Unha organización de ámbito galego para a defensa do Patrimonio Cultural debe apoiarse nas tecnoloxías para amosar a súa utilidade. Grazas ás tecnoloxías, podemos avanzar moi rapidamente en obxectivos moi concretos. Creo nas organizacións flexibles, difusas e informais, que se organizan para accións concretas e trasladan a filosofía de Internet ao seu traballo conxunto. Tamén creo, por suposto, en entidades máis sólidas con liñas máis amplas.

Un dos grandes problemas para o Patrimonio Cultural galego é que os cidadáns non sabemos o que temos. A Administración autonómica non fai pública en Internet a información da que dispón sobre os Bens Culturais. Tamén carecemos dunha visión clara do estado de conservación e difusión de cada un dos bens.

Sen embargo, hai unha gran cantidade de profesionais e afeccionados que teñen unha exhaustiva información sobre o territorio, se ben de xeito parcial no territorio ou nos periodos. Propoño nutrirnos de todo ese saber para crear o primeiro Catálogo Social do Patrimonio. Un proxecto factible, pero de longa envergadura, que nos permitirá ter información de primeira man sobre a situación dos Bens Culturais no pais. A multitude de pequenos elementos, PXOMs, etc, non fai posible ver exactamente que pasa e que temos.

Moitos de nós sabemos a situación na que se atopa boa parte do Patrimonio Cultural e, especialmente, o Arqueolóxico. Pero precisamos unha ferramenta para facelo visible á opinión pública, aos medios e aos políticos. Por experiencia, temos observado que moitas agresións ao Patrimonio Cultural nunca pasan de información local. O que aquí se propón é unha ferramenta para loitar contra isto.

Que é patrimoniogalego.net?

patrimoniogalego.net é un Sistema de Información Xeográfica (SIX) construído a partir de WordPress. O obxectivo é elaborar un Catálogo Social do Patrimonio Cultural galego, estruturado por comarcas, concellos, pero no que tamén podes recuperar a información por tipo de ben cultural, por cronoloxía… É como unha Wikipedia do Patrimonio.

Que non é patrimoniogalego.net?
Moi importante para ter claro o proxecto. patrimoniogalego.net non certifica nin verifica os datos introducidos polos autores que crean fichas de bens culturais (e non pode facelo, porque implicaría visitar todos e cada un dos xacementos). É dicir, cada ficha é responsabilidade exclusiva do seu autor. O que fai patrimoniogalego.net é crear a infraestrutura tecnolóxica e humana para reunir nun único espazo os esforzos de centos de persoas amantes do patrimonio de Galicia dispersas por todo o país. A maiores, os Editores si fan unha revisión formal das fichas, para que non teñan problemas técnicos, confusións (un mosteiro paleolítico, ou un castelo xeolocalizado na Foxa Atlántica, por exemplo) ou problemas de gramática e ortografía. Facemos iso para conseguir facer o catálogo máis consultable.

Quen pode participar?

Hai dous niveis de participación. Os Editores e os Catalogadores. Os Catalogadores poden ser calquera cidadán que queira rexistrar na base de datos elementos de Patrimonio Cultural e contribuír a unha gran base de datos galega. Os Editores son os responsables do mantemento e da boa xestión dos contidos do web.

Para que vale patrimoniogalego.net?

Un dos grandes problemas do Patrimonio Cultural en Galicia é que non sabemos o que temos. A información conséguese mediante trámites burocráticos e moitas veces está incompleta ou é errónea. Patrimoniogalego.net permítenos saber que Bens Culturais existen en Galicia e en que estado se atopan. Calquera pode dar información sobre o estado dun ben concreto. E por primeira vez saberemos, exactamente, a saúde do Patrimonio Cultural neste país.

patrimoniogalego.net pode ser a base de coñecemento na que se apoie a futura Mesa do Patrimonio para os seus informes, denuncias e avaliacións do estado do Patrimonio.

Quen está detrás de patrimoniogalego.net?

Pois un conxunto de xente que esperamos que sexa crecente.

Creador do concepto e do web:
Manuel Gago

Sistemas:
Manuel Gago
Eladio Rial

Comunicación:
Xurxo Salgado
Félix Aragunde

Edición:
Elisa Amigo
Adela Oyonarte
Elixio Vieites
Carmela Sánchez Arines
Eixil Cedeira

Produción:
Álex Bragaña
Soledad Felloza

O hosting do web é xentileza de Dinahosting.

Podo participar en patrimoniogalego.net?

Por suposto. Hai varios postos nos que se pode traballar polo desenvolvemento do proxecto. Aquí tes unha relación actualizada de oportunidades de colaboración con patrimoniogalego.net. E desde xa mesmo no Grupo de Catalogadores. Pódeste inscribir aquí.

E cal será o seguinte paso?

Verémolo en función de como vaiamos neste procedemento, que é sinxelo nos seus obxectivos e consecución.