Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Baños de Molgas
Parroquia: Ambía (San Estevo)
Lugar: O Calvario
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

A Igrexa parroquial de Santo Estevo de Ambía posúe planta rectangular con muros de sillaría e o presbiterio algo máis elevado que a nave.
Fronte sinxelo con porta de acceso e sobre ela pequena ventá circular, con cornixa en ángulo rematada con pináculos nas esquinas, e sobre ela espadana dun corpo, con remate con pirámide coroada con cruz.
Segundo reza nunha das paredes a fecha de construción da actual sería 1565, aínda que reformada a finais do século XIX.

Ambía é o nome do val e parroquia que nel asenta, non un lugar preciso.Val regado polo regueiro de Ambiela, diminutivo e afluente pola esquerda da Arnoia.
No mesmo val, pero xa á beira de Xunqueira, hai o Ambiado. Ambía está ao pé do enfesto Monte da Farria; na corredoira que se dirixe a este lugar, pode verse de pía dunha fonte incrustada na caracocha dun castiñeiro, un sartego antropoide(O Pilo). Hai nalgún penedo insculturas(Petroglifo do monte da Grama), resíos romanos e prerromanos, aras, algún castro(Castro da Acea). Son oito os lugares desta freguesía, veciña a Xunqueira.
O castelo principal do brazo civil rosendiano estaba onde lle din A Torre sobre Suatorre, ademais doutro forte subindo o monte onde lle din As Torres.
Aquí radica sen dúbida a base, o soar inicial da nobreza espallada polo Val. da Alta Arnoia. Tal foi o asento do brazo leigo rosendiano, punto de partida pra recobrar o espazo doado polos seus devanceiros, máis xenerosos, eles acuciados polo brillo da nobreza.
Do primitivo castelo ou torre o que fica é o camiño de ronda, coas casas veciñas á roda; cos perpiaños desmontados no séc.XIX fixéronse casas en Vilameá, deixando os alicerces cortados na rocha viva. O nome do lugar é indicativo: Su a Torre.
A referencia a Ambía segue por séculos, dando novas das orixes dos persoeiros a falta de arbores xenealóxicas. Aquí asitiaron os descendentes dos re-fundadores do mosteiro bieito de Xunqueira de Ambía que aparecen na escritura do ano 972, vista e citada por Ambrosio de Morales (Viage, 160).
De Ambía parten, actuando entre Sil, Miño e Limia; de aquí salta a Maceda e en Maceda se instala Don Paio Arias de Ambía, casado con dona María Rodríguez, sen por elo deixar de ollo as Torres de Ambía, de Penafiel en Armariz e Castelo de Bara en San Xoán de Padreda.
Hai un documento de Alfonso IX, anterior ò 1230 (A Limia, 440), no que está clara a interferencia deste Paio Arias nas propiedades dos mosteiros (Mº Rocas, 141) 1º Señor de Soutomaior, que está ó servizo de Alfonso VII (1109-1157), e que casa con Dona Inés Pérez de Ambía filla de Don Pedro Páez de Ambía e Dona María Fernández. Fillo de Men Páez e Inés Pérez de Ambía é Paio Méndez de Soutomaior (Pérez de Ambía) cabeza dos Soutomaior de Toledo, que loita nas Navas de Tolosa con Alfonso VIII (1158-1214).
Elvira Páez de Ambía casa con Gonzalo Yáñez de Nóvoa, e ó lle dar de dote a Torre de Maceda, son os primeiros señores de Maceda. (Coello, Apuntes 52).
O apelido, distintivo, de Ambía aparece na Idade Media por onde quer que vaia algún personaxe algo importante desta orixe.
No século XIII temos a Fray García Fernández de Ambía,dominico.
Desta castimonia, sen que poidamos segui-la liña xenealóxica, é ese Pay Rodríguez de Ambía, valente guereiro, que no ano 1340 combate contra a mouramia na batalla do Salado (Tarifa) ó lado de Alfonso XI, o mesmo que sostén liza en Valladolid con Ruy Páez de Biedma nado en Allariz polo 1300.
Adiantado este de Galicia e Merino Maior, a quen Alfonso XI dá a Casa de Portela de Pena no 1336.
Pay Rodríguez de Ambía é sen dúbida o que gana as 5 lúas que se ven no blasón dos Ambía, herdado polo actual escudo de Xunqueira de Ambía.
No ano 1585 fai testamento dona Guiomar Méndez (Menendiz) de Ambía, fundando o albergue de S.Pedro de Allariz, dotándoo coas casas que ten na vila, “para que moren en ellas y den cama a pobres vergonzantes” (Allariz, 137, Cid Rumbao).

Información: Elixio Rivas Quintas – Estudios de genealogía, heráldica y nobiliaria de Galicia.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Elixio Rivas Quintas – Estudios de genealogía, heráldica y nobiliaria de Galicia.

http://www.panoramio.com/photo/40826549

http://www.panoramio.com/photo/40826584

http://www.panoramio.com/photo/34214473


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.2074493099206
Lonxitude: -7.70599186420440
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84