Outra fotografía:

Tipo de ben: Castelo,
Concello: Melide / Terra de Melide (comarca)
Parroquia: Grobas (Santa María)
Lugar: O Castelo
Outra denominación do ben: Castelo de Grovas
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

O Castelo de Grobas, pertencente a Mitra Compostelá, situábase nun rechán da ladeira oeste da zona dos montes do Coto de Salgueiros e dominando o val que forma o río Iso ao seu paso polas parroquias de Baltar (Melide) e A Mella (Arzúa ). É posible ver aínda a zona elevada e chan onde se asentaba a fortaleza, duns 25 metros de longo e apuntando unha planta cadrada, pequenas zonas aterrazadas ao seu redor, e restos do que podería ser un gran foso rodeándoo, pero que foi colmatado na zona que vai da súa parte norte ao leste para ser utilizado como terreo agrícola. Na zona máis alta hai moito cachote e restos de bases de muros que pertencerían á fortaleza. Cara á zona oeste e sur aproveita o límite norte dun gran desmonte do terreo, a modo de gabia, duns 40 metros de ancho e uns 15 m. de fondo que se estende uns 500 metros en dirección nordés suroeste ladeira abaixo, e que parece provir dunha antiga actividade mineira. Debido ao seu tamaño, esta parte superior da gabia non semella feita para a defensa do castelo, pero serve para fornecelo dunha defensa inmellorable por esta banda. Estas mesma marcas no terreo podémolo ver no castro próximo situado no lugar do Ribeiro na parroquia de Baltar e na aldea de Grobas. O castelo non aparece reflexado na relación de Bens do PXOM de Melide do ano 1994, pero está declarado BIC no decreto do 22 de abril do 1949. Ao sueste, a uns 120 metros, está a Capela de Santa Cruz.
Aprécianse as inmensas gabias no terreo de todas as zona mencionadas no plano de pendentes que se expón na bibliografía da ficha.

Segundo podemos ler nos ficheiro web da Xunta de Galicia de Delimitación do trazado e o Ámbito vinculado ao camiño Norte – Interior. Camiño Primitivo ou de Ovedo, separata 9. Concello de Melide : “Coñecemos de maneira indirecta a existencia dunha fortaleza, a de Grobas, no límite da Terra de Santiago polo leste, localizada na freguesía do mesmo nome, en Melide, ás beiras do río Iso, que delimitaba a xurisdición compostelán desde o privilexio acoutador da reina Urraca ao arcebispo Xelmírez. E a Torre ou fortaleza de Melide.
A Fortaleza de Grobas fora levantada polo conde Munio no límite da terra de Santiago. Na Historia Compostelana cóntasenos como o prelado compostelán, recibe o encargo da raíña Urraca e do seu fillo de destruír esta fortaleza, e faino, para atender a demanda da raíña e defender os seus intereses, posto que a fortaleza resultaba ameazadora para o señorío de Santiago, non só polos atropelos que desde alí puidéranse cometer contra a Igrexa de Santiago e o seu dominio, senón tamén como escarmento exemplar para todos aqueles cabaleiros que se atreveran a desafiar a preponderancia episcopal. A Crónica de don Berenguel de Landoira relátanos como Xelmírez e as súas hostes derriban a fortaleza. A finais do XIV, D. Xuán García Manrique, como un novo Xelmírez, retirou a Gonzalo Ozores de Ulloa, a propiedade da fortaleza xunto coa terraria das freguesías cercanas pertencentes á Igrexa de Santiago, por certos “deservicios” cometidos polo citado cabaleiro. A fortaleza fora probablemente construída con permiso arcebispal nas terras concedidas en préstamo a este liñaxe, o dos Ulloa. O arcebispo permitía a propiedade dunha fortaleza no amplísimo coto xurisdicional da Igrexa de Santiago, aínda que non sempre era requirida a supervisión catedralicia para a construción dun castelo. En 1402, o arcebispo D. Lope de Mendoza considerando que a acción do seu predecesor se debera a “malquerías, odios y rancores”, devolveu a fortaleza aos Ulloa”.


Fotogrametría:

Propiedade: Descoñecida
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta: RB.000007937 . Anterior GA15046061
Categoría do Ben: Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://ficheiros-web.xunta.es/patrimonio/DELIMITACION_CNORTE_OVIEDO/09_ovedo_memo_MELIDE.pdf
(pax 4)
http://visorgis.cmati.xunta.es/cdix/descargas/pdfs/PENDENTES/Pendentes_0096A-0202.pdf
http://inventariopatrimoniocultural.xunta.es/
(en Melide; -inmoble,- pax 1)
http://academia.gal/boletins#paxinas.do?id=1666&d-447263-p=5


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.975896654
Lonxitude: -8.11340868473
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84