A través das presentes normas de edición, o/a catalogador coñecerá os pasos que vai seguir a súa entrada antes da súa publicación. Así, o equipo de editores de patrimoniogalego.net serán os encargados de:
- revisar formalmente a ficha dun ben cultural,
- supervisar e moderar os comentarios das entradas,
- decidir sobre a incorporación dun ben á lista vermella.
As fichas publicaranse en galego, por ser este unha parte integrante do noso patrimonio cultural inmaterial. En ningún caso, o/a editor nin calquera compoñente de patrimoniogalego.net será responsable da información publicada, quedando eximidos de calquera responsabilidade e non certificando a veracidade dos datos aportados polos/as catalogadores.
1. Revisión da ficha. Para a publicación definitiva ou o rexeitamento dunha ficha creada por un/ha catalogador, o/a editor de garda basearase nos seguintes criterios:
1.1. Aceptación total. Unha ficha poderá ser publicada integramente:
- cando todos os campos obrigatorios estean cubertos de forma correcta,
- cando a fotografía subida sexa clara e descritiva,
- cando a localización do ben resulte coherente,
- cando quede corroborada, na medida do posible, a existencia de dito ben.
1.2. Aceptación con modificacións. O/a editor corrixirá a ficha antes da súa publicación cando:
- a forma toponímica empregada non sexa a oficial do nomenclátor,
- a tipoloxía e/ou a cronoloxía do ben non concorde cos datos aportados,
- a fotografía achegada non sexa o suficientemente clara ou descritiva,
- se observe algunha anomalía ortográfica, lingüística ou de estilo nalgún dos datos introducidos nos campos,
- cando a protección do ben non sexa a correcta,
- cando a localización do elemento cultural resulte dubidosa.
1.3. Desestimación. O editor poderá desestimar a publicación dunha ficha dun ben cultural cando, a través da información escrita e/ou gráfica aportada, a veracidade da mesma sexa cuestionable ou dubidosa.
Á vista destes criterios, o/a catalogador acepta que o/a editor de patrimoniogalego.net:
- realice modificacións nas fichas antes da súa publicación en calquera cuestión que ao seu xuízo sexa erróneo, dubidoso ou estea incompleto,
- se poña en contacto co el/a, comprometéndose este/a a facilitarlle a información que se requira, para poder solucionar deficiencias ou carencias antes da súa publicación,
- desestime a ficha non fiable e sobre a que non se reciban aclaracións despois de solicitalas.
Así mesmo, o/a catalogador declara que o material subido, textos e imaxes, é propio ou posúe os seus dereitos; e acredita a veracidade da información, sendo o único responsable da mesma.
2. Comentarios. O/a editor de garda será o encargado de supervisar e moderar os comentarios que os/as usuarios fagan no rexistro de cada ben cultural segundo os seguintes parámetros:
2.1. Aceptación total. Un comentario será publicado:
- cando este teña relación co ben cultural,
- cando aporte información sobre o ben,
- cando non sexa ofensivo ou despectivo.
2.2. Rexeitamento. Pola contra, un comentario non se publicará cando o/a editor considere que:
- non ten relación co ben cultural descrito,
- cando prexudique a seguridade de terceiras persoas ou entidades.
3. Lista vermella. Un ben cultural pasará a formar parte da lista vermella cando o equipo de editores considere que corre un grave perigo de destrución ou perda. Isto farase de acordo co valor intrínseco de cada elemento, atendendo ao seu valor histórico-artístico, ao seu estado de conservación e ao seu nivel de protección. No caso de ser preciso, solicitaráselle máis información ao/á catalogador, sendo sempre informado do proceso.
Últimos comentarios