Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Moaña
Parroquia: Moaña (San Martiño)
Lugar: O Cruceiro
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

A igrexa parroquial de San Martiño de Moaña é cecais a máis importante das construccións románicas que subsisten na bisbarra do Morrazo, aínda que perdeu a súa cabeceira, sustituída por unha ábsida barroca no ano 1763. O primeiro documento no que se cita a igrexa data de 1237, aínda que calcúlase que a igrexa pode datar de finais do século XII.

A construcción ten pranta de cruz latina, dunha soa nave. Os brazos do cruceiro, e o presbiterio cúbrense de bóveda de canón, mentres que a nave está cuberta de placa de cemento, sustituíndo unha primitiva cuberta de madeira a dúas augas, por mor dunha urxente e desafortunada restauración nos anos 60. Cruceiro e presbiterio foron refeitos grazas á doazón que Lorenzo de Paredes, moañés indiano emigrado a Bogotá, fixo en 1763, mentres que o resto da igrexa conserva a primitiva traza románica.

A portada principal enmárcase nun aleiro sostido por dúas columnas de fuste liso e capiteis decorados con entrelazos e motivos vexetais. O aleiro apoiase en seis canzorros decorados con rolos, volutas e varias figuras en diferentes actitudes. Baixo o aleiro ábrese a portada, abucinada e de arco redondo lixeiramente apontado, con dúas arquivoltas rodeadas por unha chambrana axedrezada. As arquivoltas correspóndense con columnas adosadas, de fuste liso as exteriores, e salomónico as interiores. As basas están decoradas con rosetas, e os capiteis son pseudocorintios os da esquerda, e decorados con entrelazos e con leóns enfrontados os da dereita. As arquivoltas abrazan un tímpano decorado con cinco figuras en baixorrelevo separadas por sendos arcos, e ordeadas xerárquicamente polo seu tamaño, adaptandose ademais ao marco semicircular. A figura central e de maior tamaño corresponde a San Martiño, cuberto de tiara, cunha man no peito mentres a outra sostén un báculo. Está acompañado por San Bricio, na esquerda, sostendo unha cruz e un botafumeiro, e por San Emiliano, á dereita, cun libro aberto nas mans. Nos arquiños máis pequenos aparecen dúas figuras, unha cun cálamo ou un cicel, e outra de brazos cruzados. Cecais representen ao mestre canteiro constructor da igrexa, e ao seu mecenas, un membro da familia Arias. Un epígrafe, no borde superior do tímpano, axuda á identificación destas figuras: S(AN)C(T)I EMILIANI:S(AN)C(TU)S : MARTINUS : EP(ISCOPU)S: S(AN)C(T)I BRICII : ARIAS FECI(T).

A outra cara do tímpano, no interior da igrexa, tamén está decorada cunha cruz grega.

A fachada Sur ten unha porta cuberta por un lintel a modo de tímpano, decorado cunha cruz grega inscrita nunha circunferencia, sobre dúas bandas de dentes de serra. Xunto á porta, hai outro epígrafe, deteriorado e só lexible en parte.

A fachada Norde ten outra porta cuberta cun lintel decorado con tres tondos. No central e máis grande, hai esculpido un león ou outra besta felina en actitude de trabar o cordón que o rodea. Nos outros dous, a cada lado, aparecen inscritas sandas aves.

A porta da sacristía tiña outro tímpano románico, que foi expoliado e que se conserva hoxe nas Ruínas de San Domingos (Museo de Pontevedra). Representa ao mesmo San Martiño, dentro dunha mandorla sostida por sendos anxos, mentres que o reverso está decorado por unha aspa de entrelazos, rosetas e aves.

Tamén destaca a decoración dos aleiros, con canzorros historiados con motivos moi diversos: acróbatas, músicos tocando a viola, xente comendo e bebendo, cabezas humanas e de felinos, de bois, e de outras bestas en diferentes posicións, ademais doutros motivos xeométricos, volutas e róleos.

En canto á fábrica barroca, ésta céntrase no cruceiro e no presbiterio, cuberto con bóveda de canón con casetóns cadrados, ademais da torre de sinos, no lado dereito da fachada occidental, de sección cadrada, decorada con pilastras adosadas nos cantos, e rematada cunha cupuliña abulbada. A súa construcción data de 1760, segundo consta nun epígrafe. Tamén destacan os curiosos pináculos sobre o cruceiro, en forma de corno ou cuncha helicoidal, que son a marca do estilo do mestre canteiro Esteban de Sobreira de Hío, quen tamén usou delas na Igrexa de Santa María de Darbo, en Cangas.


Fotogrametría:

Propiedade: Comunal
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

O altar da capela maior ten un retábulo barroco presidido pola imaxe de san Martiño, acompañado da Virxe e doutros santos, como a figura do Apóstolo Santiago a cabalo na versión de Santiago “Matamoros”. Hai outros dous retábulos laterais, un deles adicado á Virxe do Rosario.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

BANGO TORVISO, Isidro Gonzalo. Arquitectura románica en Pontevedra. Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1979. ISBN 84-300-0847-0


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.285325886372455
Lonxitude: -8.74887228012085
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84