Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Carballiño (comarca) / San Amaro
Parroquia: Santa Ouxea de Eiras
Lugar: Eiras
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

De obra maioritariamente barroca, a igrexa de Santa Uxía de Eiras é froito de diversas remodelacións e ampliacións dende tempo inmemorial. No paramento dos seus muros foron reutilizadas misteriosas pedras con reticulados, e no seu adro apareceron vestixios romanos, con tégulas, cerámicas e, mesmo, restos dun mosaico dunha posible vila romana.

Popularmente era denominada como igrexa “de carneiro”, seguramente por ostentar, en tempos pretéritos, algún tipo de animal con cruz antefixa, que non se conserva. Polo muro norte aínda son visibles no paramento algúns dos distintos “engadidos” dende a súa primeira construción.

O actual edificio ten planta lonxitudinal e nave única de orientación canónica. Na fachada occidental presenta unha porta alintelada con arco de descarga de medio punto, sen decoración. Coroa a fachada unha espadana de dous corpos e tres vans, dous no corpo inferior, onde se instalaron as campás. A espadana foi o derradeiro elemento arquitectónico que se engadiu á fábrica, posiblemente obra do século XIX.

O presbiterio sobresae en altura por riba do teito da nave, con tellado a catro augas, pero tamén sobresae moi lixeiramente en planta. Interiormente está comunicado coa nave por un airoso arco triunfal.

Na fachada meridional presenta dous edículos engadidos, con menor altura, que acollen, respectivamente, a sancristía (anexa ao presbiterio) e unha antiga capela da Visitación.

A capela da Visitación foi edificada por Bartolomé Vázquez de Sabariz, xunto coa súa dona Catalina e os seus herdeiros, segundo pode lerse na inscrición con escudo que se atopa no muro occidental exterior. A entrada á capela da Visitación faise polo interior da igrexa, a través dun arco de medio punto no muro lateral sur. Bartolomé Vázquez de Sabariz finou en 1628. Tendo en conta que a capela é un engadido á nave da igrexa, esta nave xa tiña que existir no século XVI. Por iso as datas das primeiras construcións da igrexa de Eiras deben ser moi anteriores ás que se manexan habitualmente (1660-1740). Ademais, debemos valorar que é un edificio que non se fixo completo dunha soa vez. As diferenzas na disposición do paramento dos muros e a diversidade na labra das molduras das cornixas poden dar fe das distintas fases da construción.

No interior destaca un monumental retablo de tres canles e dous corpos, feito en 1704 por Francisco de Castro Canseco, coas imaxes da patroa, de San Xosé e de San Xoán. Na sancristía existe unha boa fonte de granito, con decoración barroca e desaugue ao exterior.

Pola parte occidental do templo está a reitoral, con airosa solaina cara a horta, que tivo un cabaceiro de grandes dimensións e un fermoso pombal circular. A casa reitoral está moi deteriorada.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta: RI.000028858
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

Sobresae o retablo de Castro Canseco con catro columnas salomónicas rodeadas de vides. Tamén hai dous retablos laterais, máis pequenos, de factura popular, con estípites e imaxes de San Bertolameu, San Antón de Padua, Santa Lucía, San Roque, a Virxe do Carme e San Francisco Xabier. Mobiliario barroco na sancristia e unha grande pía bautismal. Moi boa cruz procesional en prata, de Rañoi.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://inventariopatrimoniocultural.xunta.es/


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.35358641666
Lonxitude: -8.0524668722657
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84