Outra fotografía:

Tipo de ben: Castro / Outros xacementos da Idade do Ferro,
Concello: Camariñas
Parroquia: San Xurxo de Camariñas
Lugar: Mourín
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade do Ferro,
Descrición:

Situado a unha altitude de 40 metros sobre o nivel do mar, no monte chamado “da Croa”, sitúase o Castro de Mourín. Aproveita como emprazamento un pequeno couto que forma parte das ladeiras pertencentes ós Altos do Foxo (131 metros), que rematan a carón da liña da costa que forma a ría de Camariñas. Este reducido couto, nembargantes, amósase nunha posición destacada con respecto ás terras próximas, as cales, pola banda que o asentamento mira a Mourín, atópanse á mesma altitude para logo presentar rexos desniveis debidos á situación do couto no bordo dunha ladeira de forma circular, polo percorrido do pequeno regato que o cingue polo sector norte.
As condicións de defensa están altamente limitadas pola banda do recinto que mira ás terras comprendidas entre o Cotariño e Cabreira. Os desniveis son escasos e accédese ó emprazamento doadamente, namentras que polo sector que dá ó Seo da Vasa, pertencente á ría de Camariñas, as pendentes son acusadas. O xacemento conta ademáis cunha excelentes posibilidades estratéxicas ó dominar tódalas terras comprendidas entre a liña da costa e o curuto ou pequeno couto aproveitado como asentamento castrexo.
Dende o Castro de Mourín divísase o Castro da Rega e o Castro de Camariñas situado na zona dos Castros, aínda que o primeiro, pode ser que non exista por ser parte do castro de Mourín.
Este castro presenta un recinto central reducido, de forma circular e cunha clara inclinación cara á zona septentrional, por onde as acusadas pendentes se estenden ata a marxe dereita do pequeno regato que vai morrer ó Seo da Vasa. Este recinto central ostenta en todo o seu perímetro un forte parapeto que conserva unha altura media de 3 metros, e que é máis rexo polo sector do sur, por acharse as terras a un nivel non moi inferior ó do chan da croa. Cinguindo a esta acrópole castrexa divísase unha plataforma dunha estensión aproximada de 25 metros a partir do parapeto interior e que se reforza cunha defensa moi mal conservada, de a penas metro e medio de altura interior, que se estende de norleste a sur e dende aquí ó noroeste pra transformarse na parte máis sobresaínte do sector septentrional no punto de arranque dos terrapléns do couto.
Pola banda da ponte existe unha segunda plataforma defensiva protexida tamén por un terceiro parapeto de a penas consistencia e magnitude dado o seu estado actual de conservación, pero que permite apreciar a acumulación de obras militares polo punto máis feble que presenta o pequeno couto que é aproveitado como lugar de emprazamento.
As medidas do castro son máis ou menos de 50 metros no eixo norte-sur; e de 55 no leste-oeste. Non se aprecian accesos á acrópole, tan só un recente camiño que fende o parapeto interior pola banda occidental.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: ForestalAgrícola
Código no Catálogo da Xunta: GA15016001
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta
Elementos mobles:
Tradición oral:

Hai varias lendas sobre este castro como que existe unha cova cun gran tesouro defendida por unha serpe de tres cabezas e que bota lume pola boca.  Quen  logre vencela, quedarase co tesouro.  Esta lenda ten unha variante que di que a cova está defendida por unha fada mala pero moi fermosa que deixa de pedra ás xentes que van polo tesouro, e tamén quen a venza, co risco de quedarse de pedra pra toda eternidade, quedarase co tesouro e ca fada trocándoa de mala a boa e con toda a súa fermosura. Outra variante é a da fada mala e a serpe xuntas que hai que vencelas, sendo o nexo  destas lendas que hai unha batalla de por medio se queres o tesouro. Hai outra lenda, pero esta vez sen pelexas de por medio na que na época do solsticio aparece unha vella fada toda arrugada, con moitos grans no corpo e que verdadeiramente asusta e da moito noxo. Pois ben, se alguén se atopase con ela tiña a ocasión de gañar un tesouro e maila fada se estivera disposto a dárlle un grande bico. Debido á apariencia da muller ninguén estivo disposto a tal cousa pois a fada ademáis de noxo tamén daba moito medo, posto que aparecía a partires das doce da noite en adiante. Outra das lendas é que había un tunel que conectaba o castro co castelo. Aínda que houbo algunhas xentes que buscaron ese tunel nunca o atoparon, e  realmente é unha lenda pois arealidade é que castro e castelo son de épocas moi diferentes.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

– DE ARTAZA, R.: “Da nosa terra, Folklorismo e historia”. Nova impresión Loroño, 1936.
– DE ARTAZA, R.: Noia, 1936, p.189.
– TROIANO CARRIL, X.: «Camariñas, Corazón da Costa da Morte», libro inédito pero inscrito no Rexistro da Propiedade Intelectual no 2007,2008 e 2009.


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.145516723764366
Lonxitude: -9.184935092926025
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84