Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Cangas
Parroquia: Coiro (San Salvador)
Lugar: Igrexario
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

A igrexa parroquial de San Salvador de Coiro é unha construcción barroca de 1784, obra dos Novás, familia de canteiros orixinaria de Tui.

O templo ten pranta basilical, de tres naves, con ousía cadrada na cabeceira. As naves están separadas por columnas de orde toscana que se asentan sobre altos plintos. As naves laterais son moi estreitas, e están cubertas por bóveda de canón perpendicular ao sentido da nave central, mentres que ésta cúbrese con bóveda de cruzaría. O presbiterio está cuberto por unha bóveda estrelada, con nervos que se apoian directamente sobre a imposta, sen continuidade no muro.

Na fachada occidental, a portada acóllese baixo un arco de medio punto que se adentra no corpo occidental, formando un pequeno tramo abovedado. Sobre a porta, de arco escarzano, sitúase un nicho cunha imaxe do Salvador, rodeado de diversos motivos xeométricos, volutas e espirais en altorrelevo. Sobre esta portada ábrese un óculo de forma ovalada, acompañado doutros catro máis pequenos aos lados da porta, que serven para dar luz á nave.

Pero a parte máis salientable do conxunto é a torre, levantada sobre o frontis, e dunha considerable altura, que supera en moito ás xa esveltas proporcións do templo. Sobre un primeiro corpo cadrado, decorado cun enorme escudo coroado, pero co seu campo baleiro, engádense máis e máis placas de decoración xeométrica que van engrosando o volume da construcción a medida que gaña altura, producindo un inquedante efecto de desequilibrio e vértixe, que aínda se realza máis coa balaustrada que rodea toda a torre, e que se suma a todos eses volumes voadizos, en equilibrio sobre a súa estreita base. Todo isto sitúa este edificio na mellor tradición do Barroco de placas compostelán de Simón Rodríguez, e fan del unha das realizacións máis sorprendentes do barroco rural galego. Coroa o edificio un corpo novamente cadrado, con arcos nas catro caras, flanqueados por pilastras que sosteñen un entaboamento, e sobre éste, unha cúpula octogonal sobre tambor da mesma forma. A vocación vertical, ascendente, da fachada é suliñada pola monumental escalinata de acceso ao adro, e a propia situación do templo nun lugar elevado, ao pé do monte de Ermelo, dominando o val do Bouzós e a chaira ata o mar.


Fotogrametría:

Propiedade: Comunal
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

No interior hai varios retábulos e altares adicados ao Salvador e á Virxe, ademais de diversas tallas de época barroca.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.282684717798006
Lonxitude: -8.771274089813232
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84