Outra fotografía:

Tipo de ben: Fonte,
Concello: Verín
Parroquia: Cabreiroá
Lugar: Cabreiroá
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XX,
Descrición:

Conta a lenda que, cando os franceses pasaron por aquí indo cara Portugal, deixaron atrás feridos graves, obxectos e cabalos tamén feridos que eran inútiles para a marcha que levaban. A maioría deles colléronos os veciños tanto para comer, como para aproveitalos na labranza se era posible. Un deses cabalos viuse nas lamas de Cabreiroá (curiosamente, todos os balnearios do val aparecen onde hai lamas e lagoeiras) e aínda que o intentaron coller non podían, polo terreo dificultoso e, ademais, estaba moi mal, así que decidiron deixar que morrese onde quixer. Pero ían pasando os días e os veciños vían o cabalo sen morrer e que cada vez se lle vía máis san. Así que o párroco decidiu ir ver o que pasaba e seguiron o cabalo, e viron como todos os días ía beber a un nacente de auga ferruxinosa e gaseada, case quente, que saía nun lugar das lamas. E así naceu Cabreiroá… En realidade pódese dicir que nace moitísimo antes, cando os galaicos, e máis tarde os romanos, aproveitaron esas augas sanadoras, case milagreiras, nun templo, nun fanum onde hoxe se lle chama Bouzadoiro ou Igrexiña dos Mouros.
Cara 1860 xa se publicitaba o lugar para ir tomar as augas, aproveitando que outros balnearios existentes xa tiñan o seu tirón. Pero non foi ata principios do século XX, cando de man de José García Barbón, se soñou polo alto e se construiu o actual Balneario de Cabreiroá. Por todo o alto! Tanto foi así que García Barbón, para que todo fose perfecto, construiu unha presa nas Chás dende onde facer electricidade e levala ata o Balneario; chamou a un arquitecto de prestixio, Vázquez Guliás, para construír o Gran Hotel e as outras dependencias; creou unha empresa de buses para comunicar o recén chegado tren a Ourense para traer auguistas a Verín; construiu un tranvía tirado por burros entre O Toural de Verín ata o Balneario para facilitar o acceso ao mesmo. Ata convidou a un balnearista de luxo, como era Santiago Ramón i Cajal, a pasar uns día alí e comprobar que as augas podían optar a ser nomeadas como de Uso Público polo seu laboratorio.
Polo Balneario pasaron personaxes ilustres como raíña nai de Alfonso XIII, por dous veces se fixeron consellos de ministros na ditadura de Primo de Rivera; e todo contribuiu a crear en Verín unha cultura de balneario e turismo como nunca máis se viu nin viviu. Despois da guerra civil foi decaíndo ata o total abandono, quedando nada máis en pe que a pranta embotelladora, que hoxe ten un renacemento excelente da man de Hijos de Rivera. As augas teñen un contido de varios minerais e está indicada para os males de riñon, vexiga e estómago, tendo un punto de gas carbónico e un pouco de xofre no cheiro. O máis interesante é a concentración tan grande de litio, mineral moi interesante para os males neurolóxicos e hoxe de moda por outras cuestións.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 41.926685047574
Lonxitude: -7.422092862582
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84