Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Cangas
Parroquia: Cangas (Santiago)
Lugar:
Outra denominación do ben: Antiga Colexiata de Santiago de Cangas
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

A igrexa parroquial de Santiago de Cangas tivo rango de Colexiata por vontade do papa Paulo III dende 1545, privilexio que non perdeu ata 1851. Porén o inicio da súa construcción é anterior a esta data, e hai quen a remonta a un século antes. O certo é que No muro Sur consta a data de 1541, mentres que a fachada foi rematada cara o ano 1585. Na súa construcción combínanse o gótico flameante cos novos aportes estéticos do Renacemento, e constitúe unha das mellores obras deste estilo en Galicia.
O edificio ten pranta basilical, dividida en tres naves, con transepto dunha soa nave, pouco desenvolvido pero de gran anchura, e capela maior cadrada. As naves, de gran altura, están divididas por esveltas columnas de fuste liso que sosteñen bóvedas de cruzaría, sextipartitas na nave central e cuatripartitas nas laterais. Parte desta cuberta foi renovada despois de 1901, ano no que a igrexa sufríu un incendio que destruíu a obra de madeira. A capela maior cúbrese cunha bóveda estrelada de moitas claves. No interior, correspondéndose cos espazos entre contrafortes, ao longo da nave, ábrense seis capelas laterais.
Na decoración exterior destaca sobre todo a fachada, de estilo renacentista, obra atribuída a Xácome Fernández. Enmarcada por dous grandes contrafortes, a decoración distribúese en dous andares. No primeiro deles ábrese a porta, con arco de medio punto. A un lado e a outro, érguense dous pares de columnas de fuste estriado e capitel de orde composta, apoiadas sobre plintos. Entre as columnas, dispóñense, un sobre outros, e apoiados en ménsulas, catro figuras de santos de difícil identificación, por estar moi desgastados pola erosión e incluso decapitados. As columnas sosteñen un friso recto, decorado con medallóns con rostros moi erosionados. Nas enxutas entre o arco e o friso, hai tamén tondos ou medallóns con rostros en relevo. Sobre o entaboamento levántase un segundo andar de pares de columnas con capitel xónico, que enmarcan un rosetón. A un lado e outro, nos intercolumnios, aparecen a Virxe e outra figura decapitada, abrigadas baixo cunchas de vieira, talvez representando unha anunciación. Nas enxutas do rosetón, enmarcadas en tondos, están as figuras dos catro evanxelistas, escribindo o seu evanxeo sobre o respectivo tetramorfo. Remata a portada un segundo entaboamento, con friso liso e cabezas nas esquinas, e un frontón triangular con rostro barbado decorando o tímpano.
Xunto a esta fachada, no lado dereito, érguese a torre de sinos, construída no século XVIII, organizada en dous corpos superpostos de pranta cadrada, con decoración de placas, e co seu correspondente balcón abalaustrado nas catro caras, todo rematado con pequena torre octogonal cuberta con cúpula.
As outras dúas fachadas laterais tamén se enmarcan con columnas e frontóns clásicos. A decoración exterior compleméntase con gárgolas figuradas e cunha crestería calada arredor do testeiro.


Fotogrametría:

Propiedade: Comunal
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

A excolexiata acolle unha fermosa colección de imaxinería barroca. Destaca en primeiro lugar o retabulo da capela maior, obra de 1744, de madeira dourada e profusa decoración a base de columnas salomónicas e figuras de santos, entre os que destacan as imaxes de Santiago pelegrín e a cabalo.
No altar e nas capelas laterais hai varias imaxes de Cristo: O do oficio de defuntos, do século XVIII e de reducidas dimensións; o coñecido popularmente coma “o Cristo que non quixo arder”, talla atribuída por algúns a Gregorio Fernández, e que recibe ese nome por terse salvado da queima no incendio da colexiata durante o ataque da flota turca a Cangas en 1617. O Santo Cristo do Consolo, obra atribuída a Juan Pintos, data de 1796, é unha fermosa obra do barroco serodio. O retábulo coas imaxes de San Xosé e San Bartolomeu foi doazón do gremio de mareantes de Cangas.
Ademais, custódianse as tallas que para os pasos da Semana santa fixeron os escultores Ignacio e Xosé Cerviño, entre as que destaca a imaxe do Cristo Morto.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

A insistencia en manter símbolos da dictadura do xenocida Franco na fachada da torre estimula a certa xente a facer grafitis nas paredes do templo para matizar esta glorificación do feixismo.


Onde está localizado

Latitude: 42.26439987447436
Lonxitude: -8.7848299741745
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84