Outra fotografía:

Tipo de ben: Fonte,
Concello: Mondariz-Balneario
Parroquia: Mondariz-Balneario (Nosa Señora de Lurdes)
Lugar: Mondariz-Balneario - Gran Hotel (Pazo da Auga)
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:

O manancial da Gándara foi descuberto en 1872 polo licenciado en Medicina e Cirurxía Sabino Enrique Peinador Vela (1847-1917). Dicíase que estando Peinador en Pontevedra, chegoulle unha das copias nas que figuraba o informe sobre as augas de Troncoso que Domingo Blanco Lage (1809-1866) repartira, animándoo a visita-las augas. Así, e xunto cun enxeñeiro, percorre a conca hidrográfica da comarca, atopando o manancial da Gándara, que no seu estado primixenio non era máis cunha charca escavada na terra de aproximadamente un metro cadrado escaso do que xurdían densas burbullas. Tralas posteriores inspeccións, concluíron que se trataban de augas fortemente mineralizadas, e Peinador adquiriu as terras pantanosas nas que brotaban ditas augas, asociando a seu irmán Ramón, avogado de profesión.
No 1873, despois de realiza-las análises pertinentes, as augas obtiveron a declaración de utilidade pública, e o 22 de febreiro dese mesmo ano, Ramón Peinador solicitou a autorización necesaria para a apertura do “Establecemento de augas minerais acídulo alcalinas carbónico-ferruxinosas de Mondariz” no lugar Chan da Gándara, o que foi aprobado o 16 de xuño.
As primeiras obras para o seu acondicionamento conlevaron un movemento de terras que permitiu comprobar como a auga xurdía nunha fendedura dende o chan granítico a 18º C de temperatura, ó tempo que deixaron ó descuberto restos de canos que facían supoñe-la existencia de anteriores explotacións. Deste modo, as augas quedaron xa captadas, saíndo ó exterior por medio de tres canos, dous destinados a encher as bañeiras e un para beber.
A fonte situouse nun lugar amplo, limpo e de acceso doado, e co tempo construíse unha fonte de ferro fundido e unha cuberta que protexera as xentes das inclemencias climatolóxicas, tamén se pechou cunha reixa de ferro e contratouse a unha persoa para que administrara as augas en vasos graduados aos enfermos.
A unha primeira construción máis sinxela reformaríase anos máis tarde para responder ás esixencias de suntuosidade e riqueza do conxunto. A súa situación privilexiada, dentro do luxoso parque do Gran Hotel, así o requería. A partires dese momento a cúpula e o propio edificio convértese en referencia visual e símbolo de tódalas demais construcións balnearias. Un tributo á auga e ós seus mananciais como se dun templo pagán se tratase.
O proxecto encargáronllelo a dous prestixiosos arquitectos, Antonio Palacios e a Joaquín Otamendi, que daquela construían o actual Palacio de Comunicaciones de Madrid. A liberdade á hora de deseña-lo novo edificio foi total para Palacios. O edificio constaba de dúas partes, unha para taller de embotellado das augas e outra, máis elegante, servía para o público que tomaba as augas ó pé da fonte. Contaba cunha altura de 28 metros, cunha cúpula de bronce e cristal, con cúpulas achafranadas e numerosas columnas.
A linguaxe clásica utilizada, a grandiosidade da cúpula no pavillón de bebida inspirada en motivos paladiáns e maila elegancia dos complementos ornamentais serviron para resalta-lo elemento xerador de vida no balneario: a auga. Para rematar, dicir que este edificio, pese a súa proximidade ó Hotel, non se viu afectado polo incendio do 9 de abril de 1973, e na actualidade consérvase o pavillón nun estado semellante onde se pode tomala auga igual que antano.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

BIBLIOGRAFÍA
«Libro de ouro do Balneario de Mondariz». Deputación Provincial de Pontevedra, 1996.

ENLACES WEB
www.fundacionmondarizbalneario.org/patrimonio-detalle/36/60/PROYECTOS DE LOS HERMANOS PEINADOR


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.226610675467626
Lonxitude: -8.465598821640014
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84