Outra fotografía:

Tipo de ben: Castelo,
Concello: Ordes
Parroquia: Ardemil (San Pedro)
Lugar: Morgade
Outra denominación do ben: Torre de Morgade, Castelo de Morgade
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

Esta fortaleza nace da man de Lope Pérez de Moscoso cando obtén permiso do arcebispo Gómez Manrique para facer unha “casa forte enno castro de Morgade”, na freguesía de san Pedro de Ardemil.
Ata daquela, Lope Pérez de Moscoso, Conde de Altamira, tiña a súa torre a uns 150 metros do lugar de Moscoso, na mesma freguesía de san Pedro de Ardemil. Emprázabase nunha penachaira, á marxe dereita do río Cabrón, afluente da conca do Tambre.
As condicións eran as habituais nestes casos para construir unha nova fortaleza: recibir ao prelado “irato o pacato”, con moitos ou poucos, para facer a guerra ou a paz dende a fortaleza cando llo esixira o arcebispo e, unha desusada: derrubar a casa de Moscoso ata o primeiro sobrado cando a de Morgade tivese o segundo. De cumprirse isto, a construción do castelo de Morgade supuxo a desaparición do castelo de Moscoso, que distaría un de outro, uns 2,5 km.
A fortaleza de Morgade, situado a uns 200 metros ó norte da aldea do mesmo nome, emprazábase sobre o reborde montañoso que separa as terras altas da conca do Tambre da franxa costeira; estaba no límite meridional do val das Encrobas, enfrontada á cabeceira do val da Barcia. Controlaba dende o alto e a distancia, o camiño medieval da Coruña-Betanzos a Santiago, mais concretamente o tramo que baixa de Ardemil ó chan costeiro.
O enclave desta fortaleza constitúeo un espolón da parte alta dunha ladeira; a uns 365 metros sobre o nivel do mar, que se adianta sobre a confluencia de dous regatos; o rego de Morgade e o rego do Capizo, e únese ó territorio circundante polo sur.
A fortaleza organízase en torno a unha mota de terra de uns 6 metros de altura. A parte alta da mota atópase explanada e constitúe un recinto de planta circular duns 40 metros de diámetro. O diámetro total do conxunto; mota e foxo, ten uns 65 metros de diámetro. Debido a cuberta da vexetación, non se aprecian restos de muralla ou cerca algunha que cinga o seu perímetro. Neste recinto levantaríase a torre e “casa forte” con varios sobrados, tal como se di na documentación. Estaba cinguido por un foxo, mais perceptible polo sur, punto na que a mota únese o territorio circundante e polo tanto, no lado máis accesible e vulnerable. Este foxo ten uns 3 metros de profundidade cara a fronte de terra e dun 5-6 metros cara fronte da torre. Unha lixeira elevación do terreo; o leste e no oeste, semella indicarnos que ó foxo precedíao unha barreira de terra, aínda que é difícil aseguralo, xa que o monte na que se empraza o xacemento foi traballado durante moito tempo polos lugareños. Cara ó norte e leste, a pendente do monte sírvelle tamén de gran defensa; a pendente natural, nos seus primeiros metros, está constituída por rochas de aristas vivas de caída vertical.
Esta fortaleza foi derrubada polos Irmandiños como ben se sinala no preito de Tavera-Fonseca. As testemuñas coinciden en sinalar a pertenencia da fortaleza á casa de Altamira, nomeando a Lope Sánchez de Moscoso. Catro testemuñas din que foi abatida pola Irmandade e outros dous que foi obra de Fernando de Acuña por mandato real. González Cardeleiro ademais dí que a derrubaron no nome do rei “polos males que de ellas fazian y que dezian que hera nuebamente fechas”.
Vasco de Aponte relata que Fernando de Acuña tomoulle Morgade a Lope Sánchez. Asimesmo, que García Mártiz de Barbeira por orde de Lope Sánchez de Moscoso levantou Morgade “que confería muchos señoríos extraños y mucho espantaba”. Puxeron como meiriño a Gonzalo Pérez Gontín, casado cunha irmá bastarda do conde Lope Sánchez. Continúa o cronista dicindo que de alí en adiante aproveitou a fortaleza para defenderse do arcebispo e do conde Sancho Sánchez de Ulloa, o seu tío.
O topónimo de “castro” referido a Morgade fai supor da existencia dunha fortificación anterior a dita fortaleza ademais das lendas de mouros que practicamente o certifican.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Forestal
Código no Catálogo da Xunta: GA15059001
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:

Sobre este xacemento, Fachado Estévez recolle de boca dos veciños do lugar a seguinte información: “antigamente existíu sobre este outeiro unha “casa” edificada polos mouros con fermosos e elaborados muros de cantería; tamén contan os lugareños que alí aparecían frecuentemente cantos traballados, algunhas tellas e outros materiais, existindo a lenda de que os mouros gardaban naquela casa importantes cantidades de ouro”.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

-VALDÉS BLANCO-RAJOY, M.R: “Las fortalezas medievales que jalonaban la ruta jacobea entre Santiago y Betanzos”. Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Santiago de Compostela.
– REY CASTIÑEIRA, J.: “Estudio y catalogación de castros de la provincia de La Coruña”. Gallaecia 7/8 (1984). Páx. 99.
– FACHADO ESTÉVEZ, A.: “Fortalezas bajomedievales del norte de Galicia: el fenómeno de fortificación en el contexto de la revuelta irmandiña”. Memoria de licenciatura inédita. Santiago de Compostela, 1990. Páx.68.
– GONZÁLEZ RODRÍGUEZ, A.: “La s fortalezas de la Mitra Compostelana y los Irmandiños”. TOMO II. Fundación Pedro Barrie de la Maza, Conde de Fenosa, 1984.
https://historiadegalicia.gal/2016/11/morgade-unha-fortaleza-esquecida-derrubada-polos-irmandinos/
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/ORDES/documents/0282CA002.PDF (Páx.23)


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.1606948288
Lonxitude: -8.38769495498
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84