Quen pode participar no Catálogo?

Calquera. Simplemente tes que rexistrarte e xa podes comezar a introducir datos. Os Editores revisan a ficha nun prazo de tempo variable en función da carga de traballo (ten en conta que este é un proxecto voluntario) para procurar que os contidos saian sen erros de edición (grallas, confundirse nas tipoloxías ou na xeolocalización, etc.) e xa están publicados. Consulta as normas de edición, destinadas a manter un estándar de calidade nun traballo que é colectivo e así facilitar a súa lectura. Ah, e por suposto, rexistrarse é de balde.

Que hai que facer?
Introducir en patrimoniogalego.net bens culturais de Galicia, describíndoos, xeolocalizándoos e engadíndolles unha foto. É importante que te des un paseo ata eles para ver en que estado se atopan, se están cubertos de maleza, afectados por algún perigo, se non teñen camiño de acceso…Todas estas cuestións son básicas para saber en que estado real temos o patrimonio cultural de Galicia. Pero recomendámosche que tamén empregues bibliografía sobre o xacemento, de existir. O que se trata é de reunir nun lugar unha chea de información xa pública dispersa en PXOMs, publicacións locais, fichas…

Información vs. Opinión
O noso vizoso patrimonio cultural esperta paixóns. É moi importante que as fichas sexan moi descritivas, puntillosamente precisas. Se tes interpretacións ou visións persoais sobre o xacemento, tamén son moi apreciadas, pero debes ubicalas nos comentarios de cada un dos bens culturais, non na ficha. Tentamos facilitar a interpretación do ben desde múltiples ángulos e perspectivas.

E se un ben do que sei moito xa está introducido?
O noso obxectivo inicial é coñecer o patrimonio que temos. Se queres completar información sobre un ben cultural que coñeces, podes introducir a túa información nos comentarios. Toda achega é moi valiosa e permite completar a visión xeral do xacemento. Se tes unha tese de doutoramento sobre o dolmen de Axeitos, recomendámosche que llo fagas saber á comunidade nos comentarios.

Se teño dúbidas sobre como catalogar que fago?
Creamos un pequeno foro público no que podes consultar aos editores as túas dúbidas. Podes velo aquí.

Por que a vosa ficha de catalogación ten eses campos e non outros?
O noso obxectivo é ir mellorando patrimoniogalego.net gradualmente, en función das demandas e das necesidades tanto do público como dos catalogadores e editores; velaí que construímos unha ficha que debe medrar pouco a pouco, de acordo a unhas pautas téncicas. Podes consultar a arquitectura da catalogación na nosa sección de Materiais de Catalogación.

E de quen é o contido?
O contido é responsabilidade e propiedade de cada autor, ou sexa, de ti. patrimoniogalego.net crea a infraestrutura humana e tecnolóxica para que poidamos xuntar o esforzo de todos, pero ela mesma non certifica a veracidade da información verquida. É como Flickr, Facebook ou calquera outra rede social, só que cun apoio orientado a facilitar a calidade dos datos. Ademáis, os contidos que publicas en patrimoniogalego.net automaticamente son licenciados baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-NonComercial 3.0 España (CC BY-NC 3.0), que se pode consultar aquí. Esta licenza respecta que calquera que queira usar este contido te recoñeza como autor do mesmo, impide expresamente o uso do teu traballo para fins comerciais pero o permite para entidades sen ánimo de lucro, como escolas ou asociacións. Cremos que esta cuestión é básica. En calquera momento, ademáis, podes retirar os contidos de patrimoniogalego.net.