Outra fotografía:
Tipo de ben: Vila romana, Escudo / Epígrafe,
Concello: Carballedo
Parroquia: Temes (Santa María)
Lugar: Temes
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Romana, Época Altomedieval,
Descrición:
A igrexa onde se atopan os restos foi construída sobre un esporón cunha privilexiada situación sobre unha encrucillada de camiños e dos ríos Sil e Miño. O templo actual substituíu a outro anterior, altomedieval, do que se sabe polo epígrafe fundacional que se conserva no interior no que se pode ler a data da consagración: “SACRATO TEMPLI II KL/DCBS IN ERA DCC/(X) L(A)(I) II”, “A consagración do templo foi dous días antes das kalendas de decembro (30 de novembro), na era 843 (ano 805)”. Crese que no lugar houbo un castro primeiro e logo unha fortaleza medieval (se ben non existen datos arqueolóxicos nin escritos que o confirmen), e tamén un mosteiro se tomamos ao pé da letra unha doazón do ano 964 en que dona Goto doa varias vilas e vilares situados en Vilamirón (Pombeiro), agás unha ermida pertencente ao mosteiros de “Temanes”, que tamén é citado noutro documento do ano 997.
Malia o anterior, todo apunta a que este sitio acolleu unha ou varias construcións anteriores á primeira “eclesia”, tal como nolo testemuñan os abundantes restos que podemos ver reaproveitados na fábrica actual e que apuntan a un monumento tardorromano e paleocristián importante, talvez un mausoleu dunha persoa culta e poderosa das que aparecen no entorno do val medio do Sil (caso do lugar da Ermida, en Quiroga, onde apareceu o famoso Crismón), vencellados a castros e vilas tardíos documentados pola arqueoloxía. Na aldea existe a tradición da existencia dun militar romano chamado Marcelo, xa cristián, que sería a orixe da familia dos Temes. Os materias que agocha a igrexa son os que seguen:
1. Soporte de ara sobre a que se modelou un modillón en época medieval polo que se perdeu o campo epigráfico, se ben se conserva parte da tripla moldura orixinal nos laterais da parte superior e da basa. Estudada por Caamaño Gesto, vese: “(…) O (…)”.
2. Ara aos Lares Viais, descuberta no ano 1978 polo párroco don Segundo Capón Linares ao repicar o cal que cubría as paredes interiores da igrexa. Lese: “Laribus/Vialibu/s A(?)”.
3. Nun dos muros interiores, pedra reaproveitada coa gravura dunha figura en forma de espiña de peixe.
4. Inscrición gravada nunha prancha granítica, tabella con moldura funicular, situada na parte alta e interior do muro norte do presbiterio. Apareceu no ano 1974 ao desencalar os muros da igrexa. Delgado Gómez dátaa no século IV. Di: “Fides Spes Caritas”, (“Fe, Esperanza e Caridade”).
5. Pomba esculturada noutra pedra, tamén granítica, situada nun lateral da nave, posiblemente da mesma época ca inscrición anterior.
6. Tampa de sártego atopado no ano 1974. Trátase dunha praca monolítica de mármore branca, incrustada por riba do arco triunfal, e datada entre o 320 e o 330 d.C. Hai quen sostén que esta peza foi prefabricada nun taller romano, procedente das canteiras pantélicas de Atenas, e traída dende o veciño porto de Polumbario aproveitando unha vía navegable do Miño (navegable, segundo Schlunk, ata os Peares), ou ben polo Sil dende a Meseta Norte. No centro leva unha praca lisa ou taboíña destinada a recibir unha inscrición que hoxe en día non existe e quizais endexamais existiu. Á dereita daquela represéntase a escea da Adoración dos Magos, xunto o grupo de Adán e Eva, e á esquerda a historia do profeta Xonás. No primeiro rexistro a Virxe co Neno no colo e con túnica e palio, tocados co característico gorro puntiagudo frixio e seguidos dos respectivos camelos. No segundo rexistro presenta como centro un tronco de árbore flanqueado por Adán e Eva que tende a man cara a árbore na que está a serpe. Quizais sexa unha das tampas de sártego máis completas da Península. Ofrece por primeira vez en Hispania o tema de Adán e Eva no Paraíso, e un relato do ciclo de Xonás.
7. Formando parte dos muros están á vista uns capiteis para coroar dúas piastras. Outro para unha columna facía de soporte dunha pía de auga bendita. Unha das piastras foi retocada para adaptala no muro sur do presbiterio, a outra fai agora de mesa do altar, apoiada sobre dous dos capiteis mellor conservados. Todas estas pezas pertencen ao estilo tardo imperial.
Fotogrametría:
Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Dato descoñecido
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
Delgado Gómez, J.: “El complejo de Temes: los documentos cristianos, iconográfico uno, y epigráfico otro, más antiguos de Galicia” (1197).
Vázquez Seijas: Toponimia do Concello de Carballedo, en Lucensia (2005).
Romanización de Galiza en http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2011/07/romanizacion-de-galiza.html
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.4629068964Lonxitude: -7.75441646576
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
1 comentario
Adolfo says:
Ago 29, 2014
É unha mágoa que a igrexa non abra máis a miúdo para ver todo eso. Estivemos por Temes mais dunha vez e non foi posible entrar. Dixéronos que o cura tiña que atender máis de 12 parroquias e que só abría un par de veces ó mes e polos aniversarios e cousas desas.