Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa, Reitoral,
Concello: Terra de Soneira (comarca) / Vimianzo
Parroquia: Vimianzo (San Vicenzo)
Lugar: Vimianzo
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XIX, Século XX,
Descrición:

En 1966, o párroco vimiancés decidiu facer unha completa remodelación da igrexa. Tirouse co templo anterior e construíuse alí un novo. O argumento para as obras era que non quedaba bonito que a igrexa dese as costas á praza central da vila e á estrada xeral. Deste xeito cambióuselle a orientación tradicional. Agora a súa fachada mira á AC-552; é dicir, ó leste e a súa cabeceira ó oeste.

Aínda así a anterior igrexa tamén sufrira unha gran reforma entre os anos 1829 e 1832. O certo é que desta pouco se conserva, soamente a torre-campanario, a capela lateral norte e a metade inferior das paredes dos muros norte e sur. Para a actual cabeceira semicircular utilizáronse as pedras de cantería da anterior ábsida rectangular.

– A torre-campanario foi construída en 1806 e trasladada á súa localización orixinal. Insértase na fachada no vértice imaxinario do pentágono. Na parte frontal instalouse un gran reloxo. É de estilo barroco tardío con cupuliña de tambor octogonal.

– A capela norte ou Capela do Sagrado Corazón de Xesús (anteriormente a do Carme) foi construída nas reformas de 1829 e presenta unhas formas constructivas moi austeras. Feita en pedra, cóbrese cunha bóveda de canón reforzada por un arco faixón. Na súa parte central presenta un nicho para un retablo e unha pequena bufarda con derrame interior. Houbo outro luz no seu lado leste, pero foi cegada coa construción da reitoral.

Así en 1966, ergueuse de nova planta a fachada, ampliouse a nave e aumentouse a altura das súas paredes. Dende a praza da igrexa vemos a fachada con dous edificios ó lado case simétricos: o antigo local social e a casa reitoral. Os dous edificios respectan a arquitectura da fachada nos seus vans rematados en arco de medio punto e nos seus remates en pináculos.

A fachada pentagonal é completamente eclecticista: garda recordos do estilo románico, coma o arco de medio punto sobre o lintel da porta; do gótico, co seu rosetón central e os ventanais laterais con vidreiras ou os pináculos que aumentan a súa verticalidade. Logo, no interior, estrutúrase nunha soa nave, con catro grandes arcadas de medio punto de adobe, intentando lembrar ó románico e tamén o presbiterio ou capela maior de planta semicircular e arco triunfal de entrada de medio punto.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Infraestrutura
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

LEMA SUÁREZ, X. Mª e outros: “Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte”. Xerais, Vigo 2010.

LEMA SUÁREZ, X. Mª: “A arte relixiosa na Terra de Soneira”. Coordenadas/Neria/U.dos V., Santiago 1998.


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.109912603681614
Lonxitude: -9.032971858978271
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84