Xabier Moure é un dos máis activos catalogadores de Patrimonio Galego e un dos principais gardiáns dos tesouros históricos que oculta esta nosa Galicia. Moure é de Ourense e, chegou, ao Patrimonio de segundas. Ao rematar o bacharelato matriculouse en Farmacia pero deixouna para facer Xeografía e Historia, carreira que tivo que facer aos cachos por mor dos distintos destinos que lle tocaron ao aprobar, primeiro unhas oposicións para o Ministerio de Educación e Ciencia, e despois outras para a Administración do Estado. “Debido a que sempre me gustou viaxar aos países do norte de África, estudei francés varios anos”, apunta. Na actualidade é o director da Oficina de Emprego de Becerreá, que é onde reside. E, cando ten un anaco de tempo libre, anda polos montes, fragas e campos do país na procura do noso patrimonio. (onosopatrimonio.blogspot.com)

De onde che ven a paixón polo noso patrimonio cultural?
A miña paixón polo Patrimonio creo que vén dende o día en que o meu avó paterno me levou a ver o castro de San Cibrán de Las e o “Forno da Santa”, situado na cripta da inacabada igrexa da Asunción en Armea, e de cando a miña avoa materna me contaba historias e lendas, entre outras a do Pozo Maimón, en Reza. Logo cos meus pais fun á necrópole do Adro Vello, o Trega… Pero o que quizais máis me influíu foi cando os albaneis que estaban a restaurar unha casa da familia, atoparon debaixo do chan de madeira da planta baixa un montón de libros que a miña bisavoa materna agochara ao comezo do golpe do 36, entre eles uns de Historia, varios de autores clásicos e outros en latín (lingua pola que sinto verdadeira paixón) que gardo coma un tesouro. O empurrón definitivo veu da man de Xaquín Lorenzo (Xocas), quen, aínda que xa andaba polos setenta anos de idade, era o director e continuaba a impartir clases de Historia no colexio Cardenal Cisneros de Ourense (“O Cisneros”). Ademais das clases de Historia, sempre facía algún oco para falarnos de etnografía. Con el visitamos o castro e a vila romana de Santomé, as mámoas da Serra do Larouco, o mosteiro de Lobás, etc., que sempre ían acompañadas de didácticas e amenas explicacións.

Quítache moito tempo catalogar os bens?
Catalogar os bens apenas me quita tempo, levo anos recollendo información para varios blogues que manteño e para outros traballos, así que só se trata de facer uns milleiros de quilómetros co coche, que gostes de patexar e, sobre todo, que queiras compartir o que fas.

Cales foron as fichas que che deron máis traballo? Por que razóns?
As fichas máis traballosas son, quizais, as aras, estelas e inscricións romanas que están reaproveitadas ou agochadas no interior de igrexas, capelas ou casas, non pola confección da ficha en si, senón pola dificultade de, en moitas ocasións, poder acceder a ás pezas.

De todos os bens que catalogaches, cal recomendarías tratar de visitar?
Pois todos. Nun meu blog (onosopatrimonio.blogspot.com) relaciono case 15.000 xacementos do paleolitico, mámoas, pedrafitas, petroglifos, castros, pezas e xácigos romanos, pontes, mosteiros e castelos, ao que hai que engadir outros milleiros que non achego: igrexas, ermidas, pazos, cruceiros, espazos naturais… Hai para todos os gustos.

E como soe estár o seu estado de conservación?
Sobre o seu estado de conservación: pésimo. Agás contadas excepcións, as administracións públicas pasan do noso Patrimonio, non só non os poñen en valor, senón que permanecen impasibles ante as agresións que día si e día tamén se producen e que non nos cansamos de denunciar. En Galicia semella que só existen Dombate, o Trega, os petroglifos de Campo Lameiro e quizais outro cento máis de monumentos, o resto atópanse totalmente deixados da man de Deus. Grazas aos colectivos e persoas a título individual que nos involucramos para divulgar e protexer o Patrimonio, a desfeita non é maior.

Durante este tempo que levas catalogando bens vivirías algunha que outra anécdota. Cal che pareceu máis divertida ou curiosa?
Anécdotas, a moreas. Hai unha pía de anos, unha amiga máis eu achegámonos ata a igrexa mosteiral de San Salvador de Asma, en Chantada. O amable sacristán foinos contando quen eran todos os santos que había nos retábulos. Mais, cando chegou ao último, díxonos que lle daba algo de vergoña falar desa imaxe porque estaba presente unha muller. Dixémoslle que non se preocupara, que podía falar sen problema. Dito e feito, colleu unha escoba e co mango levantoulle o saio á talla ao tempo que nos dicía: “Aí tedes o único santo con pito”. Noutra ocasión, preguntámoslle a un home que levaba a pacer o gando onde quedaba a anta de Abuíme, no Saviñao. Como non nos entendía o que andabamos a buscar, démoslle outros nomes ao monumento: medorra, mámoa, dolme, etc. Pero nada. Cando xa marchabamos, chamounos e, poñendo os tres dedos dunha man como na iconografía de Cristo bendicindo, díxonos: “Falades dunhas pedras fincadas así?”. Asentimos. “Queda alí (sinalou), é a tumba do xeneral”. Un día preguntámoslle a unha muller por onde se ía ao castro de Altamira, nas Neves. Contestounos que alí non había ningún castro, que aquel chamábase O Crasto, puntualizando, por se había algunha dúbida, de que O Castro estaba en Vigo.

Que melloraría de patrimoniogalego.net?
Hai algún tempo enviei uns machados neolíticos localizados en Baralla e Cervantes (os únicos atopados ata o presente na comarca dos Ancares) que os editores consideraron non publicar porque se trataba duns achados illados e descontextualizados, decisión coa que non estiven de acordo, e así llo fixen chegar. Creo que tanto este tipo de pezas, como outras reaproveitadas, e tamén descontextualizadas, que non teñen relación cronolóxica co monumento onde se atopan (igrexas, por exemplo), deben considerarse bens aparte. Por que se admite, por exemplo, un petroglifo ou o esteo dunha anta reaproveitado nun muro do peche dunha finca, e estes non?