Outra fotografía:

Tipo de ben: Mosteiro/Abadía/Cenobio/Priorado,
Concello: A Coruña
Parroquia: A Coruña
Lugar: Praza de Santo Domingo, Cidade Vella
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

O convento de Santo Domingo da Coruña fundouse no século XIII sobre o terreo que hoxe ocupa o Cuartel de Atocha, fóra da muralla da cidade, sendo o seu primitivo templo gótico panteón da nobreza coruñesa durante os séculos XIV e XV. A súa planta é similar a do seu coetáneo San Francisco. Durante o ataque inglés do ano 1589, o edificio foi utilizado como batería polo invasor contra a Porta de Aires, quedando completamente arruinado trala contenda.
A construción do novo convento na súa actual localización iniciose en 1596, e a súa igrexa abriuse ó culto en 1613 aproveitando restos do templo anterior. En 1663 constrúese a Capela dos Remedios e pouco despois a do Rosario, Patroa da Coruña.
A modesta fábrica deste templo foi substituída a fins do século XVIII (1763-1787) polo actual edificio barroco, así como parte do convento e o claustro. En 1876 fixéronse cargo dela os xesuítas, sendo utilizado despois o convento como cuartel ata súa demolición polo Concello no século XX. Os dominicos retornaron ás súas vellas instalacións reconstruíndo nelas o actual colexio.
A igrexa ten planta de cruz latina de testeiro recto e brazos laterais máis ben curtos. O seu coro-tribuna disposto aos pés sobre os dous primeiros tramos do corpo da nave, articulación interior basado en pilastras caixeadas de tipo toscano atados con arcos de reforzo adousados aos muros, cubrición sobrealzada por plintos que remata en bóvedas de aresta no presbiterio, en canóns con lunetas no corpo principal e con cúpula sobre pechinas e sen tambor montada sobre o cruceiro.
A fachada é de labra tosca, estraña e orixinal. Configura unha composición tripartita onde se distingue claramente o fronte principal da igrexa encaixado e sobreposto sobre o peche do convento. Unha fachada que se compoñe dunha estrutura de tipo monumental formado por dúas pilastras xigantes de orde dórico e festón caixeado que remata nun robusto frontón curvo de coroamento bruscamente partido, todo enmarcado dende o baixo unha porta alintelada abarcada por un arco cego, un van curvo en forma de forneliña. Na parte alta no medio do corpolento frontón alto, un gran nicho semicircular moi profundo e desviado que funciona a maneira de xanela de iluminación da igrexa interior.
Pechando o conxunto, a torre que se atopa algo retrasada con respecto á fachada principal, desviado con respecto á liña das dúas fachadas, como se mirase en dirección a outro lugar, parece manter a súa vez outra aliñación distinta, esta vez a eixo co interior da igrexa, é dicir, entre os dous frentes fundidos da igrexa convento e a torre dominante que xurde por detrás, existen certos desaxustes de liña e orientación, debido a que a igrexa nova debeu levantarse sobre o plano e eixo da antiga que non debía estar en conexión axial co resto do conxunto. Unha torre corpolenta e decrecente, con tres corpos superpostos: cuadrangular e macizo o principal de arranque, algo oitavado ou con chafráns de esquina o segundo onde se aloxan as campás, e octogonal e cupulado o terceiro que remata o conxunto. Entre corpo e corpo, fortes cornixas voadas rematadas por balaustrada e pequenos pináculos con bola.
No muro posterior da ábsida consérvase o tímpano coa virxe dunha das portas do templo gótico, así como varias das claves das súas primitivas bóvedas.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

– SORALUCE BLOND, J.R.; FERNANDEZ FERNANDEZ, X.: «Arquitectura da provincia da Coruña, A Coruña», Volumen VI, Deputación Provincial da Coruña, 1997.
– VIGO TRASANCOS, A.: “A Coruña y el siglo de las luces, La construcción de una Ciudad de Comercio (1700-1808). Universidade de Santiago de Compostela. Universidade da Coruña. 2007.
– http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/ACORUNA/documents/26446ca003.pdf


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.3701076375
Lonxitude: -8.39120775461
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84