
Outra fotografía:
Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Bueu
Parroquia: Cela (Santa María )
Lugar: Igrexario
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:
A igrexa parroquial de Santa María de Cela é un templo de estilo románico serodio, probablemente erguido na segunda metade do século XII, atendendo ás súas características estilísticas, aínda que os primeiros documentos que citan a freguesía datan do século XIII.
O tempo ten pranta rectangular, dunha soa nave, con ousía cadrada no testeiro, construído en perpiaño regular. A fachada occidental conserva unha fermosa portada, con dúas arquivoltas apuntadas formadas por medias canas con flores estilizadas nos espazos intermedios, rodeados por unha chambrana con decoración de billetes que se apoian en cadanseus pares de columnas, de fuste liso e capiteis pseudocorintios con dobre orde de follas. O tímpano está dividido en dous niveis. O baixo, correspondente ao lintel, apoiase en dous pequenos canzorriños historiados que representan un animal e un home que sostén entre as pernas un tonel, e contén, en baixorrelevo, de esquerda a dereita, unha roseta de catro follas sobreposta a un círculo, unha cruz patada no centro, e unha combinación dos dous motivos anteriores á dereita. Sobre o lintel está o tímpano propiamente dito, no que se representa, tamén en baixorrelevo, no centro, unha figura humana con túnica cinguida e carapucha, e as mans enlazadas á altura da cintura, flanqueado a un lado e outro por dous leóns rampantes, e no alto, á esquerda do personaxe, dous círculos concéntricos. Talvez sexa unha representación máis do tema de Daniel no foxo dos leóns.
A portada acóllese nun tornachuvas ou aleiro sostido por seis canzorriños, a metade deles figurados, aínda que moi desgastados. Sobre o frontis érguese a espadaina, de dous arcos e coroada por pequenos pináculos e unha cruz, e que é un engadido do século XVIII.
Unha portada lateral, no muro sur, ten tamén decoración en baixorrelevo no lintel, que repite o tema da cruz patada con pétalos en forma de aspa. A porta do muro norte é moderna, con inscripción no lintel coa data de 1714, como ficou dito. Ao longo dos muros, no aleiro, destaca a serie de canzorriños, algúns simples, en forma de proa de barco, pero outros con diversos temas: homes que sosteñen redomas, felinos, cabezas de boi, de porco e de carneiro, aves de rapiña… todo baixo unha cornixa decorada con motivos de billetes, taqueados, entrelazos e follas estilizadas.
No muro do testeiro ábrese unha pequena xanela saeteira con derrame polo interior, enmarcada por un arco de medio punto sostino por columniñas de capitel pseudocorintio. Sobre o alto do piñón hai un agnus dei ao que lle falta a cruz.
O interior ten cuberta de madeira na nave, e bóveda apuntada na capela maior, que descansa sobre dous arcos faixóns que se apoian en columnas adosadas no interior, e se reforzan no exterior con contrafortes. O mesmo motivo de billetes que domina no exterior exténdese no interior ao longo da liña de imposta. O arco triunfal é apuntado, cunha chambrana decorada con rosetas, e apoiase en capiteis decorados con follas e caulículos. Algún capitel dos arcos faixóns tamén ten decoración historiada, igual que os das columniñas da xanela do testeiro, que repite o esquema do exterior.
Fotogrametría:
Propiedade: Comunal
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
BANGO TORVISO, Isidro Gonzalo. Arquitectura románica en Pontevedra. Fundación Barrié de la Maza. A Coruña, 1979.
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.32672477104544Lonxitude: -8.752766847610474
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
1 comentario
franjopadin says:
Out 11, 2011
A igrexa parroquial de Santa María de Cela está catalogada nas normas subsidiarias
municipais de Bueu, e ten grao de protección integral.
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/BUEU/documents/0719NO010.pdf