Outra fotografía:

Tipo de ben: Castelo,
Concello: Bergondo / Sada
Parroquia: Bergondo
Lugar: Punta Corbeiroa
Outra denominación do ben: Castelo da Corbeiroa
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

O castelo de Corbeiroa ou máis ben a batería de costa da Corbeiroa, construíse a principios do século XVIII para protexer de posibles ataques navais de toda a zona, e sobre todo a unha fábrica de cordas e lonas promovida por dous empresarios flamencos, na que se ubicaron ó borde do mar e que foi protexida en todo momento pola Coroa española, debido a súa importancia estratéxica. Aínda así, a fábrica trasladouse no ano 1762 a Ferrol, debido a que o Rei considerou que era unha vila máis e mellor fortificada e polo tanto máis segura.
Sada estivo defendida por esta batería da Corbeiroa nun extremo da vila pero noutro estremo había outra batería chamada de Fontán, así esta dúas facían unha boa defensa da enseada de Sada. Encravadas nuns emprazamentos privilexiados, sobre todo Fontán, onde os seus canóns podíanlle pechalo paso ós barcos que quixesen atacar o seu porto.
Corbeiroa é unha batería moi interesante porque é posible ainda facer un estudo-reconstrución sobre a súa forma, un tanto arruinada no seu fronte de terra, onde estaría situada a súa entrada. Polo demais, ten unha excelente conservación.
Atópase nun lugar moi fermoso, nunha punta chamada igual co castelo, e mirando cara a outra punta de Sada, onde se situaba a outra batería, a de Fontán, hoxe en día, practicamente desaparecida, aínda que os restos que quedan, foron recuperados con moi bo gusto, a pesares de ter a espada de Damocles, para desfacerse dela por mor de querer facer unha entrada-saída por ahí, conectando a Vía Artabra.
Volvendo a Corbeiroa, pola parte do mar presenta, unha liña de sete troneiras entre merlóns cun amplo adarve, moi integradas co terreo sobre o que se asenta, seguindo unha liña sinuosa sobre o acantilado. A fronte de terra deféndese polo leste cun pequeno foxo, cinguindo as cortinas aspilladas, formando tres apuntamentos que actúan como baluartes, un corto con tres aspilleiras, pegado a liña de costa, outro un pouco máis grande con cinco aspilleiras, logo o muro do polvorín e unha liña grande de aspilleiras; como mínimo dez, xa que o muro fica derruído no sur. Entre a cortina aspillada longa e a mediana, como xa comentamos, sitúase o que semella ser o polvorín, unha pequena edificación rectangular abovedada, coa porta pegada a cortina aspillada mediana, mirando cara as troneiras da cara leste. Entre o polvorín e as troneiras, no medio da pequena explanada, unha pequena mota circular de cachotería con cinco chanzos, cun catalexo no seu centro que servía de vixía para ollar a entrada de barcos pola ría.
Salientar a imposibilidade de visitalo a pesares de ser un BIC, a non ser que se vaia pola costa ata a punta cunha lanchiña ou pedir permiso ao Albergue Xuvenil da Mariña Española adscrito á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Consellería de política social da Xunta de Galicia. Este albergue cingue os terreos da batería que están separados por un muro que os delimita, quedando fora da propiedade pero que non ten servidume de paso como debería ser.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta: GA15075011
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM) Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

-RODRÍGUEZ-VILLASANTE PRIETO, J.A.: “Historia y tipología arquitectónica de las defensas de Galicia”. Ediciós do Castro, sada, 1984.
-SORALUCE BLOND, J.R.: “Castillos y fortificaciones de Galicia, La arquitectura militar de los siglos XVI-XVIII”. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa, 1985.
http://www.concellodesada.com/ga/plan-xeral-de-ordenacin-municipal/documento-aprobacion-provisional-febreiro-2016/memorias


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Non
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.3483975619
Lonxitude: -8.24420839554
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84