Outra fotografía:
Tipo de ben: Necrópole, Ermida, Mosteiro/Abadía/Cenobio/Priorado,
Concello: Valga
Parroquia: Cordeiro (Santa Comba)
Lugar: Balleas
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Romana, Época Altomedieval, Época Baixomedieval, Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:
O xacemento da Igrexa vella foi descuberto recentemente aínda que se tiñan coñecementos na memoria popular da parroquia de Cordeiro, así como nalgúns documentos antigos, da existencia dunha pequena igrexa e un mosteiro de fundación altomedieval con diversas fases de ocupación e que foi desfeito no século XVIII para construír a actual igrexa de Santa Comba de Cordeiro. Está emprazado nunha profunda valgada, en relación ao terreo circundante, e rodeada dun pequeno regueiro que o rodea polo leste. As recentes escavación permiten datar unha secuencia ocupacional que iría dende o século IV ata o XVIII. Facendo un resumo do traballo feito na intervención dirixida por Emilio Ramil González, no ano 2010, podemos describir os cinco niveis arqueolóxicos.
O primeiro, tardoromano, permitiría observar estruturas de muros, de industria, e funerarios. Acháronse aquí partes dun muro de mampostería que foi roto para facer tumbas paleocristiás e que continua baixo os muros da primeira igrexa do século V, sobre os restos da ocupación tardorromana. Un forno industrial de produción local, que podería usarse para a fabricación de vidro ou metais. Unha “estela” tardorromana con epigrafía, reutilizada no muro da fachada das igrexas, ralacionada con tumbas de tella (ou ímbrice). Outros materiais recuperados consisten en material latericio, tégulas, ímbrice e ladrillo, cerámica común, imitacións de “terra sigillata”, vídros, metais como bronces e ferro, e escoria.
O segundo nivel de ocupación ten lugar a partir do século V. Sobre o nivel de ocupación tardorromano documéntase a construción dunha pequena igrexa basilical de planta rectángular, rematada nunha sinxela cabeceira rectángular. Esta construción ten asociadas as primeiras tumbas exhumadas “in situ”, como simples tumbas escavadas en restos de pavimento tardorromano, ou tumbas tardoantiguas construídas con pedras colocadas en posición horizontal cubertas cunha tapa,e tumbas construídas con pedras e reaproveitamento de material romano,como tégulas ou ladrillo. Destas tres tipoloxías de tumbas recupéranse 4 escavadas enpavimento, 1 de pedra horizontal, e 1 de pedra e material latericio romano, todas elas no interior da nave principal. A cronoloxía desta basílica ou cenobio, transcorre entre o fin do Imperio, ao longo da chamada etapa xermánica até o inicio da repoboación no século VIII.
O terceiro nivel é altomedieval. A primeira igrexa existe até o século VIII ou IX, ata que sufriu un incendio, xa que se recuperan abundantes carbóns ao longo da planta, ou por desexos de ampliar o templo, xa que debido ao movemento repoboador prodúcese un aumento poboacional, constrúese unha segunda igrexa, aproveitando a fachada e as paredes laterais, que serven de cimentación aos muros do novo templo; derrúbase a cabeceira, construíndose unha nova cabeceira cruciforme, distinguíndose o transepto, o presbiterio e a ábsida. A cronoloxía desta etapa transcorre entre a Alta Idade Media e a Baixa Idade Media. Relacionado co inicio do novo templo relixioso, asociada a el, está a necrópole de laxas, recuperándose no exterior da fachada até 26 tumbas de laxa, a maioría de adultos pero hai algunha infantil. Debemos destacar entre o material recuperado en época medieval, sobre todo na etapa románica, parte dun canzorro dunha cornixa, así como parte da ornamentación dun capitel, concretamente dúas granadas, de ampla tradición no mundo dos mortos, así como unha columna con epigrafía e gravado en baixorelevo dun báculo episcopal.
Tamén se recupera algunha cerámica medieval, moedas de bronce, e algunha medalla.
O cuarto nivel é da Baixa Idade Media e inicio da época moderna, século XVI. Nestes momentos a igrexa pasa a ser parroquial, encóstase unha capela lateral antes da cruz, ao norte da parede lateral norte da nave, e unha sancristía, a continuación do transepto, ao norte da cabeceira; na capela se exhuma un altar, e localízase un sarcófago monolítico fóra de sitio.
O quinto e último nivel arqueolóxico é de principios do século XVIII, ano 1730 en que se documenta o desmantelamento da igrexa e o seu traslado ao sitio actual, a 500 metros de distancia, á parroquial de Santa Comba de Louro; a escavación arqueolóxica documenta este nivel de destrución e traslado, o reaproveitamento da materia prima, a
pedra, sobre todo os sillares e o enlousado, para o novo templo.
Fotogrametría:
Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
web cos resultados da intervención arqueolóxica do 2010 e onde se pode ampliar a información desta ficha.
http://igrexavellasantacombadelouro.wordpress.com/o-xacemento/
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.689438667Lonxitude: -8.68231058121
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
3 comentarios
Estevo says:
Xul 16, 2014
Artigo na Galipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Igrexa_vella_de_Santa_Comba_de_Louro
Oscar Franco says:
Feb 8, 2017
Engado o seguinte enlace web que fala deste ben:
http://descubrecadadia.blogspot.com.es/2017/02/igrexa-vella-de-santa-comba-de-louro.html
Oscar Franco says:
Out 26, 2020
O Concello de Valga detecta desfeitas no xacemento de Igrexa Vella. Así o recolle a prensa dixital do 25 de outubro de 2020:
https://galego.farodevigo.es/arousa/2020/10/25/ayuntamiento-valga-detecta-destrozos-yacimiento-20491502.html