Outra fotografía:

Tipo de ben: Alpendres e edificios auxiliares, Fonte, Porto,
Concello: Pontevedra
Parroquia: Mourente (Santa María)
Lugar: Salóns do Lérez
Outra denominación do ben: Balneario do Lérez
Cronoloxía: Século XX,
Descrición:

Na ribeira esquerda do río Lérez e protexidas das riadas invernais por un muro de contención que facía as veces de peirao, atópanse os restos da fábrica e quiosco de “Aguas Minerales Lérez”.

O quiosco é unha estrutura de planta cadrada con piares nas súas esquinas. Nas faceta frontal tiña unha xanela en forma de semi-rodela dividas en tres partes verticalmente. Na dovela da xanela que mira ó río vese unha data, 1906. Na cuberta hai unha terraza á que se accedía desde o exterior. A estrutura enteira era de albanelería encalada no exterior. Ó interior accedíase por dúas portas laterais por debaixo do nivel do chairo. Na cámara interior, revestida de lousa de cerámica, atópase un sustidor de pedra e un expositor labrado tamén en pedra que rodea en semi-rodela ó surtidor.

O quiosco está rodeado por muro exterior de perpiaño, cintado e encalado en branco. Uns metros máis abaixo hai unhas escaleiras de madeira desde as que subían as barcas para pasear polo río.

Actualmente consérvase no interior o surtidor, malia que xa non bota auga e o chan está enlodado, cando non asolagado coas subida do caudal do río. As paredes perderon a maior parte do enlousado cerámico. Un persoa anónima pintou nas ‘lagunas’ unha figura meditativa, respectando algo as cerámicas orixinais.

Da casa de embotellado e alboio de empaque que había a carón do quiosco non queda nada, no seu lugar atópase un espazo para merendeiro. O muro de contención que facía de peirao perdeu totalmente o encalado branco e a súa estrutura esta moi danada o que fai temer polo futuro da entorno.

A compañía “Aguas Minerales Lérez” foi fundada por Casimiro Gómez, veciño de Viascón (Cotobade) emigrado en Arxentina, na finca que tiña da súa propiedade no lugar de Monte Porreiro para o aproveitamento de dous mananciais chamados Aceñas e Monte Porreiro. As súas augas “cloruro-bicarbonatadada-fluoradas-sódicas-líticas” foron declaradas de utilidade pública pola Real Ordenanza de Novembro de 1904. A empresa comezou a súa andadura co apoio do Marques de Riestra o 22 de agosto de 1906 nun momento álxido do termalismo galego que tivo un gran pulo a finais do século XIX e principios do XX. Comercializaba auga embotellada en numerosos formatos e tamaños de botellas e publicitábase como auga con propiedades curativas do aparato dixestivo, intestinal, renal, do fígado, vexiga, contra as hemorroides ó mesmo tempo que actuaba favorablemente en doentes de cancro, reumatismo, artritismo, retraemento, diabetes, anemia, desarreglos menstruais, sífilis e tuberculose ademais de estimular o apetito. A empresa pronto gañou gran popularidade converténdose en provedora da casa real.

Nas fincas había dous mananciais, Aceñas e Monte Porreiro, cuxas augas eran canalizadas con sumo coidado a casa de embotellado, pasando por depósitos para recolle-lo ferro, que tiña en abundancia, un depósito de decantación e un filtro, indo a parar derradeiramente ós tubos da maquina de taponar, sen estar exposta por un intre ó contacto co aire.

Cunha produción de máis de 4000 botellas diarias, axiña comezou a exportar fora das nosas fronteiras. Cun comercio maioritario en Arxentina e Inglaterra, dispuxo dunha oficina en Southampton (Reino Unido) chamada “The Lérez Natural Mineral Water Company” coa que exportaba a tódolos países da Commonwealth e se converteu en provedora oficial da casa Real Inglesa.

A comezos de século, os salóns do Lérez eran moi recoñecidos polas súas panorámicas e pola súa beleza, polo que era habitual os paseos en barca polas augas do Lérez da aristocracia e mesmo da realeza. Polo que era normal que se achegaran as propiedades de Casimiro Gómez en Monte Porreiro onde eran recibidos en Villa Buenos Aires, unha casa palacega. Ademais tamén había diversos xardíns para paseos e mesmo se construíu o quiosco para que puideran toma-las augas do surtidor e mesmo dar paseos en barca dende o peirao a carón.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Infraestrutura
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Pereira Fernández, Xosé Manuel “El Balneario del Lérez. La aventura aventura termal de Casimiro Gómez” Pontevedra: Deputación de Pontevedra, 2099. ISBN: 978-84-8457-335-7.


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Estado de abandono, aínda que o concello rehabilitou unha senda ao seu carón e as escaleiras de acceso ó lugar. O surtidor está seco e as contínuas riadas e subidas de caudal do río no inverno, danaron o muro de protección socavando súa estructura, cunha gran perda de volumen, na súa base xusto enfronte ó quiosco. Este dano só pode ir a maiores nos vindeiros invernos ata o caudal do río arrastre a estrutura.


Onde está localizado

Latitude: 42.4518395514
Lonxitude: -8.62146154049
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84