Outra fotografía:

Tipo de ben: Castro / Outros xacementos da Idade do Ferro,
Concello: Castro de Rei
Parroquia: Viladonga (Santiago)
Lugar: Viladonga
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade do Ferro, Época Romana,
Descrición:

Neste castro, iniciáronse as escavacións en 1971 por Manuel Chamoso Lamas e proseguidas por Felipe Arias Vilas dende 1982, este xacemento, por mor da continuidade dos traballos arqueolóxicos e, dende 1985, tamén museísticos, converteuse nun exemplo paradigmático de castro galaico-romano do noroeste e de museo de sitio.
Viladonga constitúe un verdadeiro modelo formal de castro de interior, con varias murallas e foxos -sobre todo polo lado de nacente- que acollen dous amplos “antecastros” ou áreas de expansión ben delimitadas e unha extensa croa ou acrópole duns 10.000 m2. O conxunto do xacemento abranguido polas murallas máis exteriores chega case a 4 hectáreas completas. Nesta croa central é onde se atopan a maioría das construcións escavadas ata agora, dispostas ó redor dunhas rúas ou espazos de paso perfectamente organizados, un en dirección Norte-Sur, outro na Leste-Oeste, e unha rolda interior paralela á muralla principal. Ademáis das construcións que evidencian ser vivendas -soas ou formando conxuntos agrupados ou barrios-, documéntanse áreas para serviren de almacén, de obradoiro, de curral ou para outras funcións; no interior da croa destácase unha gran construción alongada de posible uso social ou comunal.
Todas estas construcións están feitas de pedra de lousa ou xisto, pero teñen ás veces grandes cachotes de seixo branco nos seus alicerces e, xeralmente, nos ángulos e esquinas. As de planta circular ou muros curvos cubríanse con teito de palla ou colmo, e as cuadrangulares e de muros rectos usaban tellas de barro de introdución romana (tegulae e imbrices), moi abundantes entre os materiais aparecidos no castro.
Entre estes numerosos e moi variados achados, que son os que se gardan, estudan, interpretan e se exhiben selectivamente no museo do sitio, pódense destacar, polo seu significado histórico e cultural e tendo en conta a duración cronolóxica dalgúns deles, algunhas mostras singulares de ourivería como torques e unha arrancada de ouro, as numerosas moedas de ouro, prata e bronce (en especial dos séculos IV e V d.C.), as abundantes pezas de adorno de persoas e cabalerías, algunhas armas e moitas ferramentas de pedra, bronce e ferro, elementos de xogo, certa variedade de vidros, numerosos muíños manuais e, por suposto, abundantísimas mostras de cerámica, tanto de tradición castrexa como pertencentes a modelos romanos e de importación.
Estes e outros achados, xunto coas estruturas defensivas, espaciais e de habitación do castro, evidencian un poboamento moi prolongado, importante sobre todo entre fins do século II e mediados do V d. C. – polo menos- e fan de Viladonga un xacemento singular e un sitio clave para coñecer, estudar e comprender a decisiva etapa histórica de Galicia que é a romanización, representada aquí nun asentamento do medio rural, de clara configuración castrexa pero de caracterización e cronoloxía galaico-romana, e vinculado tanto ó mundo tardío das villae como receptor da influencia dunha cidade próxima como Lucus Augusti.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

– Guía de castros de Galicia e noroeste de Portugal, Xunta de galicia, 2006.
– ARIAS VILAS, F.: “El castro de Vilaadonga: 25 años de investigación y patrimonio cultural”, Estudios Bercianos, nº 23, pp. 18-31. Ponferrada.
– ARIAS VILAS, F.: “Comunicación, difusión e didáctica. O caso do Museo do Castro de Viladonga”, Xornadas sobre Administracións Autonómicas e Museos (Santiago de Compostela, 1996), pp. 227-253.
– Croa. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga ( anual desde 1991, vid. índices)


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.16084978418818
Lonxitude: -7.388670444488525
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84