Outra fotografía:

Tipo de ben: Castelo, Paisaxe natural,
Concello: Laxe / Terra de Soneira (comarca) / Vimianzo
Parroquia: Calo / Traba
Lugar: Pasarela
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Descoñecida, Época Altomedieval,
Descrición:

Os penedos de Pasarela e Traba pertencen a unha afloración granítica que se estende dende Traba ata o Cabo Vilán: a Serra da Pena Forcada. O granito rosado de toda esta zona (chamado tamén tipo Traba) chega ata a costa creando formas máxicas. Non ten cumes moi altos (o maior é de 300m) pero a súa abruptuosidade fai desta zona unha das máis perigosas para a navegación.

Os penedos de Pasarela e Traba quedan ó leste da pequena depresión que comunica o Val de Vimianzo co Val de Traba. Tres son os seus picos máis senlleiros que se perfilan no horizonte: a Cachucha, a Galla da Pena Forcada e a Torre da Moa.

O mellor percorrido por esta marabilla natural iría de sur a norte, dende Pasarela (Vimianzo) a Traba (Laxe). Impresiona a Pedra da Barca, chamada así pola súa semellanza cun navío. Nas súas inmediacións están os restos dunha canteira ilegal que asociacións e ecoloxistas conseguiron paralizar. Aquí levántase a Pedra da Cachucha que parece unha boina xigante.
Seguindo cara o norte veremos máis rochas de caprichosas formas onde a imaxinación, a nosa posición e a inclinación da luz solar nos axudarán a ver xigantes, esfinxes, un dromedario, unha aguia, unha nave espacial…

O seguinte cumio é a impresionante Galla da Pena Forcada, chamada así pola comparación con esta ferramenta de labranza. Este pico é o máis alto deste conxunto con 273m, e divide os concellos de Vimianzo e Laxe.

O último cumio é a Torre da Moa ou Castelo, coroada cunha enorme pena en forma de moa de muíño. Dende aquí teremos unhas espléndidas vistas sobre os Penedos que temos enfronte: os de Braño ou Piñeo, e sobre o val de Traba coa súa lagoa e sistema dunar.

Segundo o arquéologo Antón Rodríguez Casal, neste cumio existe un recinto castrexo do que poucos vestixios quedan. Tamén é posible a existencia dunha fortaleza medieval (lembremos o topónimo de Castelo ou Torre da Moa). Atopóranse dúas liñas de muro de sillares e cerámica tardorromana e medieval.

Ademais, a hipótese dun culto megalítico ancestral neste máxico e misterioso lugar cobra forza coas mámoas que hai preto desta formación. Había quen situaba aquí as Aras Sextianas. En 1975 o investigador Pedro Marfany sinalara na Torre da Moa unhas piletas de sacrificio castrexas ou romanas, con canles de desaugue que van cara o precipio.

No 2009, a Xunta declarou ós Penedos de Pasarela e Traba como Paisaxe Protexida.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Forestal
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:

Os habitantes destes lugares sempre tiveron admiración e curiosidade polas suxestivas formas que adoptan estas pedras. Numerosos topónimos dan conta das posibilidades que ofrecían á imaxinación estes penedos.

Ademais, escritores de grande sona como Eduardo Pondal, Otero Pedrayo ou Manuel Rivas sucumbiron á beleza e misterio do lugar.

“Penedos de Pasarela,

cando vos vexo, penedos,

suspiro de amor por ela.”

EDUARDO PONDAL

“Penedos enormes con rostro humanoide. Con forma de animais. Con caprichos surreais. O Henry Moore quedaría sen fala e o Chillida seguramente se dedicaría a outra cousa.”

MANUEL RIVAS


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

LEMA SUÁREZ, Xªmª e VVAA (2010),Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte. Xerais, Vigo


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

As canteiras foron o maior perigo para estes penedos. En 1997 unha ilegal púxose a destruír os penedos na zona da Cachucha, pero gracias a varias asociacións e ecoloxistas conseguiuse parar coa explotación. Non hai moito no 2007 estudouse colocar outra canteira no lugar. O ex-alcalde Alejandro e varios veciños das aldeas próximas estaban a favor, pero gracias á Xunta no 2009, a zona quedou declarada Paisaxe Protexida. A pena é que esta consideración siga entre toxos e silvas e aínda non se fixo ningunha actuación de conservación e adaptación para a visita no lugar.


Onde está localizado

Latitude: 43.1626779116
Lonxitude: -9.03805732727
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84