Lukas Santiago, arqueólogo, realizador audiovisual e membro da Comisión Técnica do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, redactou este texto para axudarnos a saber como actuar perante unha agresión a un ben cultural.
Dentro do Patrimonio Cultural, existen elementos que teóricamente están protexidos pola Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia, que son os incluídos no Inventario Xeral de Patrimonio Cultural: o artigo 22.1 establece que “o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia conformano os bens declarados de interese cultural, os catalogados e aqueles outros os que fai referencia o artígo 1.3 da presente lei e que, sen estar incluidos entre os anteriores, merezan ser conservados”. O artígo 1.3 establece que “integran o patrimonio cultural de Galicia os bens mobles, inmobles e inmateriais de interese artístico, histórico, arquitectónico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico e técnico. Tamén forman parte do mesmo o patrimonio documental e bibliográfico, os conxuntos urbáns, os lugares etnográficos, os xacementos e zonas arqueolóxicas, así como os sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico”.
Hai elementos, principalmente etnográficos, que sen estar protexidos por non formar parte do Inventario Xeral de Patrimonio Cultural, ó que fai referencia a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, si o están por estaren recollidos no Catálogo das Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Provincia, ou no Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello.
Os xacementos arqueolóxicos, que polo feito de selo deben ser incluídos no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da D.X de Patrimonio Cultural; o patrimonio arquitectónico de valor histórico; ou certos elementos de carácter etnográfico (cruceiros, hórreos, muíños…) están protexidos. Pero hai unha serie de elementos patrimoniais de carácter etnográfico (fontes, pozas de regar, carreiros, valados…) que non están protexidos por non estar recollidos específicamente en ningún dos casos mencionados. Lendo o artigo 22.1 da Lei, pode dicirse que según a D.X de Patrimonio Cultural, as fontes, por exemplo, non merecen ser conservadas, pois sabemos de casos de denuncia de destrución de fontes, nas que a Xunta lava as mans, asegurando que non están protexidas, por non estar incluídas no Inventario Xeral de Patrimonio Cultural, nin no catálogo provincial nin no municipal.
Hai que sinalar que no caso das agresións a elementos do Patrimonio Cultural, moitas veces son causadas pola propia administración (central, autonómica ou local) en obras promovidas por ela. E o certo é que nestes casos é habitual que non actúen: non contestan ás denuncias e non toman medidas contra o causante da agresión.
Entón, no caso das agresións ó Patrimonio Cultural, os pasos a seguir serían os seguintes:
1. Comprobar que o ben está catalogado. No teu concello están obrigados a darche unha copia do catálogo de bens do municipio. É moito maís doado de conseguir que na Dirección Xeral de Patrimonio, malia que según o artigo 22.3: “o acceso ó Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia será público, na forma que reglamentariamente se estableza”. Tamén poderías conseguilo, nalgúns concellos, a través da web dos PXOM.
Se non está catalogado, no caso dos xacementos arqueolóxicos, o mellor é que inicies os trámites para a súa catalogación, pois mentras non está catalogado, non está protexido. Hai que facer un escrito según o modelo habitual no procedemento administrativo (ver punto 2.1) pero dirixido ó Xefe de Servizo do Servizo Provincial da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que quede constancia por escrito, pero para acelerar o proceso, o mellor é chamar directamente ó Xefe de Servizo Provincial. Se este é sensato, enviará un arqueólogo para proceder á catalogación.
Pero se non está catalogado, e trátase dun elemento etnográfico como unha fonte, por triste que pareza, non hai nada que facer: a D. X. de Patrimonio Cultural non as protexe. O único que se podería intentar sería presionar ó Concello para que a inclúa no Catálogo do seu PXOM.
2. Se o elemento está catalogado e protexido pola Lei de Patrimonio Cultural, hai tres posibles vías para realizar a denuncia:
2. 1. Documentar e redactar a denuncia . Se está catalogado, quédate co código do xacemento (empeza con GA), saca unhas fotos e describe exactamente a agresión e que día a localizaches. Entrega por rexistro esa denuncia, incluíndo as fotos e un plano de localización que podes descargar de Google Earth, e pide copia. É moi posible que pasen de ti e non te respondan. Podes remitir un segundo escrito solicitando a información sobre o estado do procedemento.
O escrito faise seguindo o modelo habitual no procedemento administrativo:
“Nome, maior de idade, con DNI nº………., e domicilio en: ………….. (tel: ……..);
EXPÓN QUE: Descríbese a agresión.
SOLICITA QUE: Esa Dirección Xeral o investigue e leve a cabo as medidas pertinentes.
E para que así conste ós efectos oportunos, asino a presente, en Lugar, Data: Sinatura”.
Vai dirixida ó: “Xefe do Servizo de Vixiancia e Inspección do Patrimonio Cultural”.
Acompáñase o escrito das fotografías e o plano de localización.
Para aumentar as posibilidades de que a nosa denuncia sexa atendida, podemos dirixir o mesmo escrito á Concellería de Cultura do Concello en cuestión.
2.2. Chamar ao Seprona (061) para que se personen no lugar e levanten unha acta, con fotografías da agresión. Neste caso, eles xa se encargan de remitir a denuncia á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Neste caso, o elemento agredido debe estar no rural. As veces, os axentes do Seprona que atenden a chamada móstranse reacios.
Outra opción, sobre todo cando a agresión se produce no casco urbán, e chamar á Policia Local para que levanten acta.
2.3. Recurso Contecioso-administrativo. Agotada a vía administrativa, e según a Lei de Procedemento Administrativo, pódese realizar un Recurso Contencioso-Administrativo, por silenzo adminitrativo ou por estar en desacordo coa decisión tomada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Esta vía non soe explotarse porque tira un pouco para atrás meterse en xulgados, e porque aínda que na vía administrativa, na Xustiza, non hai que pagar costas, si que hai que pagar o/a avogado/a. Pero a Lei de Procedemento Administrativo ofrece está posibilidade sen costas para o denunciante.
3.Alegacións aos proxectos de obras públicas. As obras públicas dan lugar a agresións que soen afectar a varios elementos, aínda que nestes casos son precedidas dun Estudo de Impacto Ambiental, que inclúe medidas correctoras. Pero é recomendable realizar as alegacións, antes de que se produzan as agresións, para minimizalas na medida do posible. Malia que a experiencia nos indica que habitualmente as alegacións son ignoradas, teremos cumprido a parte que nos corresponde como cidadáns responsables e a nosa conciencia estará limpa.
Últimos comentarios