Outra fotografía:

Tipo de ben: Paisaxe histórica/cultural, Paisaxe natural,
Concello: Muros
Parroquia: Esteiro (Santa Mariña)
Lugar: Pedregal de Esteiro
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Descoñecida,
Descrición:

A Pedra do Cadro é un inmenso batolito de granito calcoalcalino que se alza no pedregal de Esteiro a unha altitude de 365 metros, o que fai que dende este lugar se teña unha ampla visión sobre a ría de Muros-Noia. O nome deste penedo podería deberse a característica da súa visión dende o mar e que serviría para poder “cadrar”, xunto con outros montes, algunha posición para os mariñeiros que faenaban pola ría. Por outra banda segundo apuntan Mª Aurora Lestón e Milagros Torrado no traballo sobre o “Altar rupestre da Pedra da Pía” o nome “quadro” podería suxerir un límite xeográfico un “quadrifinium”, ou lugar onde se xuntan catro propiedades. Se temos en conta esta teoría, cara abaixo e en dirección sur deste penedo, a unha distancia 40 m., hai unha cova entre dous batolitos onde se pode ver unha cruz na súa entrada con coviñas talladas a súa esquerda, que podería ser unha cruz de termo ou restos dun lugar de ritos precristiáns e onde tamén se atopa unha pedra con forma de muíño de man e que evidencia que foi tallada para ese tipo de usos. Dentro do mesmo pedregal podemos atopar a “Pedra da Pía”, a 650 metros en liña recta ao sueste, no camiño de subida a este fito, que está inzada de cruces e outros signos e letras, que tamén poderían marcar algún límite de propiedade. Na Abelleira, ao sueste da Pedra do Cadro, a carón do canle do río de San Lourenzo e ao norte da Aldea da Rateira, dentro da paraxe denominada Campo da Ermida, podemos atopar a Pedra das Cruces, outro penedo con 14 cruces atribuídas a varias épocas e catalogada nos Bens arqueolóxicos no Pxom do concello de Muros, a unha distancia de 2.2 km. Os tres fitos comporían unha liña recta de 2.8 km. e limitarían, ou santificarían, o pedregal en dirección noroeste- sueste.
No traballo anteriormente citado podemos ler. .. “En canto á súa denominación, é moi probable que proceda do latín quadro (praza, cadrado), xa que encontramos unha referencia baixo este nome nunha carta do S. XIII conservada no tumbo do mosteiro de Toxosoutos, na que podemos ler:
Ego Maria Petri dicta Canauenia vna cum filias meas et omnis uox nostra vobis domno
Petro Martini, abbate monasterii Sancti Iusti de Togis Altis, et omnis conuentus eiusdem
loci facio uobis et monasterio uestro kartam uenditionis de hereditate nostra propria quam
habemus in tra Carnota in villa que uocitant Malou, subtus monte Calu, discurrente
ribulo Malou, concurrentia Sancte Columbe de Carnota, et altera parte in alio loco ubi
dicitur Bornalio subtus monte Quadro ,discurrente ribulo Boual,
secus litor maris Tamarensis, concurrencia Sancti Stephani de Arino…

A autora desta carta expón nesta misiva a súa intención de vender ao mosteiro de
Toxosoutos as súas posesións nas localidades de Mallou ( concello de Carnota) e Bornalle, na parroquia da Abelleira, (concello de Muros). Tal e como indica o texto, sitúa esta última propiedade ladeira abaixo da Pedra do Cadro en Sancti Stephani de Arino que vén sendo Santo Estevo da Abelleira. Dentro das lendas populares podemos destacar a que indica que dende esta pedra se podía divisar a catedral de Santiago ata que un día foi fendida por un raio, por iso a vemos dende a cara sur atravesada por unha fenda que a percorre de arriba a abaixo. Non moi lonxe do lugar está a Laxe Borrateira un lugar coa lenda da caída de San Estevo do seu cabalo e na que aínda se poderían ver as marcas das ferraduras en forma de pías.
Na foto da ficha podemos ver a pedra con xente enriba dende a banda noroeste, que é dende se aprecia máis a altura do penedo en referencia ao terreo que a rodea. Na segunda foto a pedra cunha cruz e cazoletas na porta dunha pequena cova, citada anteriormente.


Fotogrametría:

Propiedade: Comunal
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Dato descoñecido
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://anuariobrigantino.betanzos.net/AB2011PDF/2011%20041_056%20pedra%20da%20pia_LESTON_TORRADO.pdf
webs
Ruta a Pedra do Cadro
http://www.queverengalicia.com/2013/08/senderismo-subida-pedra-do-cadro-en.html
http://roteirosgalegos.es/2011/09/esteiro-pedra-do-cadro/


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.8084600054
Lonxitude: -8.99669766426
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84