Outra fotografía:

Tipo de ben: Petróglifo/Estación de arte rupestre, Paisaxe histórica/cultural,
Concello: Friol
Parroquia: Narla (San Pedro)
Lugar: Montecelos
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade do Bronce,
Descrición:

A Pena Castrela atópase no monte do Pedrido, nun dos afloramentos graníticos que se poden ver polo lugar. Ten unha altura aproximada de 12 metros. Ao pé ábrese un gran acubillo cunha altura máxima de 1,60 metros. Nunha pedra inclinada, que pola dereita pecha parcialmente a entrada, vense gravadas dúas profundas coviñas das que parten uns longos sucos, e xusto ao seu carón outras cinco pequenas coviñas, todas de factura artificial. Na parte alta hai unhas enormes pías produto da erosión. Na cara oeste, sobre a que apoia a Pena Castrela, hai unha rocha con cinco entalladuras documentadas hai uns vinte anos por Juan Núñez e Laura Rodríguez. Trátase de catro pías aliñadas gravadas artificialmente na rocha, cunhas medidas cada unha de trinta por vinte centímetros. Nós localizamos outra máis, das mesmas características e non citada por estes investigadores, situada debaixo das anteriores, ademais dunha cazoleta duns sete centímetros de diámetro. Ademais de seren visible dende lonxe, dende o alto da pena domínase toda a contorna.


Fotogrametría:

Propiedade: Comunal
Uso actual: Forestal
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta
Elementos mobles:
Tradición oral:

Hai non se lembra canto tempo, unha moura ía camiñando coa súa filla polo monte do Pedrido. A filla levaba unha ola de mazar o leite (tamén se fala de que a ola ía con auga), e a nai, ao tempo que fiaba, transportaba unha enorme pedra sobre a cabeza. Cando chegaron ao sitio onde hoxe en día se atopa a Pena Castrela, a moura esvarou e ao caerlle a pedra da cabeza matou á filla e rompeu a ola. A moura, chea de rabia, colleu unha gran pedra e lanzouna contra a Pena Castrela ao tempo que exclamaba: “Pena Castrela,/rompíchesme a ola/matáchesme a nena/heiche fender dende o rabo á orella” (outras versións rematan: “o demo te fenda/dende o rabo á orella”, ou “malo raio te fenda/do rabo á orella”). A pena quedou partida tal como a podemos ver na actualidade. As entalladuras das que falamos máis arriba dise que son as pegadas dos pés que deixou a moura cando rachou a pedra, as coviñas das que parten os sucos que son as unllas cando, rabiosa, arrabuñou a pedra, e as pequenas cazoletas que hai ao seu carón as marcas dos dedos.

Unha segunda versión da lenda, recollida do magnífico blogue “Friol: Algo máis que pan e queixo”, é a seguinte: Hai moitos anos unha meiga e a súa filla vivían na Pena Castrela. Un día, sen que se saiba o motivo, a filla cortoulle a cabeza á nai. Pero antes de morrer, a meiga conseguiu atravesarlle o corazón cunha unlla. Morreron as dúas. Entón, a pena abriu polo medio, quedando a filla entalada entre as dúas metades da rocha, e a meiga desapareceu, quedando enterrada debaixo da pena.
A tiro de pedra da Pena Castrela está a coñecida como Pedra da Moura e tamén un campo de mámoas.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Friol: Algo máis que pan e queixo: http://terrasdefriol.blogspot.com.es/

O Noso Patrimonio: http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2011/07/duas-enigmaticas-penas-en-friol.html


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Non
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.0666915918
Lonxitude: -7.80162334442
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84