Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Mazaricos
Parroquia: Mazaricos (San Xoán)
Lugar: Seoane
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII), Século XIX,
Descrición:

Igrexa de planta de cruz latina dunha soa nave e cunha capela maior, de planta rectangular, cóbrese cunha bóveda de canón apuntada reforzada por un arco faixón. A cabeceira sepárase da nave por medio dun arco triunfal de grandes proporcións que descansa sobre ménsulas.
Esta ábsida complétase cun gran retablo barroco que cobre todo o fondo. está dividido en tres corpos e dous panos con abundante decoración, estípites e elementos vexetais, e remítenos ás grandes obras compostelás.
A sancristía, apegada ó muro norte, ten un acceso dende o interior a través de dous arcos de medio punto. Dúas pequenas capelas laterais conforman o brazo do cruceiro e comunícase coa nave central a traves de arcos apuntados. O chan está enlousado de boas pezas de pedra e, nunha delas, podemos ollar unha rosácea de seis pétalos dentro dun círculo.
No exterior o elemento máis significativo é a torre, desprazada do eixo de simetría da fachada. De planta cadrada, fórmana tres corpos. O primeiro posúe fronte aberta mediante arcos de medio punto onde se sitúan as campás. Os machóns dos arcos están moldurados coa figura de columnas estriadas con capiteis de estilo xónicos; o segundo, sobre unha cornixa saínte, segue o esquema compositivo do corpo inferior, de menor tamaño e coas mesmas molduras coa diferencia dos capiteis, esta vez, de estilo corintio. Coróase cunha cúpula calada rematada por un pináculo con cruz de forxa. A fachada da igrexa, de traza moi sinxela, segue un esquema pentagonal, roto no lado dereito pola torre-campanario, e no eixo vertical central, de abaixo arriba, organízase mediante a porta principal de acceso alintelada e curvada. Sobre o ingreso, unha pequena xanela rectangular abocinada e no vértice do pentágono, unha figura de San Xoán. No muro do testeiro da ábsida podemos ollar unha pequena pedra armeira un tanto desgastada.
Esta igrexa conforma un gran conxunto litúrxico coa casa reitoral, cruceiro e o cemiterio. Nas obras de rehabilitación de finais do ano 2008, principios do 2009, os traballos de control arqueolóxico das obras da igrexa descubriron que o actual templo érguese sobre outro anterior.
A intervención arqueolóxica, dirixida polo arqueólogo Angel Concheiro Coello, permitiu o achado dunha serie de estruturas soterradas anteriores á estrutura da actual igrexa neoclásica. Unha análise global diferenciou os muros que definen unha construcción de planta basilical con cabeceira cuadrangular que, segundo o arqueólogo director do control, podería datarse nos séculos IX e X.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

-SORALUCE BLOND, J.R.; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, X.: “Arquitecturas da provincia da Coruña. Camariñas, Mazaricos, Santa Comba, Vimianzo e Zas”. Volumen X. Deputación Provincial da Coruña, 1998.
http://elprogreso.galiciae.com/gl/noticia/36940/encuentran-en-las-bases-de-la-iglesia-de-mazaricanos-un-templo-anterior
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/MAZARICOS/documents/0213CA003.PDF


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.9403572983
Lonxitude: -8.9864511789
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84