Outra fotografía:

Tipo de ben: Pazo / Casa Grande,
Concello: Amoeiro
Parroquia: Cornoces (SanMartiño)
Lugar: Cornoces
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

Gran casarío de cadeirado granítico e de planta poligonal ao redor dun patio rectangular. Sufriu unha ampla transformación no século XIX
Fachada principal con portalón con lintel e sobre el a pedra de armas. Xanelas colocadas harmoniosamente e gran balcón, a solaina rodea o patio do que sube unha escala con pasamáns en pedra.
A documentación histórica máis antiga atopada data de 1779, ano no que era propiedade de Juán de Porras Figueroa y Calderón. Un século despois, é doado a unha institución relixiosa, sendo colexio e residencia das “hermanitas de la Caridad”, acollendo desde 1978 a persoas con deficiencias psíquicas.

En conxunto temos unha vivenda señorial, con todos os elementos accesorios e dependencias que reclaman as actividades agrícolas e gandeiras da facenda.A fachada principal orientada ao leste non e perfectamente rectilínea, senón que nun determinado momento québrase formando un ángulo obtuso. No seu piso baixo, e aproximadamente na zona central do lenzo da parede, ábrese o portalón da entrada, alintelado e enmarcado por unha moldura, sobre o que campea unha pedra de armas con escusón e baixo helmo empenechado. Do escudo pende unha artística lenda que coincide co punto central do lintel da porta. Ábrense tamén nese piso baixo algunha pequena ventá e ocos de aire. O piso alto presenta unha serie de vans, case todos de portas de aire, coa anarquía de tamaños e colocación propia destas construcións. Por enriba destes vans hai unha cornixa que percorre toda a fachada e sobre a que segue o muro ata que a penas a un metro, aparece a cornixa moldurada que una a parede coa cuberta do edificio, en tella e a catro augas. É unha curiosa solución que aparece exclusivamente nesta fachada. A cara norte ten no piso baixo ventás e ocos de aire rectangulares, no piso alto ademais, de 6 ventás de distintas lonxitudes, hai un espléndido balcón con varanda de ferro, apoiado en 4 bos canzorros graníticos. Hai tamén un garitón de pedra con telladiño propio.

Pola fachada principal accédese a un patio rodeado en 2 dos seus lados por unha solaina e unha escaleira de baixada. Trátase dunha solaina en pedra, con columnas seudodóricas que sosteñen a cuberta, e balaústres de pedra ben traballados. Posúe o pazo outros elementos accesorios como son a casa dos caseiros, alpendre, eira empedrada e hórreo, de 3 corpos e construído en pedra e madeira. A capela foi construída con posterioridade concretamente cando foi destinado a asilo. Nunha lápida, situada na súa portada di: ”Dona Ramona Villar de Reinoso, última posuidora desta casa, fixo esta capela e asilo da caridade. Ano 1882″. A capela de planta rectangular ten unha fachada con dúas torres laterais de sección cadrada e a súa superficie e moito maior que a acostumada nos pazos.

Dona Ramona pertencía á prestixiosa liñaxe galega dos Reinoso. A familia dos Reinoso, hoxe desaparecida, era potente e moi coñecida no Ourense do século XVIII. Esta familia posuía na nosa provincia varios pazos como o Pazo da Casa Grande de Canedo, preto de Ourense, o pazo de Lodeiro, preto de O Carballiño, e o de Cornoces en Amoeiro. Dona Ramona constituíuse en benefactora das Fillas da Caridade na nosa cidade. Grazas ao seu celo e xenerosidade logra que se estableza esta Congregación no pazo da parroquia de San Martiño de Cornoces a fin de dirixir unha escola pública para nenas pobres. Unha vez en activo o asilo, á escola para nenos pobres, engadiúselle a capela baixo a advocación de santa Catalina, edificio sacro ó que acudía a veciñanza.

Tras a desaparición dos Reinoso na segunda metade do s. XIX este sumiuse no desuso, e pasou ó abandono ata que en 1.882 asumiu o cargo a Fundación das “Hijas de la Caridad”, ou “Hijas de San Vicente de Paúl”, tras a doazón como queda dito de doña Ramona Villar de Reinoso. As obras de adaptación do edificio principal fóronse prologando nos anos ata incluso o referido año de 1.970 cando fai cargo do mesmo Cáritas Diocesana. Actualmente rexe o edificio pacego a referida entidade diocesá e a súa “Fundación San Rosendo”, que o destinou a centro ocupacional de diminuídos psíquicos, e que continúa na actualidade.

Información: www.amoeiro3d.com


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Residencial
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/AMOEIRO/documents/26234ca104.pdf (P.9)
http://www.amoeiro3d.com/listing/pazo-de-cornoces-santa-catalina/




Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.4209458898
Lonxitude: -7.94784665108
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84