Ana Chas é natural da Coruña, onde leva vivindo toda a vida. Así e todo, sinala que sempre estivo en contacto coas aldeas dos seus pais, ámbalas dúas nas proximidades da cidade herculina. Veterinaria de profesión, botou anos identificando todos os becerros nados en zonas eminentemente leiteiras. Tivo que ir casa por casa cada semana, coñecer os veciños, manter con eles unha boa relación, coñecer a contorna, cada camiño, cada atallo e cada corredoira. Afirma que garda con moito cariño as lembranzas daqueles tempos.
Xusto en 2011 a vida de Ana Chas deu un xiro de 180 graos, cando quedara no paro e tivera dous fillos, un biolóxico e outro adoptado. Di ter gravados na mente os comezos de patrimoniogalego.net posto que para ela fora un acontecemento moi especial: coincidira que estaba de viaxe na China na procura da súa filla adoptiva.
Hai un par de anos volveu estar empregada, pero xa nunha rama distinta. Agora traballa nunha oficina, onde se adica á seguridade alimentaria. Recoñece que ten como materia pendente retomar tanto a subida de fichas -con material gardado de bens non publicados aínda- como as entradas no seu propio blog sobre os reloxos de sol de Galicia: reloxosdesol.wordpress.com. Son tarefas, admite, que ten bastante abandonadas pero que seguen a darlle voltas na cabeza.
Como naceu o teu interese polo noso patrimonio cultural?
Creo que sempre tiven esa inquedanza. Sempre me atraeu a arquitectura popular galega. Pero o meu interese por ela aumentou cando por traballo me tocou botar máis de dez anos percorrendo distintos concellos rurais. Pasaba por diante das casas de pedra, dos hórreos, dos cruceiros… Ao ilos descubrindo quería saber máis sobre eles.
Entón comecei a sacarlles fotos e a buscar información nos libros e mais na internet. Mesmo me volvín unha friqui dunha parte concreta do noso patrimonio que é a dos reloxos de sol, polo que acabei adicándolles un blog, Reloxos de sol. Nel están catalogadas máis de 1.500 pezas de cantería espalladas por hórreos, alpendres, igrexas… e que moi poucos coñecen.
En que circunstancias decidiches catalogar bens para patrimoniogalego.net?
Descubrín patrimoniogalego.net nos seus comezos. Eu daquela andaba a buscar información sobre a arquitectura popular galega na internet e topeime coa páxina. Ainda había poucas entradas, pero dunha excelente calidade, e eran moito máis completas ca nos catálogos oficiais.
Primeiro actuei como mera receptora de información, pero en canto vin o doado que resultaba subir unha ficha, caín na conta de que dispoñía de moitos datos sobre sitios menos coñecidos, polo que considerei que sería unha mágoa non compartilos. Daquela tiña tempo de sobra, posto que acababa de quedar no paro, así que axiña me puxen mans á obra.
Por exemplo, no concello de Aranga, que ten apenas 2.000 habitantes e poucos deles con ordenador. Durante moitos anos foi case como a miña segunda casa, polo que tiña unha débeda con ese lugar. Pasei mais dunha década percorrendo o concello de arriba a abaixo. De feito, era a miña oficina. Acabei coñecendo mellor os veciños de Aranga que os do meu propio edificio, e sabendo de cada recuncho, de cada pedra… Recompilei unha morea de fotos, xa que andaba sempre coa cámara no coche polo que puidese toparme por diante.
Como adoita ser o estado de conservación dos bens que catalogaches?
Haiche de todo. Por exemplo, os cruceiros polo xeral atópanse ben. Os peor tratados son os chamados muíños de regato. Adoitan estar afastados dos núcleos de casas, o acceso éche ben complicado case sempre e boa parte están nun estado de total abandono.
Dos bens que catalogaches, cal recomendarías visitar?
Resulta dificil decantarse por un en particular. Eu proporía comezar en Ponte Aranga, onde se pode ver a ponte, a Fonte Santa ou a igrexa, e a partir de aí continuar pola beira do río ata unha ruta de sendeirismo onde un se pode sentir en plena natureza e ver unha chea de muíños. E se hai sorte mesmo te podes topar con algún corzo ou con cabalos salvaxes. Iso sí, é imprescindible levar calzado cómodo.
Cales foron as fichas que che deron máis traballo?
O ben que me deu máis choio para catalogalo foi o muíño de Portos Cervos. Non pola ficha en si, senón polo camiño de acceso, non dos máis complicados para chegar pero si moi empinado ao regresar. Lembro que suara ben. Os que cargaban cos sacos de fariña seguro que estaban máis curtidos ca min, ha, ha!
Durante o proceso de catalogación, viviches algunha anécdota curiosa?
O mellor de todo foi o contacto coa xente, que sempre se implicou para que puidese localizar os muíños máis agochados. E entre os peores recordos figura cando nunha das escapadas perdera o móbil. Mentres que noutra, cando buscaba un muíño nun prado onde as herbas me chegaban ata a cintura, de volta trouxera prendida unha carracha. Argghh!
Que mellorarías de patrimoniogalego.net?
Logo de máis de cinco anos de andaina a verdade é que penso que está todo moi ben tal como está. Debo recoñecer que superastes as miñas expectativas. Se cadra, por dicir algo, faría algunha modificación menor no deseño. Por exemplo, na busca de bens por concello coido que resultaría máis doado ordenalos situando o artigo ao final do topónimo. É dicir, ‘Laracha, A’ no canto de ‘A Laracha’.