Outra fotografía:

Tipo de ben: Lavadoiro,
Concello: Pontevedra / Pontevedra (comarca)
Parroquia: Ponte Sampaio (Santa María )
Lugar: Acevedo
Outra denominación do ben: O Pozoliño
Cronoloxía: Descoñecida, Século XIX,
Descrición:

O Pozo do Liño é un lavadoiro comunal, coa súa fonte asociada. De planta rectangular e con tellado a catro augas, sostido por seis piares cadrados situados nos lados curtos. Presenta as pedras de lavar corridas, en catro pezas longas, distribuídas de a dúas en cada lado de lavar, e dous aliviadoidos no lado do camiño. O sollado onde se apoiaban os pés está empedrado (hoxe en estado regular), cun reguiño diante dos pés, a rentea da parede do lavadoiro, para evitar mollarse.
A fonte é “de mina”, de fronte rectangular de perpiaño, igual co resto do lavadoiro. O bico da fonte é unha pedra trapezoidal cun caniño no medio por onde deita a auga. A condución da auga ó lavadoiro faise por medio dun rebaixe na pedra onde deita a auga o bico da fonte. Este rebaixe presenta a forma dunha pá do forno.
Todo o conxunto ten o seu recinto pechado, ó que se accede por dúas entradas para cada unha das zonas de lavar. A zona da dereita presenta, do lado do piar inmediato, un pousadoiro traballado coma un piar rectangular, nun só bloque de pedra, pero máis baixo ca os piares de sostén do teito.
O aproveitamento da auga é eficiente, pois desauga nun pozo de regar que está anexo ó recinto do lavadoiro.
Nos anos 60 engadíronselle, igual que a tódolos lavadoiros da aldea, os símbolos franquistas do xugo e as frechas.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Sen usoOutros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Non está inventariado
Elementos mobles:

Non ten.


Tradición oral:

Polo que o propio nome indica, parece ser que, en tempos, utilizouse para empozar o liño. Non hai noticias que isto sucedese despois de 1890, data na que semella desaparecer o liño da zona.

Segundo contaba María Reguera Cal (1901-1995), o tellado foi botado tamén arredor dos anos 50 ou 60, para o cal se lle compraron os eucaliptos ó seu pai, Manuel Reguera Parada, coa fin de facer as vigas e as ripias.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Coma todas as infraestruturas comunitarias, vese afectado polas novas tecnoloxías, que se ben melloran a calidade de vida, evitan que a xente vaia lavar a este tipo de lavadoiros, e inflúe negativamente na conservación comunal da que era froito antes da xeralización das lavadoras domésticas.


Onde está localizado

Latitude: 42.3542943665
Lonxitude: -8.59069705009
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84