Outra fotografía:

Tipo de ben: Ermida,
Concello: Celanova
Parroquia: Celanova (San Rosendo)
Lugar: Celanova
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Altomedieval,
Descrición:

A capela de San Miguel de Celanova é en realidade un pequeno oratorio construído entre o ano 932 e o 942, en memoria dun tal Froila, segundo todos os indicios irmán de San Rosendo, e é o único resto que fica do primeiro mosteiro que este reformador do monacato galego fundou en Celanova.

Trátase dun edificio de dimensións moi reducidas, de tan só 8’5 m de longo, 3’85 de largo e 6 metros de altura, construído con perpiaños de granito moi regulares e ben traballados. Está dividido en tres corpos de diferente tamaño, anchura, altura e sistema de cubertas, cunhas proporcións harmoniosamente calculadas nun deseño inspirado nas medidas do rectángulo áureo, e na simboloxía dos números.

O primeiro destes corpos é unha nave cuberta con bóveda de canón, á que se accede dende unha pequena porta lateral. Sobre o lintel pódese ler unha inscripción que reza:
AUTOR HUIUS OPERIS TU DEUS ESSE CREDERIS:
DELE PECCATA OMNIBUS XPE HIC ORANTIBUS:
INSTANT PRESENS MEMORIA INDIGNO FAMULO FROILA:
QUI OPTAT ET IN DOMINO TE CONIURAT O BONE DILECTE QUI LEGES:
UT MEI PECCATORE MEMORIA HABEAS SACRA EX ORATIONE.
De onde se deduce a intervención de Froila na construcción. Esta nave está cuberta con bóveda de canón. Dende ela accédese por un arco de ferradura ao cruceiro ou ciborio, de maior altura e largura que a nave, e que está cuberto por unha bóveda de aresta, feita en tixolo e enlucido de xeso, que se apoia en catro arcos embutidos nos muros, que se asentan á súa vez en ménsulas decoradas con rolos. Varias xanelas en forma de arquiño de ferradura e con derrame ao interior dan luz a esta parte do edificio.

O terceiro corpo, o máis reducido en planta e alzado, fai as funcións de ousía ou altar. Ten planta cadrada ao exterior, e circular no interior, e accédese a ela por un novo arco de ferradura enmarcado nun alfiz. A cuberta é de bóveda gallonada, e imita en todo aos Mihrab, ou capelas orientadas á Meca nas mesquitas musulmanas. Outra pequena xanela, con forma de ferradura, condédelle a súa propia luz a este reducido espazo.

No exterior, destaca a presencia de contrafortes no cruceiro e na nave, reforzando un muro xa abondo groso, e tamén a cornixa no cruceiro, que se extende sobre canzorros de rolos, con decoración de rosetas e outros motivos xeométricos.

A influenza da arquitectura califal é evidente en multitude de detalles: no emprego de arcos de ferradura con alfil, nos canzorros de rolos, nos sistemas de cubertas e na inspiración do testeiro nos mihrabs islámicos. Pero tamén no emprego dun sistema de medidas baseado no pé árabe. Esta influenza tal vez se deba á presenza de servos de orixe moura na familia de San Rosendo, como consta na documentación, e que se integrarían no mosteiro.

A capela de San Miguel de Celanova é o exemplo máis paradigmático e requintado da antigamente chamada “arquitectura mozárabe” ou “arquitectura da repoboación”, o estilo no que os constructores de igrexas do século X mesturaron as súas tradicións constructivas coas achegas da arquitectura califal cordobesa, xerando un novo e ecléctico estilo arquitectónico que será un dos preludios do románico.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

VÁZQUEZ ROZAS, Roberto, (2006) “Geometría y proporción en el oratorio mozárabe de San Miguel de Celanova”. Norba-Arte, vol. XXVI, páx. 5 a 17.
http://dialnet.unirioja.es/servlet/fichero_articulo?codigo=2913802&orden=0


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.152296681847766
Lonxitude: -7.956888377666473
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84