A familia de patrimoniogalego.net ten moito que celebrar. Non só os dez anos de proxecto. Agora tamén un premio!

Recibimos a marabillosa noticia de que fomos galardoados co premio Rodolfo Prada 2021, concedido pola Deputación de Ourense. O xurado, a quen agradecemos a súa valoración, salientou a nosa faceta colaborativa e o traballo de recompilación do patrimonio de Galicia, inventariando máis de doce mil bens. patrimoniogalego.net foi premiado nunha edición na que resultou primeiro premio o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). Esta web foi tamén premiada canda o Festival Carballo Interplay. Damos tamén os parabéns a estas dúas iniciativas!

O vindeiro venres 15 de outubro ás 19:00, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dentro da programación da ICC Week 2021, recolleremos o premio que temos previsto empregar na mellora da páxina de patrimoniogalego.net. PG é un proxecto que naceu cunha fonda pulsión social e participativa, inventariar o patrimonio cultural galego, e poñer a información ó dispor dos cidadáns para coñecer que é o que temos e en que estado se atopa.

Se a día de hoxe temos por horizonte chegar aos 13.000 bens catalogados e grazas ao traballo de xigantes, dos nosos editores, equipo técnico e catalogadores, persoas que de xeito voluntario e altruísta dedican horas a editar, dar soporte técnico, comunicar, difundir e catalogar o noso, nun labor moitas veces silencioso e modesto.

Porque temos a convicción de que o Patrimonio de Galicia precisa de traballo, de compromiso e de amor. Ao fin e ao cabo, todos e todas as que somos parte de patrimoniogalego.net levamos o país no corazón, mesmo como Rodolfo Prada o fixo no seu día.

Parabéns compañeir@s e a gozar desta alegría, que presta e moito para renovar os esforzos.