Outra fotografía:

Tipo de ben: Ermida,
Concello: Monterroso / Ulloa (comarca)
Parroquia: Pedraza (Santa María)
Lugar: San Lourenzo
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

O templo románico máis antigo do municipio (inscrición 1127), é esta ermida de San Lourenzo, na que se documentan restos prerrománicos, quizais procedentes dun antigo templo do século X.
Yzquierdo Perrín na súa obra “A arquitectura románica en Lugo” escribe: “A data confírelle a esta igrexa un lugar destacado no románico galego, xa que mesmo é dous anos anterior ao comezo das obras da Catedral de Lugo”
O iniciador das obras da catedral de Santiago foi Bernardo O Vello, cualificado polo Códice Calixtino de mestre admirable. O seu estilo ten unhas peculiaridades diferentes a canto se fixo e estábase facendo en Galicia e serve de punto de partida á arquitectura que aquí se realiza ao longo do século XII. A súa pegada no mundo rural foi escasa e hai que buscala en pequenos detalles ornamentais e de organización de xanelas. Estas teñen un van rematado por un arco que se levanta a unha altura sensiblemente inferior que o que o enmarca. É o esquema que, en 1127 o artífice de San Lourenzo de Pedraza, vería no peche exterior do deambulatorio da Catedral de Santiago.
A fundación desta igrexa parece remontarse a época prerrománica e dela posiblemente quedan vestixios así como pezas reutilizadas na fábrica actual (sufriu importantes reformas entre os séculos XVI e XIX). Esta primitiva obra reformouse na data que figura nun epígrafe existente no testeiro do presbiterio, hoxe ilexible na súa maior parte, e cuxa transcrición segundo Vázquez Saco, é: “ERA ICLXV ET QVOTVM III KALENDAS IVLII PETRUS DIDACI…”. É dicir, “na era 1165 “ano 1127” o vinte e nove de xuño Pedro Diéguez…”. Se a inscrición estivese completa, quizá este descoñecido Pedro Diéguez fose un novo nome de mestre que engadir á curta nómina que deles tense, e sería ademais o máis antigo dos do mundo rural.
A planta do monumento, coa habitual orientación litúrxica de leste a oeste, consta de nave e capela únicas e rectangulares, esquema de orixe prerrománico de Galicia, e cóbrense con teitume de madeira a dúas augas.
Portada principal con porta de arco de medio punto, rematada en espadana de dous corpos e un só van, e balaústre de pedra. Para Ramón Yzquierdo Perrín, na fachada principal, igualmente reconstruída, chaman a atención as grandes doelas do arco da porta, cuxa altura evoca solucións prerrománicas.
O mesmo ocorre con algúns perpiaños dos paramentos do presbiterio. Neste, aproximadamente os dous terzos inferiores son lisos e nesta parte do muro do testeiro localízase a inscrición antes transcrita. Remata esta especie de alto zócolo (que serve para salvar o desnivel existente no terreo), nunha imposta decorada con bólas distribuídas de treito en treito. Tales impostas non son frecuentes en capelas rectangulares da rexión (aínda que si de Zamora); o motivo das bólas non podía ser descoñecido para un seguidor da obra de Santiago, xa que foran utilizadas na decoración dalgúns fustes cordóns do peche superior e exterior do deambulatorio compostelán, con todo, o motivo coñecerá unha maior difusión xa en datas avanzadas do século XII.

Sobre esta imposta e no testeiro da capela, ábrese unha xanela baixo arco de medio punto liso, apeado nunha columna acobadada a cada lado. Levántanse sobre altas e bastas baseas de sinxela molduración que parecen ser anteriores aos fustes, presentan a peculiaridade, pouco frecuente, de estar talladas non de maneira exenta, senón en perpiaños que tamén forman parte do muro. Os capiteis no seu parte inferior un dobre astrágalo con pequena escocia intermedia, característica que se observa en determinados capiteis prerrománicos. A súa decoración está constituída por estilizadas formas vexetais e forte entallado na parte superior. Os cimacios prolónganse lixeiramente polo muro. O esquerdo presenta bólas similares ás vistas; e o dereito, ostenta unha estilizada serpe cuxa cabeza se fai coincidir coa esquina da peza. Creo que pode afirmarse que este cimacio, é o primeiro de Galicia con tal motivo, nunca chegou a gozar dunha excesiva xeneralización, aínda que tampouco faltan exemplos de finais do século XII e comezos do XIII, así e dentro das igrexas da provincia, atópase na de Santa Eulalia de Augada, Carballedo e Santa María de Nogueira, Chantada.

Baixo o arco da xanela e cara á metade do fuste das columnas, aparece un novo arco de medio punto coa rosca decorada con billetes en damero. Remataba o van propiamente dito da xanela, hoxe burdamente tapiado. O conxunto e organización desta xanela sitúase claramente na liña das do peche exterior e superior do deambulatorio da Catedral, resultando unha forma híbrida dos dous tipos que nela se atopan. É unha solución que non deixa de constituír unha posible influencia desta obra no románico rural galego xa desde os seus comezos.

En cada un dos beirados dos muros laterais do presbiterio, dispóñense catro canzorros que sosteñen as voadas e lisas acubillas. A súa ornamentación é zoomórfica e de figuras humanas en diversas actitudes, salvo un que remata nunha grosa bóla de notable efecto plástico. A súa labra é en xeral basta, pero non está exenta dunha forte expresividade.

Os retablos que se conservan son de estilo neoclásico.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta: RI.000019755
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

ENLACES WEB:
– http://inventariopatrimoniocultural.xunta.es/

– NNSS Concello de Monterroso (Pax. 3 do PDF):
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/MONTERROSO/documents/0619CA001.PDF

BIBLIOGRAFÍA:
– YZQUIERDO PERRÍN, Ramón: “La arquitectura románica en Lugo”. Fundación Pedro Barrié de la Maza. 1983

– http://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/5414/capela-de-san-lourenzo-de-pedraza?langId=es_ES

– http://www.monterroso.es/es/las-huellas-del-romanico-en-el-municipio-de-monterroso

– http://aulloaenfotos.blogspot.com.es/2009/01/san-lorenzo-de-pedraza.html

– http://aulloaromanica.blogspot.com.es/2010/09/co-p-san-lourenzo-de-pedraza-monterroso.html

– https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2018/01/ermita-de-san-lourenzo-de-pedraza.html


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.813265
Lonxitude: -7.863589
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84