelectual no ano 2007, 2008 e 2009


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Atópase en serio risco, dende que o escavaron no ano 1992-93 non se fixo nada por mantelo limpio de maleza(toxos, pinos eucaliptos,etc). Polo tanto se a administración non fai nada pra adecentalo outra vez e limpalo da intensa maleza que hai, en pouco tempo non quedaran nin as pegadas da escavación.


Onde está localizado

Latitude: 43.0092329322
Lonxitude: -9.16784405708
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84