“A maior parte dos bens patrimoniais están en estado de emerxencia”
É camariñán de pura cepa. Traballa como operador de planta química pero o seu é patear monte e descubrir o que ocultan as súas pedras. Ten un fermoso neno chamado Martiño e, desde que ten uso de razón, xa plantou multitude de árbores. Tamén escribiu un traballo que lle gustaría que se convertera algún día nun libro. “Aínda que estivo a piques de publicarse, a crise colleume polo medio e aínda que me aseguraron que se ía publicar, as palabras levounas o vento”, apunta. É Xosé Troiano, un dos catalogadores máis activos de Patrimoniogalego e co que dá gusto falar e traballar pola paixón que transmite cando se fala de poñer en valor as riquezas patrimoniais que oculta o noso pequeno e fermoso país.
Comecemos por unha valoración de patrimoniogalego.net. Por que decidiches entrar a formar parte del?
Con 12 anos, na escola ensináronme o que era o noso patrimonio, ademais de estudalo, aprender a querelo. Leváronnos a ver e a comprender varios castros e dolmens. Elaboramos unha revista na escola titulada “Alborada”, no que o entón director Xabier Landeira, axudounos en tema de documentación sobre a vila e concello de Camariñas. A partires de ahí, foi cando empecei coa recompilación de datos sobre a historia e etnografía da miña fermosa vila. Moitos anos máis tarde, ante a falta case total de datos sobre xacementos, xurdiron páxinas moi valiosas como “onosopatrimonio.blogspot.com” de Xabier Moure ou “dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es” de Ramón Boga. No 2011, máis ou menos, apareceu esta fermosa idea de facer un catálogo e dar a coñecer os diversos bens chamado “Patrimoniogalego.net”.
Eu xa fixera un traballo pendente de publicación e aproveitei os coñecemento e datos que tiña pra poder compartilo con toda a xente amante do noso patrimonio.
En canto á túa zona, coidas que se trata dunha área especialmente rica en patrimonio?
Non só na miña zona, senón toda a Galiza actual e a anterga Gallaecia. No caso do Concello de Carnota, limpas un outeiro de toxos e aparecen petróglifos como cogomelos.
Mais, para tal cantidade de bens coma posuímos, fáltalle o valor merecido que posúen. O castro de Mourín ou o Castelo do Soberano en Camariñas, o castro de Mallou no concello de Carnota, que por certo, leveime unha grande decepción este ano, pois non se chegou a limpar esta primaveira-verán e o toxo voltou a invadir todo o xacemento. Un gran traballo que se fixo de limpeza, estudo e posta en valor no ano 2013 e que se está a estragar por non coidar do noso.
E como valoras o estado no que se encontran os bens?
A maioría en estado de emerxencia. Semella catastrofista pero mentres non se cambien as ideas nas cabezas da xente e sobre todo dos políticos será unha guerra case imposíbel de gañar. Un exemplo antes comentado, o castro de Mallou por non falar dos castelos e torreóns que temos polo país adiante. Un exemplo é o castelo de Narahío, un dos moitos que se poderían citar.
Leva moito tempo catalogar tantos bens?
Facer unha ficha con xeito, ou medianamente ben, leva o seu tempo. Busca de datos, tanto a nivel de campo como de rata de biblioteca e a busca dunha historia, lendas, etc. Tamén é verdade que dependendo do ben que se catalogue, leva máis ou menos tempo.
Cales foron os que che deron máis traballo e por que?
As fichas que máis traballo me deron, uff, non che sei. Houbo tantas que non podería dicirche esta ou aquela. Mais direi a Batería do Soberano de Camariñas. ten unha grande historia detrás, normalmente cóntase dela parte dunha historia que realmente non é, como por exemplo, que foi ou foron os que deron a idea da traza coa cal logo se construiría. Orixinariamente íase construír cunha traza totalmente diferente e nun lugar totalmente diferente.
Cal é o ben que catalogaches ao que recomendarías unha visita e por que motivos?
Pois a que lle teño un cariño especial por ter traballado nel sería o Castro de Mallou. Pero tamén recomendaría os petróglifos do arco carnotán, o Monte do Pindo no seu conxunto ou os dous faros máis fermosos do estado español. Os faros de cabo Vilán e a Torre de Hércules. Hai moitos máis bens que recomendaría, mais comenzaría por estes.
Supoñemos que durante este tempo de catalogación terás vivido algunha anécdota. Cóntanos algunha delas?
Anécdotas moitas. A máis repetida, quizais preguntar por onde queda o castro do lugar e recibir a contestación de “levo vivindo toda a vida eiquí e non sabía que vivía ao carón dun castro”. Aínda que a anécdota máis graciosa foi levando a un pequeno grupo a ver as murallas do Pindo. Resulta que falando cunha fermosa muller, compañeira dun do grupo, coméntolle que facía pouco tempo que aparecera unha magnífica páxina chamada “patrimoniogalego.net” e que xa levaba catalogada uns cantos bens, sobre todo da zona. Pois resulta que esa muller, chamada Soledad Felloza, chama polo seu compañeiro que ía máis adiante xunto con Xurxo Salgado e Xilberto Caamaño, presidente de Monte Pindo Parque Natural. “Manolo ven a coñecer un dos teus catalogadores”. Imaxínate a miña sorpresa e pensas o pequeno que é o mundo. Si señor, Manolo Gago, un dos pais da páxina.