Outra fotografía:
Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Betanzos
Parroquia: Tiobre (San Martiño)
Lugar: Tiobre; Betanzos vello.
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:
Igrexa de planta rectangular dunha soa nave e ábsida rectangular fabricada en sillería de granito de aparello regular. Foille engadido, posteriormente, unha sacristía.
No interior, a nave cóbrese a través dunha armazón de cimbros de madeira a dúas augas, mentres a ábsida cóbrese cunha bóveda de canón de cantería lixeiramente apuntada sobre unha imposta. O arco de ingreso ó presbiterio realízase por medio dun arco triunfal apuntado que se apoia sobre dúas semicolumnas apegadas de avultados capiteis composteláns, nos que se mesturan follas, volutas e cabezas. A ábsida divídese en dous tramos por un arco similar ó triunfal sobre columnas adousadas, con capiteis de volutas e cabezas humanas. Tanto as columnas do arco de acceso, como as divisorias apóianse nun alto basamento ó modo de banco.
O interior recibe iluminación natural a través do rosetón situado no testeiro da nave e as escasas seteiras que se abren nos muros.
No exterior, todo el de pedra á vista, presenta un harmónico xogo volumétrico. Na fachada sur, hai unha portada con chambrana decorada con dentes de serra sobre arquiños que cobixan as arquivoltas decoradas con baquetóns. O tímpano ten unha cruz de entrelazo sobre o lintel da porta. Apóiase nun par de columnas adousadas con capiteis vexetais. Sobre a porta, entre dous contrafortes, hai un aleiro sobre canzorriños zoomorfos. Os muros rematan nunha cornixa sobre os canzorriños de distintas formas: de rolo, zoomorfos, etc.
No lado norte, hai unha sacristía, como xa dixemos ó principio, de data posterior. A ábsida ten no lado sur dous contrafortes, no lado este hai unha seteira baixo un arco de medio punto con triple arquivolta baquetonada, dúas en forma de chambrana e a máis interior apóiase en dúas columnas situadas nas xambas con capiteis vexetais sobre un basamento moldurado. Os muros rematan nunha cornixa sobre canzorriños zoomorfos. Sobre o testeiro, nos vértices e piñón do beiril, sitúanse tres figuras pétreas de animais, que orixinariamente estaban situadas sobre os testeiros e a espadana.
En canto a fachada principal, ten unha porta baixo chambrana, decorado cun axedrezado, apoiado nunha imposta; dúas arquivoltas con molduras que cobixan un tímpano que ten como única decoración unha cruz inscrita nun círculo, aséntase sobre mochetas lisas. As arquivoltas apóianse en dous pares de semicolumnas acubilladas nas xambas con capiteis corintios de decoración vexetal, sobre un basamento con festóns e un releve circular na basa da columna interior do lado dereito. Enriba da porta hai unha xanela rectangular abucinada que poido ser unha antiga seteira á que se lle agrandou a luz. Remata a fachada unha espadana de dous corpos, o primeiro formado por dous arcos de medio punto que descansan sobre piares moldurados e serven pra aloxa-las campás. O segundo corpo, un frontón triangular curvo cun oco flanqueado por pináculos piramidais e rematado por outro pináculo.
Como en moitas igrexas do rural galego, aparece o cemiterio dentro do recinto do adro, formando un conxunto onde conviven a parroquia dos mortos e a parroquia dos vivos.
Fotogrametría:
Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
-MURGUÍA, M.: “Betanzos y sus Mariñas”, 1865. Historia de Galicia, reproducción facsímil, 1980. Edición patrocinada pola Real Academia Galega. T.II, páx. 1152.
-SORALUCE BLOD, J.R.; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, X.: “Arquitecturas da provincia da Coruña, Abegondo, Betanzos, Irixoa, Miño, Paderne e Vilarmaior”. Tomo VII. Deputación Provincial da Coruña, 1997.
-VALES VILLAMARÍN, F.: “As cruces antefixas románicas e sustentáculos da comarca betanceira”. Anuario Brigantino, páx.16-30, 1982.
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/BETANZOS/documents/26373ca003.PDF
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 43.2934970564Lonxitude: -8.20190548897
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84